Ana Pontón exixe o peche definitivo de ALTRI e a paralización da mina de Touro: “Entre o espolio e Galiza, o BNG sempre está con Galiza”
A portavoz nacional do BNG retrata o presidente da Xunta: "Mentres Rueda boicotea ás familias afectadas, as multinacionais teñen barra libre para espoliar o noso país"
Pontón acusa o PP de "reabrir a ferida" de Altri e Touro e chama a unha "nova vitoria social" para enterrar definitivamente ambos proxectos
A portavoz nacional do Bloque Nacionalista Galego, Ana Pontón, participou este sábado na mobilización convocada na Illa de Arousa na defensa da comarca da Ulla e da ría de Arousa e contra a reapertura dos proxectos da macrocelulosa Altri e da mina de Touro. Alí afirmou que a cidadanía volve estar “unha vez máis, e todas as que fagan falta, para defender á xente do mar e á xente do rural, para defender o medio de vida e os postos de traballo de miles de familias, para defender o noso monte, o noso mar, os nosos ríos”.
Pontón subliñou que están “para defender Galiza fronte ao espolio e a rapina dunha presa de multinacionais ás que o Partido Popular da barra libre para roubar a nosa riqueza, deixando contaminación e destrución”. E sentenciou: “Rueda está empeñado en vender Galiza a prezo de saldo, pero non llo imos permitir”.
A líder nacionalista reclamou “o peche definitivo de Altri” e exixiu ao goberno do PP que “denege todos os permisos e autorizacións a esta bomba ambiental”. Así mesmo, manifestou o seu rexeitamento á “megaminería contaminante” para impedir que se reabra a mina de Touro-O Pino, “controlada por fondos voitre”. “A diferenza do PP, entre o espolio e Galiza, o BNG sempre está con Galiza. Entre encher os petos dunha presa de multinacionais e a xente, o BNG ten claro onde está: ao lado de todos os veciños e veciñas”, afirmou.
Pontón recoñeceu que “a forza da xente logrou parar Altri, pero aínda non podemos baixar a garda, até que haxa unha retirada total de todos os permisos e autorizacións”. E puxo como exemplo o ocorrido coa mina de Touro-O Pino: “Logramos paralizala, pero o goberno de Rueda volveu activar a súa reapertura, cando decidiu regalarlle a declaración de proxecto industrial estratéxico” en xuño de 2024. Denunciou que o PP tomou esta decisión “pese a que o proxecto da mina é case idéntico ao que se presentou en 2017 e foi rexeitado polo seu impacto ambiental”, e que agora “ocupa 1,3 millóns de metros cadrados máis de superficie e mantén o mesmo método de explotación a ceo aberto, cun impacto enorme para o medio ambiente e para a veciñanza”.
Entre as graves implicacións, a portavoz citou “a desaparición de acuíferos, mananciais e pozos que abastecen á poboación e ás explotacións agrarias” e “a inseguridade para a veciñanza que tería que soportar dous depósitos de toneladas de estériles ao lado das casas, un deles cunha altura de 80 metros”.
Nunha intervención cargada de preguntas directas ao presidente da Xunta, Pontón cuestionou: “Pregúntolle ao señor Rueda se lle gustaría vivir coa súa familia ao lado dun depósito de residuos mineiros de 80 metros de altura e 3.000 metros de largo. E por que obriga ás familias afectadas a ter que soportar esa situación da mina de Touro-O Pino. E tamén lle pido que explique se considera normal boicotear o dereito da veciñanza a presentarse como parte interesada, que explique porque lle nega a persoas que viven literalmente ao lado da mina ese dereito. Tan bravo cos veciños e veciñas, tan mansiño coas multinacionais”.
Finalmente, Ana Pontón concluíu: “Unha vez máis, vemos a Rueda dicindo non a Galiza. Unha vez máis, o goberno do PP empeñado en converter Galiza nunha colonia con barra libre para o espolio dos nosos recursos naturais, para que se forren as empresas amigas do PP e as multinacionais. Desde o BNG imos facer todo o posible para que iso non pase, para que sexa Galiza quen gane esta batalla social, económica e ambiental”.