Ana Pontón explica á diáspora de Montevideo o proxecto do BNG para unha Galiza que ofrece oportunidades de emprego á emigración en sectores económicos estratéxicos

Propón reforzar o financiamento parar facilitar o retorno, en particular a e emprendedores,  e axilizar a homologación de títulos académicos

Inicia a súa axenda con reunións coa colectividade no Padroado da Cultura Galega e coa Federación de Asociacións Galegas en Uruguai

A portavoz nacional, Ana Pontón, arranca a súa axenda en Montevideo reuníndose coa colectividade galega tanto no Padrodado da Cultura Galega como coa Federación de Asociacións Galegas de Uruguai.

A líder nacionalista aproveita eses encontros para explicar o proxecto político do BNG para unha Galiza inclusiva coa emigración, tendo en conta que hoxe este País precisa man de obra en moitos dos seus sectores económicos estratéxicos, como o mar-industria, o agrogandeiro ou a construción entre outros.

“Estes encontros son unha oportunidade, en primeiro lugar, para coñecer as demandas que teñen estas entidades e a propia colectividade galega e, desde logo, tamén para explicarlles a alternativa de goberno que representa o BNG para este País, para construír unha Galiza máis forte e mellor, unha Galiza de portas abertas a todas as persoas que un día tiveron que emigrar buscando oportunidades fora”, explicou desde a capital charrúa.

Pontón vai trasladarlle a comunidade galega o interese do BNG en fomentar o retorno da xente moza emigrada ou descendente de emigrantes que manteñen vínculos con seu país de orixe, “porque hai moitos sectores económicos que precisan man de obra”, indicou, recalcando que o BNG “propón unha Galiza aberta e inclusiva onde os galegos de emigración son benvidos”.

De feito, o Bloque considera necesario reforzar o financiamento para facilitar o retorno dos galegos emigrados, en particular aquelas persoas que teñan intención de emprender ou de poñer en marcha proxectos de interese económico, social ou cultural. Nesa mesma dirección, Pontón considera importante “axilizar a homologación de títulos, neste momento atascada, a través da transferencia Galiza desta competencia”.

A líder do Bloque tamén destaca a urxencia de conservar o legado cultural da emigración, “polo menos o que queda a día de hoxe porque o certo é que a nefasta xestión que ten feito o goberno do Partido Popular durante décadas fai que se perdera unha parte importante dese extraordinario patrimonio ou que, no mellor dos casos, se atope en condicións inadecuadas de conservación”.

Coincidindo coa celebración do Ano Castelao, indicou Pontón, “non podemos esquecer que foi precisamente en Montevideo onde se constituíu o Consello de Galiza en novembro de 1944, entidade central da nosa historia recente porque terminou por derivar no goberno galego no exilio, do que Castelao foi o seu primeiro presidente”, destacou.