Ana Pontón a Feixóo: “Galiza non merece un presidente sen palabra que di unha cousa e fai a contraria”

Acusa ao xefe do Executivo de querer manterse no poder a toda costa, e de usar a Xunta como plataforma para lanzar a súa precampaña electoral

O BNG presentará unha queixa formal ante a Mesa do Parlamento pola actitude do presidente da Cámara a favor do PP

A portavoz nacional, Ana Pontón, citou a Cicerón para advertir contra a política sen principios, -“cando os políticos non ser rexen pola ética son como hienas á caza do poder”-,  para denunciar que Galiza non se merece un presidente “sen palabra, disposto a manterse no poder custe o que custe” como ven de demostrar en Ourense.

“Vivimos tempos nos que é necesario dignificar a política e recuperar o seu verdadeiro significado, e para iso é imprescindíbel o valor da palabra, que o que se di se corresponda co que se fai”, alegou Pontón na sesión de control ao xefe do Executivo, para denunciar que Feixóo fixo xusto o contrario.

Para Ourense sería letal ter a Jácome como alcalde, una persona histriónica, lo contrario de una ciudad abierta y cordial. Lamentablemente fuera nos empiezan a conocer por eso … nos preocupa, porque nos da mala imagen”, salientou recollendo as declaracións do presidente galego nunha entrevista de prensa.

Pero, indicou, “ese político letal, histriónico e contrario a unha cidade aberta e cordial é alcalde de Ourense por obra e gracia dos votos do PP. Un cambalache que provoca vergoña allea e deixa claro que a súa palabra non vale nada e que practica a peor das políticas, a que ten como único obxectivo manterse na poltrona a toda costa porque é un xonqui do poder”.

Pontón afondou na gravidade desa falta de principios en quen ocupa a máxima responsabilidade de goberno.

“Cando o poñemos contra o espello das súa palabras o que constatamos é algo moi preocupante para este país: que temos un presidente da Xunta que tanto di unha cousa como fai a contraria e non podemos crer na súa palabra. Non é o presidente que precisa Galiza”, sentenciou, convencida de que os galegos e as galegas “vanlle poñer as maletas na porta” nas eleccións de 2020.

E para tapar esa realidade, salientou a líder do Bloque, Feixóo volveu recorrer “á propaganda e á publicidade”, nesta ocasión co agravante de utilizar as institucións de goberno como plataforma electoralista.

“Como non ten palabra continuamente ben aquí a repetirnos as mesmas promesas e o pasado xoves o que fixo foi un acto preelectoral na sede da Xunta,  e se tivese tanto que ofrecer non suspendería o Consello de goberno onde se poden tomar decisións para dar un mitin na sede da Xunta”, criticou, “nun intento desesperado de tapar a realidade do seu fracaso porque é o peor presidente da historia de Galiza, como demostra a sangría migratoria da xente moza que está detrás da crise demográfica ou o deterioro dos servizos públicos”.

Actuación de parte do presidente da Cámara

Como é habitual nas sesión de control, Feixóo eludiu dar explicacións e aproveitou o turno de peche para acusar ao BNG de ser morno na condena do terrorismo, unha acusación que a líder nacionalista considera intolerable e que suscitou unha cuestión de orde por parte de Ana Pontón para pedir a retirada desas declaracións, petición que non foi atendida polo presidente da Cámara.

Por iso, a formación nacionalista vai presentar unha queixa formal ante a Mesa do Parlamento pola actuación de parte a favor do PP do presidente Miguel Santalices, que deixa ao BNG en situación de indefensión parlamentaria.

O Bloque contrapón esta negativa de Santalices a atender a súa petición coa dilixencia que pon para chamar a orde ou decidir a retirada do diario de sesións cando na Cámara se menciona a condena por corrupción do PP ou cando se lembran os seus vínculos co Franquismo. Pero mira para outro lado cando é o PP e o propio presidente da Xunta quen fan acusacións e insinuacións insidiosas nada menos que nunha cuestión de tanta gravidade, poñendo en cuestión a coñecida oposición do BNG de total condena de calquera tipo de terrorismo.

 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG