Ana Pontón destaca os dez anos de goberno do BNG como o maior avance na historia de Moaña, referente no coidado das persoas
Exemplifica no proxecto liderado por Leticia Santos o modelo municipal de éxito do Bloque con políticas que conseguen mellorar a vida da xente
Reivindica a capacidade do executivo local para dinamizar un concello sostible, social e participativo sen vender a súa alma á especulación
A portavoz nacional, Ana Pontón, participou xunto á alcaldesa, Leticia Santos, no acto co que o BNG celebrou os dez anos de goberno municipal en Moaña e no que fixo balance da xestión realizada ao longo desta década.
Pontón reivindicou estes dez anos de goberno nacionalista como o maior avance para Moaña de toda a súa historia, avance que converteu ao concello nun referente en toda a comarca con políticas que “coidan das persoas” e nun exemplo do modelo municipal de éxito do Bloque, grazas a un proxecto para facer da localidade “un lugar cada día mellor, no que vivir, no que traballar e no que soñar”, destacou.
“Sinto orgullo dun goberno do BNG que coida das persoas, que coida da xente, porque toda a vosa actuación política está centrada nun obxectivo, mellorar a vida dos veciños e veciñas, e vaia se o conseguistes”, alegou dirixíndose ao actual equipo de goberno e ás concelleiras e concelleiros que formaron parte do executivo local ao longo desta década e que tamén participaron no acto.
A portavoz nacional salientou como o goberno liderado por Santos redobrou esforzos en todos os ámbitos de actuación -desde o social ao económico, pasando pola sanidade, a educación, a atención á dependencia ou a igualdade- para facer de Moaña un municipio máis igualitario, máis xusto e máis integrador porque, recalcou, “coida das persoas, especialmente, de quen máis o precisa”.
Un concello que non dá por perdida ningunha batalla cando se trata de defender o benestar da veciñanza, o que exemplificou nas 109 semanas de mobilización para reclamar a volta das urxencias á Casa do Mar.
Pontón tamén puxo en valor a transparencia e participación na xestión demostrada por un goberno municipal do BNG que tende a man co diálogo e escoita á cidadanía, por exemplo, con orzamentos participativos, desde a colaboración co tecido asociativo ou dando voz os órganos de participación sectorial.
Así mesmo, destacou a capacidade do executivo local para dinamizar Moaña sen renunciar á súa esencia, sen vender a súa alma á especulación, cunha clara aposta pola economía local da xente emprendedora e traballadora que cada día levanta a persiana do seu negocio, no comercio ou na hostalería; por un turismo responsable e sustentable e por protexer un patrimonio natural e un litoral que son unha riqueza colectiva.
Unha aposta que se estende tamén á cultura e á lingua, contribuíndo con orgullo dende o local a darlle mil primaveras máis ao galego, fronte a un presidente da Xunta, reprochou, que o menospreza e se coloca na pancarta en contra do idioma.
De igual xeito, afondou na capacidade de xestión do equipo de goberno de Santos, que soubo “xestionar con eficacia cada euro”, sacando ao municipio da asfixia económica e colocalo na situación na que se atopa agora, cunhas cotas saneadas e solventes.
A líder nacionalista indicou que este balance convida a mirar cara adiante con forza, ilusión e compromiso para seguir traballando polo ben común, cun goberno honesto, firme e cun proxecto de futuro que continuará avanzando nun “modelo de concello sostible, social e participativo” que “pon ás persoas no centro de todas as políticas”.
Neste sentido, apelou ao “inconformismo” propio do Bloque para, sendo conscientes de todos os avances acadados, continuar traballando sen escatimar esforzos á hora de afrontar novos retos porque, afondou, “o BNG non está en política para ocupar cadeiras, senón para transformar a realidade, para seguir facendo de Moaña un lugar mellor”.
Pontón rematou felicitando a Leticia Santos por ser “unha gran capitana” e ao seu equipo por ser “unha gran tripulación” na posta en marcha da “mellor folla de ruta” para que a localidade continúe avanzando, demostrando que hai unha marca BNG recoñecible nos concellos que lidera, convertidos en referentes, mesmo a nivel internacional.
“Os concellos nos que gobernamos son o mellor exemplo da capacidade do nacionalismo para mellorar a vida das persoas, por iso queremos seguir enchendo Galiza de Moañas”, concluíu.