Ana Pontón: «Feixoo ten que escoller: Galiza ou PP»

Ana Pontón
Ana Pontón

“Galiza non é a sala de espera das súas ambicións e non se lle paga nin para tapar a corrupción ni para ocuparse da guerra interna do PP”, alega

Crítica que, pese ó drama vivido na COVID, manteña un modelo privado de residencias que fai negocio a costa das persoas maiores e das súas familias

A portavoz nacional, Ana Pontón, demandoulle ao presidente da Xunta que aclare de inmediato se vai dimitir para ocuparse do PP por honestidade política cos galegos e coas galegas: “Galiza ou o PP”, recalcou, “elixa señor Feixóo porque Galiza non pode ser a sala de espera da súas ambicións persoais, nin a sala de espera de ninguén”.

A líder nacionalista lembroulle que os galegos e as galegas non lle pagan “nin para tapar a corrupción do PP, nin para ocuparse da guerra interna do seu partido”, por iso, recalcou,  se vai ser a súa ocupación a partir de agora “debe ter a honestidade política” de comunicalo canto antes. “Vai vostede seguir como presidente de Galiza ou vai ocuparse do PP? Unha ambición lexítima, sobre todo agora que a señora Ayuso lle deu a súa bendición, pero ten que elixir, ou Galiza ou o PP?”, demandou.

A portavoz do BNG que preguntaba ao xefe do Executivo polo seu modelo de residencias, -cun 85% das praza privatizas e coa menor cifra de prazas públicas de todo o Estado-, recriminoulle a Feixóo que persista en manter un sistema que facilita ás “empresas amigas do PP como Domus Vi seguir facendo negocio coa vellez”. Unha proba máis de que o PP “non entende a política como servizo público, senón como servirse do público”.

Unha denuncia que foi acompañada dunha pregunta para que o presidente da Xunta aclarase a súa valoración do contrato a dedo que a presidente de Madrid concedeu a unha empresa que terminou pagando unha comisión ao seu irmá, utilizando as declaracións de Pablo Casado nunha entrevista de radio: “A cuestión é se é entendible que o 1 de abril de 2020 cando en España morrían 700 persoas ao día, se pode contratar coa túa irmá –a señora Ayuso-, e cobrar 300.000 euros por vender máscaras”.

“Cal é a súa valoración, pensa que é un caso máis de corrupción do PP que hai que barrer para debaixo da alfombra? E esa a súa valoración?”, interpelou a líder do Bloque que xa ve a Feixóo máis pendente de Génova que de Galiza e, nese sentido, recomendoulle un cambio de slogan, “porque da a impresión que neste momento o que mellor lle encaixa é Génova, Génova, Génova”, ironizou.

Pero mentres se ocupa de Génova 13, denunciou, no se ocupa dos problemas do País, entre eles os que soportan as persoas maiores cun modelo de residencias privatizado que fai negocio coa vellez. De feito, explicou, o 85% das prazas son privadas e Galiza é a comunidade con menos prazas públicas de residencias de todo o Estado, implicando esperas de até dous anos.

“Temos a obriga ética a e moral de tomar nota do que pasou na pandemia onde un colectivo de 22.000 persoas chegou a representar o 45% dos falecementos”, indicou, “e para iso hai que poñer en marcha un modelo de residencias no que a prioridade sexan as persoas e non que fagan negocio as empresas amigas do PP. Porque niso son especialistas, en facer de todo negocio, tamén en pandemia”, denunciou.

Para avanzar nesa dirección, o BNG presentou unha proposición no de lei no Parlamento cun modelo de residencias público, con propostas como: humanizar os coidados das persoas maiores, con centros de menor tamaño onde a maior parte das habitacións sexa individuais; aumentar o persoal en todas as categorías; un servizo de inspección específico e eficiente e transparencia, de tal xeito que calquera cidadá poda ter información detallada de todas as residencias do País.

Un modelo, indicou, nas antípodas do que defende o Executivo de Feixóo. “En doce anos de goberno non construíu vostede nin unha soa residencia pública,  cero en doce anos”, criticou a líder do Bloque, quen lle que pese ao drama vivido na pandemia, “siga vindo ao Parlamento a presumir da cifra de falecidos nas residencias e por riba se esconda tras as traballadoras deses centros que están en condicións precarizadas sen que o seu goberno faga nada”.

O Bloque xa presentou no Parlamento unha proposición de lei para un novo modelo de residencias público alternativo ao do PP, que deixe atrás o actual sistema privatizado que fai negocio coas persoas maiores, que fai negocio coas familias e que fai negocio cos galegos e coas galegas. “Espero que podamos contar co seu voto se aínda é deputado desta Cámara se é que non se foi para Madrid agora que parece ter o permiso da señora Ayuso”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG