Ana Pontón destaca o traballo do BNG no goberno local: “Foi e é auténtico motor de avance e transformación de Lugo”

Equipo de goberno de Lugo

Avanza que o Bloque seguirá impulsando o seu proxecto de futuro para a cidade afondando na súa mellora económica, social e cultural

A portavoz nacional, Ana Pontón, reivindicou o traballo do BNG no goberno municipal de Lugo como “auténtico motor” de avance e transformación da capital lucense, un impulso que atribuíu ao “proxecto claro de cidade” que ten o BNG e que, avanzou, seguirá impulsando para acadar “un mellor Lugo, tanto no económico, como no social, como no cultural”.

Nunha comparecencia xunto ao tenente de alcalde, Rubén Arroxo, Pontón fixo balance no ecuador do mandato da acción de goberno do Bloque no concello lucense que, indicou, explica a “gran transformación en positivo” que experimentou a cidade co BNG no goberno, grazas a un proxecto “dinámico, innovador e moderno” que está facendo de Lugo un referente en moitos ámbitos.

“É evidente que a acción de goberno do BNG ten impulsado o propio goberno da cidade e que demostramos que temos un modelo que funciona, que transforma en positivo e que pon as persoas no centro, mellorando as súas vidas”, alegou.

Neste sentido, subliñou que, grazas ao equipo de goberno nacionalista liderado por Arroxo, Lugo é hoxe en día unha cidade “máis humana e máis amable” ao gañar “espazo público de calidade”, con máis espazos para as persoas que antes utilizaban os vehículos e cunha actividade comercial máis diversa, incorporándose deste xeito ás grandes tendencias de urbes de todo o mundo que avogan por gañar espazos para a cidadanía.

“Estes seis anos de goberno municipal deixan unha pegada importante e positiva das accións de goberno do BNG, camiñando cara a un Lugo que ten maior cohesión social, onde se lle dá moito máis peso aos barios, que deben ocupar un lugar importante nesta transformación, e cun equipo do BNG que está traballando man a man e en diálogo continuo coa cidadanía”, afondou.

Pontón salientou tamén o apoio decidido do equipo de goberno do Bloque ao comercio de proximidade ou á praza de abastos ou o impulso de toda unha rica iniciativa cultural que parte do orgullo de ter unha lingua e unha cultura propias que se están poñendo en valor e en diálogo e enriquecemento mutuo con outras culturas doutras partes do mundo.

A portavoz nacional destacou o compromiso coa cidade de todo o equipo do BNG que, indicou, “sempre está pensando en como pode mellorar Lugo”. “Non hai nin unha migalla de conformismo, senón que sempre hai esa vocación de como seguir aportando proxectos que mellore a cidade”, engadiu a líder nacionalista, quen se referiu aos concelleiros e concelleiras do Bloque como “persoas honestas e traballadoras” que “levan a Lugo no seu corazón” e que “traballan cada día polo ben común”, demostrando que “hai unha forma diferente de facer política”.

Actitude e compromiso que considerou moi importantes nos tempos que corren e que, recalcou, o BNG non só aplica en Lugo, senón no conxunto do País e en todos os ámbitos co obxectivo de mellorar a vida dos galegos e das galegas e darlles “unha alternativa de futuro fronte ao desgoberno do Partido Popular”. “Demostramos que hai outra forma de facer política, que practicamos unha política honesta e con maiúsculas, unha política que pensa nas persoas e no ben común”, concluíu.