Ana Pontón destaca os dous anos de goberno do BNG en Muros cunha clara aposta polos servizos públicos e a cohesión social

Visita concello Muros

Salienta o esforzo do concello para garantir o SAF fronte á negativa do Goberno do PP a incrementar o financiamento dun servizo esencial

Exemplifica no proxecto liderado por María Lago o modelo municipal de calidade do Bloque que consigue mellorar a vida das persoas

A portavoz nacional, Ana Pontón, reivindicou en Muros a xestión do goberno municipal do BNG no ecuador do mandato cun proxecto de políticas transformadoras do que destacou a aposta polos servizos públicos e a cohesión social e no que exemplificou o modelo de calidade do Bloque nos concellos.

Pontón fixo balance destes dous primeiros anos de acción de goberno xunto á alcaldesa, María Lago, da que dixo foi quen de “enderezar o rumbo do concello” e poñer en marcha políticas de avance e transformación que “realmente melloran a vida das persoas”, un dos sinais de identidade do Bloque no ámbito local.

“Estamos na política municipal para poñer as persoas no centro, para crear dinamismo económico e social, para xestionar ben cada euro que pagan os veciños e veciñas nos seus impostos e para facer concellos que sexan democráticos, igualitarios e transparentes”, afondou a líder nacionalista, quen subliñou como todos estes compromisos xa se poden comprobar en Muros.  

Algo que exemplificou no esforzo para garantir o Servizo de Atención no Fogar do equipo liderado por Lago, que xa se comprometeu coas traballadoras para que puideran recibir o pago das dietas por desprazamento, o que redunda na dotación adecuada do SAF e supón tamén unha mellora nas condicións laborais do seu persoal, maioritariamente mulleres.

A portavoz nacional salientou como Muros, ao igual que outros concellos, está dando soporte a un servizo que debería prestar a Xunta pero que, sen embargo, está pagando “en precario” ao aportar só 12 euros/hora cando este concello está abonando de media 27 euros, o que implica un “infrafinanciamento moi importante”.

Neste sentido, criticou ao PP que votase en contra da proposta do BNG para subir o financiamento deste servizo esencial de 12 euros a 20 euros a hora. “O Partido Popular non ten recursos para destinar a atención ás persoas maiores, pero si pode gastar máis de 7.000 euros ao día en propaganda e publicidade”, reprochou para evidenciar as súas “prioridades”.

Pontón destacou tamén o traballo do equipo de goberno de Lago á hora de mellorar a calidade urbana e a conciliación persoal e familiar, coa recuperación de servizos públicos que se deixaron de prestar en épocas anteriores, o que contribúe a avanzar na cohesión social, cun trato igualitario a todos os veciños e veciñas, independentemente de onde vivan, xa sexa no núcleo urbano ou en calquera das parroquias do municipio.

O de Muros, indicou, representa un exemplo dos “modelos ben xestionados e de calidade” do BNG nos concellos, “gobernos democráticos ao servizo da xente que xestionan dende a honestidade e que conseguen transformar e mellora a vida das persoas”, subliñou.

A líder nacionalista mostrou así o seu “orgullo” por estes dous primeiros anos de mandato do Bloque en Muros, logo de coñecer tamén de primeira man os novos proxectos nos que está traballando o executivo local. 

“É un orgullo ver como temos aquí a unha alcaldesa e a un equipo de goberno que está traballando por e para Muros sen descanso cada día e que foi capaz de enderezar o rumbo deste concello”, concluíu.