Ana Pontón a Feixóo: “Exerza como presidente e evite que os Next Generation se convertan nun monumental fracaso para Galiza”

play_arrow Intervención de Ana Pontón na sesión de control ao presidente da Xunta.

A incapacidade do xefe do Executivo para defender os intereses galegos ante o Estado fai que o País perda centos de millóns de euros en plena crise

“Só se pon gallito co Goberno central para defender ENCE”, critica

A portavoz nacional, Ana Pontón, levou a sesión de control a “incapacidade” do presidente da Xunta para defender os intereses de Galiza ante o Goberno do Estado, -en particular nos Next Generation-, o que lle está custando ao País centos de millóns de euros en plena crise e xusto cando se está a negociar o reparto dos 72.000 millóns de euros de axudas directas dos fondos europeos.

“Saír da crise é a prioridade, pero non é gratis porque precisa investimentos masivos”, alegou Pontón, tras destacar que os fondos europeos “non son a panacea nin poden condicionarse a recortes sociais, pero son os únicos recursos extra sobre a mesa e Galiza debe recibir até o último euro que lle corresponda”, salientou.

Ao tempo que se presentaba no Congreso o plan para o reparto de 72.000 millóns de euros en axudas directas, Pontón preguntaba a Feixóo “que está facendo para que os cartos que lle corresponden a Galiza non se perdan polo camiño do centralismo nin porque outros defenden mellor os seus intereses?”. En definitiva, para evitar unha nova discriminación.

“Moito me temo que os Next Generation van terminar por ser un monumental fracaso para Galiza, un monumental fracaso pola súa incapacidade para defender os intereses galegos e pola opacidade do proceso. No BNG estimamos que debemos recibir 12.600 millóns de euros pero moito nos tememos que a cantidade será moito menor e que vai acabar nas mans dun puñado de multinacionais. Moito me temo que se vai perder unha oportunidade de sentar as bases dun novo modelo económico sustentable baseado na ciencia e na investigación”, argumentou.

Pontón lamentou que o xefe do Executivo evitase concretar nada en relación aos fondos europeos optando por consumir a súa quenda en ataques: “non se trata de vir á sesión de control a descualificar á portavoz do Bloque, trátase de defender os intereses do País, exerza de presidente e evite un fracaso monumental para Galiza”, recalcou, tras poñer como exemplo que nos fondos COVID transferidos polo Estado, perdéronse 289 M€ que correspondería só por porcentaxe de poboación.

“E isto é así porque non foi capaz de negociar unha distribución que non discrimine aos galegos e as galegas, como a taxa de desemprego sen ter en conta a sangría da emigración; como o PIB por habitante que ignora o efecto estatístico, porque non é que sexamos máis ricos, senón que somos menos a repartir porque hai 200.000 mozos e mozas que colleron as maletas. E até se computou como criterio as viaxes en metro ou en tranvía, que até onde eu sei non existen en Galiza, e xa só faltaba que tamén se valorase a caída das viaxes en AVE”.

Pontón ironizou sobre o empeño de Feixóo en reprocharlle ao BNG o acordo co PSOE, “grazas ao cal os galegos e as galegas van ter unha rebaixa histórica das peaxes da AP-9, así que é perfectamente comprensible que lle sirvamos de inspiración”. E si, indicou, “votamos a favor do goberno de Pedro Sánchez porque a alternativa era PP e VOX”, recalcou.

Igualmente, a líder nacionalista fíxose eco da boa sintonía que o Executivo central presume de ter co presidente galego.

“Quen está encantado é o Goberno de Sánchez porque con vostede na Xunta sáenlle gratis todas as discriminacións con Galiza, porque só se pon gallito cando se trata de defender os intereses de ENCE aínda que sexa a costa de seguir contaminando a Ría de Pontevedra, pero é incapaz de defender os intereses do País nunha cuestión clave como o reparto dos fondos Next Generation”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG