Ana Pontón destaca a dignidade dunha cidadanía galega mobilizada contra o xenocidio: “Galiza está con Palestina”

Palestina 6

Pide a Rueda que rectifique e permita que o Parlamento de Galiza condene un xenocidio que xa acumula 680.000 vítimas, segundo a ONU

O BNG denuncia a complicidade da UE e dos gobernos, que non pasan da “palabrería” barata, e reclama a ruptura total co Estado criminal de Israel

O que está en xogo é o triunfo da humanidade fronte á barbarie, alerta

A portavoz nacional, Ana Pontón, expresou o seu “inmenso orgullo” ante a mobilización da cidadanía galega a favor do pobo palestino e para denunciar con claridade que hai que parar o xenocidio que o Estado sionista está executando en Gaza con total impunidade. Unha dignidade, subliñou, que contrasta coa posición do goberno do PP, incapaz de condenar este xenocidio.

“Os galegos e as galegas saímos a rúa para falar por todo o pobo palestino que non pode facelo, por todas as persoas sepultadas debaixo das bombas e dos escombros, por todos eses nenos e nenas que non tiveron infancia, por todas esas persoas que seguen sufrindo o xenocidio por parte do Estado criminal de Israel. É un orgullo ver a cidadanía galega que alza a voz, que non mira para outro lado e que di alto e claro que hai que parar o xenocidio en Palestina”, declarou ao inicio da multitudinaria manifestación na capital de Galiza.

Palestina 4

Fronte a unha sociedade galega que non cala, que se mobiliza e que denuncia reclamando a liberdade do pobo palestino, a posición do goberno de Rueda e do Partido Popular, que lonxe de condenar o xenocidio,  vota en contra de que o Parlamento, a máxima institución do País, condene estes crimes de guerra.

“O señor Rueda demostra até que punto está lonxe dos galegos e das galegas que maioritariamente reclaman o fin do xenocidio e accións contundentes contra Israel”, denunciou a líder do Bloque, quen encabezou a representación da formación nacionalista na manifestación, na que tamén participaron o congresista e a senadora Nestor Rego e Carme da Silva, a eurodeputada Ana Miranda, a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, así como deputados e deputadas e un amplo abano de responsables políticos do BNG.

Pontón foi moi crítica coa pasividade dos Estados europeos e do conxunto da Unión Europea, de brazos cruzados durante anos de inacción que continúa en pleno xenocidio. Pese ós milleiros de persoas asasinadas, 680.000 segundo o informe dos relatores da ONU, 300.000 nenos e nenas, “o único que fixeron no mellor dos casos, foron declaracións mornas, palabrería barata de quen na práctica está atuando con complicidade con ese Estado criminal de Israel”.

Palestina 3

Por iso, o BNG insiste en que o goberno do Estado e a UE deben romper todo tipo de relacións con Israel, desde as diplomáticas ás económicas, “e traballar para que o goberno sionista, con Netanyahu á cabeza, sexa xulgado na Corte Penal Internacional por cometer crimes contra a humanidade”, alegou a líder nacionalista.

“En Palestina xógase a vida de miles de persoas, o dereito a ter futuro nun Estado propio na súa terra, e en Palestina hoxe tamén está en xogo o triunfo da humanidade fronte á barbarie, o dereito internacional, do dereito dos pobos á paz, se deixamos que Gaza caía, ninguén estará a salvo”, recalcou Pontón, “polo tanto, o BNG vai seguir a carón da sociedade galega que de maneira maioritaria está dicindo que hai que parar este xenocidio,  dicíndolle ao pobo palestino que non está só, que estamos aquí ao seu carón e non imos parar até poñer fin a este xenocidio. Galiza está con Palestina”, concluíu.