Ana Pontón fixa como prioridade dun goberno BNG rescatar o rural cunha política de discriminación positiva de servizos públicos

Foto Parlamento Aberto Rural
Foto Parlamento Aberto Rural

Propostas: manter todas as escolas unitarias, dotar de pediatría os centros de saúde, reverter os recortes en sanidade e garantir servizos bancarios

Hai que mudar a “morte lenta” do rural, por un rural produtivo, con rendas xustas, que garanta a soberanía alimentaria e a biodiversidade

Datos: o 90% do territorio é rural, 4.000 núcleos abandonados, rendas un 25% máis baixas que a media, 110 escolas unitarias pechadas, 20% da superficie con eucaliptos fronte o 3,9% de cultivos para consumo humano

A portavoz nacional, Ana Pontón, abriu a xornada de traballo Por un rural vivo afirmando que todos os países avanzados teñen un rural forte e produtivo que garante a soberanía alimentaria, crea riqueza, é sustentable no ambiental e ofrece servizos de calidade. “Ese é o rural que defende o BNG, porque temos clarísimo que é parte estratéxica e imprescindible para unha Galiza con futuro”, destacou.

Por iso, a líder nacionalista fixa como prioridade dun Goberno liderado polo BNG “rescatar o rural” do abandono no que o deixan as políticas do PP. “A Galiza rural está conformada por 263 concellos e ocupa o 90% do territorio, alguén se imaxina unha Galiza de futuro sen o 90% do seu territorio? Para o BNG é inconcibible, por iso temos que rescatar o rural do abandono, da improdutividade e da despoboación, temos que rescatar o rural da morte lenta que significan as políticas do PP”, comprometeu.

O abandono do Goberno do PP tamén se expresa en números. En 2021, deixou sen executar o 21% do orzamento, desde 2009 o investimento en valorizar e dinamizar o medio rural caeu en 1.412 millóns de euros.

Pontón considera que ese rescate do rural é posible e presenta un Plan estratéxico para un rural vivo e con futuro estruturado en dez liñas de actuación e ten como principal baza unha política de discriminación positiva en materia de servizos públicos, con medidas concretas que foron enumeradas pola líder nacionalista: manter as escolas unitarias, - o PP na Xunta pechou 110-, dotar de pediatría todos os centros de saúde, reverter os recortes sanitarios no medio rural, garantir os servizos bancarios e reforzar todos os servizos sociais.

A segunda liña estratéxica ten como obxectivo clave conseguir un rural produtivo, que aporte alimentos de calidade e permita a soberanía alimentaria,  e para iso inclúe no plan de rescate mobilizar terra agrícola abandonada. En concreto, 100.000 hectáreas en dez anos, e recuperar para uso agrario as terras ilegalmente forestadas.

Dentro desta aposta, impulsar a produción hortifrutícola e a agroecoloxía,  superando a reducionista visión do monocultivo de eucalipto. De feito, a superficie agraria destinada a produtos de consumo humano é do 3,9%, mentres que no conxunto do Estado é o 25,5%, por contra, Galiza ten un 20% do seu territorio ocupado por eucaliptos.

“Estamos falando de superficie agraria destinada a produción de cereais, hortalizas, froitas, legumes, oleaxinosas ou aceite, pese a que temos unhas condicións extraordinarias para os cultivos agrarios. Pero nos últimos anos, baixou a produción de trigo, de millo, de pataca, de tomate, de pemento, de uva para o viño, etc. Hai que darlle a volta a esta tendencia e apostar pola produción”, argumentou Pontón.

Amazón galego para o rural

O Plan estratéxico para un rural vivo da un papel clave á comercialización con medidas como a posta en marcha de centros comarcais de envasado e etiquetaxe pensados parar facilitar a venda da produción de quilómetro cero; a creación dunha plataforma  público-privada de comercialización online, a modo de amazon galego para produtos frescos e elaborados de orixe agrogandeira.

Igualmente, no ámbito da comercialización, promover o consumo de produtos locais no ámbito público como residencias, hospitais, centros educativos, edificios administrativos. Ademais de apoiar ó produtor local, redúcese o impacto ambiental.

A quinta liña estratéxica do plan de rescate é a dotación en infraestruturas, cunha aposta pola dixitalización do medio rural e por estender as novas tecnoloxías, mellorar as comunicacións para garantir unha mobilidade propia do século XXI, potenciar o transporte público e apostar polo tren como transporte de conexión tamén na Galiza interior.

A sexta liña de traballo pon o foco en conseguir rendas xustas e dignas para produtores e produtoras,  establecendo na Lei da cadea alimentaria un mecanismo de fixación de prezos que imposibilite vender a perdas.

Empoderar á muller no rural

Un aspecto clave do plan de rescate do rural son as políticas de igualdade para a muller, “empoderar as mulleres e darlle o recoñecemento e o papel que lles corresponde porque son imprescindibles, de feito, algunhas das experiencias actuais máis innovadoras son autoría de mulleres, pero precisan ter un apoio que hoxe non teñen”, salientou,

Igualmente, é imprescindible “rexuvenecer o rural”, e iso pasa por atraer a xente moza, por facilitar o relevo xeracional, indo máis aló das axudas directas, “porque só poderemos levar a mocidade ó medio rural cando lle ofrezamos servizos, rendas dignas, infraestruturas, boas comunicacións, ocio, tecnoloxía”.

Dada a importancia específica do sector lácteo, -con máis de 6.000 explotacións de vacún de leite-, a formación nacionalista inclúe a creación dunha empresa láctea público-privada con participación de pequenas produtoras e cooperativas para a transformación do leite en produtos de alto valor engadido. Finalmente, a décima liña estratéxica pasa por conseguir vincular as axudas da PAC á produción e non á superficie, para evitar o prexuízo do sector agroganderio galego.

“O cambio climático, a pandemia, a crise de prezos avisan da importancia de ter un rural vivo porque significa soberanía alimentaria, rendas dignas, biodiversidade e loita contra os lumes, significa frear o abandono, aproveitamento multifuncional do monte,  significa emprego, servizos e infraestruturas de calidade”, sintetizou.

Galiza  ten un rural cun potencial inmenso, pero necesita un Goberno que poña en valor toda esa riqueza, un goberno que traballe a favor do rural. Ese é o compromiso do BNG”, concluíu Pontón, fronte a un PP que deixa como “desfeita” 102.000 habitantes perdidos en dez anos, a maior parte no rural, case 4.000 núcleos abandonados, envellecemento e 1.412 M€ menos en valorizar e dinamizar unha parte vital de Galiza.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG