Ana Pontón destaca o papel das mulleres militantes de base na construción do proxecto transformador que representa o BNG
“Sen elas, non seriamos hoxe a gran esperanza de miles de galegxs”, alega na homenaxe ás militantes de Ourense, representadas por catro mulleres da comarca
A portavoz nacional, Ana Pontón, reivindicou en Ourense o importante papel que xogaron as mulleres militantes de base na construción do proxecto transformador que representa hoxe en día o BNG, nun acto de recoñecemento ás da comarca ourensá, representadas en catro mulleres, e que estendeu a todas as militantes de base da organización nacionalista.
Pontón salientou o notable traballo das militantes que ao longo dos anos deron vida ao nacionalismo galego desde a base, impulsando o proxecto do BNG de construír unha Galiza mellor, igualitaria e feminista. “Mulleres como Xela, como Asu, como Montse e como Concha, que representades unha xeración de militantes que xogaron un papel extraordinario na historia da nosa organización”, subliñou, dirixíndose ás catro mulleres que representaron a todas as homenaxeadas neste acto de recoñecemento.
“Estamos aquí para dicir con orgullo que o proxecto político do BNG non sería o que é sen as mulleres que o construíron día a día, porta a porta, loita a loita, en Ourense e no conxunto do País”, afondou, para advertir a continuación que, se ben é certo que os tempos cambiaron, aínda queda moito por facer e por avanzar en materia de igualdade, tamén na política.
Neste sentido, apelou á necesidade de non dar un paso atrás e, tomando como exemplo ás predecesoras, seguir avanzando polas que virán atrás até conseguir que a política sexa verdadeiramente un espazo de igualdade. “O papel das mulleres na política é imprescindible para transformar o mundo”, recalcou logo de agradecer ás militantes, ás que estiveron, ás que están e ás que virán, todo o traballo realizado para construír o gran proxecto que é o Bloque.
Nun acto no que tamén participou a responsable de Acción Feminista, Noa Presas, a portavoz nacional afondou no papel imprescindible das militantes de base dado que a política, subliñou, non só se realiza nas institucións, senón tamén “nos barrios, nas parroquias, nas asembleas pequenas e nas conversas longas”.
Esta última forma de entender e facer política é a que “case sempre escreben as militantes, as que están sempre aí, sen ruído pero con firmeza, dando o mellor de si mesmas”, alegou. “Sen elas, o BNG non sería hoxe a gran esperanza para miles de galegos e de galegas para poñer en marcha unha Galiza mellor”, sintetizou.
Pontón incidiu en que o Bloque non sería “a gran forza de cambio e transformación que é hoxe” sen o traballo das súas militantes de base, que aportaron “tempo, ilusión, intelixencia e vida”. “É tempo de poñer ás militantes no centro, de dicir con forza que sodes referentes, que sodes exemplo e que Galiza necesita máis políticas feitas á vosa imaxe: xustas, valentes e comprometidas”, concluíu.