Ana Pontón fixa como prioridades para 2023 defender os servizos públicos, modelo enerxético a favor de Galiza e máis autogoberno

Ana Pontón
Ana Pontón

2022 foi un “ano negro” para a sanidade pública cun Goberno do PP convertido nun perigo para a saúde das galegas e dos galegos, alega a líder do BNG

O ano deixa un Executivo incapaz de defender os intereses de Galiza e que goberna para os poderosos mentres é insolidario coa maioría social

A portavoz nacional, Ana Pontón, fixo balance político do ano que remata e, coa vista posta no futuro inmediato, definiu as prioridades do BNG a favor de Galiza de cara ao 2023.

“Que teñamos un Goberno do PP esgotado e sen ideas, instalado na rutina e sen proxecto de País non significa que Galiza non teña futuro, ao contrario, temos un enorme potencial e grandes oportunidades”, salientou a líder nacionalista antes de dar paso as propostas que o Bloque quere impulsar no novo ano.

Empezando pola defensa dos servizos públicos, en particular a sanidade, a educación, avanzar na conciliación e dar atención de calidade ás persoas maiores. “Ter servizos públicos de calidade é o que marca a diferencia entre ser unha sociedade que avanzada ou non selo”, alegou Pontón.

A segunda prioridade do BNG será traballar por un modelo enerxético “sostible e xusto” con Galiza como zona produtora de electricidade, con dous obxectivos: abaratar a factura da luz e pasar do boom eólico espoliador que auspicia o PP a un modelo no que a riqueza eólica se coloque ao servizo do País, desde o respecto ao medio ambiente e ao rural.

A terceira prioridade é atender aos colectivos máis afectados pola crise, tendo en conta que un 25% dos galegos e das galegas están en risco de exclusión e, para iso, o Bloque propón unha “rede de protección social” con medidas como a tarxeta básica, bono de axuda para as familias con menos recursos ou axudas ao aluguer de vivenda.

En cuarto lugar, o BNG considera prioritario para 2023 “redefinir” a estratexia ante os Next Generation, até agora un total fracaso para Galiza, e apostar por un modelo produtivo baseado na ciencia e na innovación. Finalmente, e ante o centralismo, a formación nacionalista quere avanzar no autogoberno, “porque canta máis capacidade de decidir desde aquí, máis posibilidade de benestar”, alegou Pontón.

A líder do Bloque foi moi crítica co balance que deixa o Goberno do PP nun ano marcado pola escalada de prezos, un Partido Popular “que arrastrou os pés ante a crise e submiso ás directrices de Génova, convencido de que canto peor para a xente do común, mellor para os seus intereses partidistas”.

Pontón describe ao Goberno popular como un executivo “rutineiro, esgotado, sen proxecto de futuro e insolidario, porque goberna para unha minoría privilexiada e para as empresas amigas, moi especialmente o lobby eléctrico.  Un Goberno do PP incapaz de defender os intereses de Galiza, incapaz de axudar aos sectores produtivos e a que máis o precisa ante a crise”.

Basta facer, dixo, un repaso ao 2022 para constatar que Galiza foi a menos. Afondouse no deterioro dos servizos públicos, sobre todo na sanidade, cunha atención primaria colapsada. “Non é unha situación nova, pero este ano foi un ano negro para o sistema público de saúde, ante un Goberno do PP que foi de disparate en disparate para tapar os efectos de trece anos de recortes e privatizacións”, denunciou.

Urxencias saturadas, PACs sen persoal médico, propostas de pechar centros de saúde, telepantallas, consolidación das listas de espera en primaria, miles de nenos e nenas sen pediatra asignado ou a cascada de dimisións e destitucións no SERGAS, indicou, retratan o estado da sanidade pública que deixa o PP.

Pontón tamén puxo no debe do Goberno de Rueda un modelo privatizado que fai negocio co dereito a unha vellez digna e a insolidariedade e incapacidade para dar solucións ante a crise de prezos.

Pelotazo fiscal en plena crise

“Nunha Galiza na que os salarios e as pensións son máis baixas que a media, pero na que os prezos suben máis, o PP apostou polo pelotazo fiscal, cun agasallo de 34 M€ para as 7.700 persoas con máis patrimonio, mentres suprimía a tarxeta básica de alimentos e medicinas”, denunciou. O mesmo Partido Popular “que goberna abrazado ás eléctricas e da barra libre ao espolio eólico, e todo iso mentres veta a tarifa eléctrica galega para ter unha factura máis baixa”.

O ano tamén conclúe sen avances en problemas estruturais como a crise demográfica e a despoboación, mentres continuou o peche de comercios e a perda de emprego e de peso do sector industrial. 2022 foi tamén o ano no que o Goberno do PP demostrou a súa total incapacidade para defender os intereses de Galiza, nin ante o Goberno do Estado nin ante a Unión Europea.

Fiasco dos Next Generation

Fracaso absoluto á hora de conseguir que Galiza recibise os fondos Next Generation que lle corresponde, “de feito, non temos nin un só proxecto estratéxico en marcha, ningún que conte cos fondos necesarios”, denunciou.  Igual fracaso para defender ao sector pesqueiro, ou para evitar unha nova subida das peaxes despois de que o BNG conseguira a única baixada das tarifas que se ten dado na AP9.

Finalmente, 2022 foi tamén un ano perdido en materia de avance de autogoberno real, porque un ano máis e van trece, o Goberno do PP non conseguiu nin unha soa nova transferencia. E como colofón, os dramáticos datos da evolución do galego que perde falantes mentres avanza o monolingüísmo en castelán.

“Ogallá puidese facer outro balance, pero este é o resultado dun goberno do PP instalado na rutina, esgotado, incapaz de defender os intereses de Galiza e insolidario coa maioría social”, sintetizou Pontón, quen comprometeu que o BNG seguirá traballando para darlle futuro a este País.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG