Ana Pontón destacada dúas prioridades na reunión con Rueda: plan de choque de 200 M€ en atención primaria e subir o complemento autonómico das pensións non contributivas

Feira de Silleda
Feira de Silleda

Reitera que vai coa “mellor das vontades” ao encontro para buscar puntos de acordo en beneficio de Galiza, en particular nas cuestións máis urxentes

Visita a Semana Verde de Silleda, escaparate do gran potencial do sector agrogandeiro para xerar alimentos de calidade e manter un rural vivo

A portavoz nacional, Ana Pontón, avanzou desde Silleda dúas das prioridades que o BNG levará á reunión co presidente da Xunta, avanzadas por escrito ó xefe do Executivo no documento que recolle os asuntos que a líder nacionalista denomina axenda galega de temas urxentes, entre eles a situación da sanidade pública e a crise de prezos.

No primeiro asunto, a proposta do Bloque é un plan de choque de 200 M€ para sacar atención primaria da situación de colapso. Na segunda prioridade, o paquete de propostas para paliar o impacto da escalada inflacionista, sobre todo entre os colectivos máis vulnerables, tamén con medidas moi concretas: aumentar o complemento autonómico das pensións non contributivas, ademais de mellorar a RISGA facendo que sexa compatible co IMV e aumentar as axudas para gastos básicos de vivenda ás familias con menor nivel de renda.

“Esta semana vimos unha nova protesta dos profesionais da sanidade, neste caso de medicina interna, precariedade que tamén afecta á calidade da atención que poden prestar, unha nova mostra dos efectos dos recortes que afectan a todo o sistema público e moi especialmente á atención primaria”, explicou.

Feira de Silleda
Feira de Silleda

O segundo asunto que a líder nacionalista levará á xuntanza está relacionada coa crise de prezos, que está poñendo contra as cordas ás PEMES, á clase traballadora e ás persoas autónomas, con especial incidencia nos colectivos con menos ingresos.

“Levaremos como proposta a subida do complemento autonómico das pensións non contributivas, que son as máis baixas, menos de 400 € na maior parte dos casos. Falamos de uns 37.000 galegos e galegas con grandes dificultades para chegar a fin de mes, e a obriga das administracións é axudar a quen menos ten. Por iso proporeille a Rueda unha subida do complemento autonómico que leva trece anos conxelado, co fin de botarlle unha man a quen peor o está pasando”, explicou Pontón.

Propostas dirixidas ás persoas con menos ingresos ante unha inflación descontrolada, que se completan con outras que se recollen no documento remitido pola líder do Bloque ó presidente da Xunta: aumentar a contía da RISGA, facela compatible coa prestación do IMV e aumentar as axudas para gastos básicos de vivenda.

“Imos coa mellor da vontades a esa xuntanza e coa vocación clara de axudar a quen peor o está pasando coa crise de prezos, -explicou-,  e agardo que o presidente da Xunta teña a mesma disposición para chegar a acordos en ámbitos que son importantes para mellorar a vida das persoas”, concluíu.

Feira de Silleda
Feira de Silleda

Pontón visitou a 44º edición Semana Verde de Silleda e destacou que a feira era un “gran escaparate” do potencial do sector agrogandeiro, tanto para producir alimentos de calidade como para a súa transformación e xerar valor engadido. E isto é, indicou, “un valor como sociedade que debemos recoñecerlle os produtores e produtoras dun sector que vive un momento complexo: Non hai nin un só país avanzado que non teña un medio rural forte, e en Galiza temos capacidade para conseguir un rural vivo, dinámico e produtivo, pero precisa apoio desde as administracións”.

Producir alimentos de calidade e camiñar cara a soberanía alimentaria é unha cuestión fundamental que a pandemia puxo máis de relevo que nunca, por iso, o BNG propón medidas como incrementar a superficie agraria útil, tendo en conta que só un 3,9% da superficie agraria está destinada a produtos de consumo humano, cando no conxunto do Estado é do 25,5%.

“É fundamental garantir prezos xustos os e as produtoras, porque vemos como subiu a cesta da compra, pero que ese incremento non chega nin ós produtores de leite nin ás de carne”, indicou Pontón, citando dous exemplos. Por iso hai que facer cumprir a Lei da Cadea alimentaria, que impide pagar prezos por debaixo de custe. O sector primario debe ter axudas directas para afrontar a inflación e, nese sentido, o BNG demanda a mobilización de 700 M€ para atender ó sector primario e a outros sectores económicos que sofren especialmente a subida de prezos.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG