Municipais 2023

Ana Pontón destaca a aposta feminista dos concellos BNG, axentes activos a favor da igualdade e o empoderamento das mulleres

Subliña o protagonismo das mulleres nas candidaturas e apela ao voto feminino para encher de cambio real as urnas optando polo BNG o 28M

“Precisamos máis BNG nos concellos para pisar o acelerador da igualdade”, di na homenaxe á Xermana Lima veterana militante en Cangas

A portavoz nacional, Ana Pontón, participou en Cangas nun acto coas candidatas á Alcaldía nos concellos que integran o Morrazo, maioritariamente mulleres, para poñer en valor o seu papel protagonista nas listas electorais e ratificar a aposta feminista dos gobernos municipais do BNG.

Unha aposta que o Bloque quixo visualizar en campaña coa presenza de Araceli Gestido, candidata á Alcaldía de Cangas; Leticia Santos actual alcaldesa e candidata á reelección en Moaña,  Lucía Santos, cabeza de lista en Marín e Tareixa Carro en Vilaboa, xunto con outras integrantes das candidaturas. 

Un acto no que se rendeu homenaxe a Xermana Lima, histórica militante de 94 anos,  “referente e exemplo”, destacou Pontón, “das mulleres implicadas no ámbito político desde tempos no que a súa presenza era minoritaria”. A líder do Bloque apelou a “combater todas as discriminacións contra as mulleres para avanzar cara unha  Galiza de mulleres libres e iguais, sen violencias de xénero”, e de cara a lograr ese obxectivo a implicación política é fundamental, “por iso é para min un orgullo ver todas as mulleres que encabezan as candidaturas do BNG no Morrazo”

Desde Cangas, Pontón fixo un chamamento ás mulleres  “para dicirlles que o seu voto é decisivo para poñer en marcha a nova Galiza feminista e con igualdade real que desde o BNG queremos construír, concello a concello,  porque necesitamos máis BNG nos concellos para pisar o acelerador das políticas de igualdade”.

Estamos nun momento, argumentou,  “no que máis que nunca temos que reivindicar o feminismo como forza imparable para mellorar o mundo, apostando pola xustiza social, o diálogo e a igualdade real, valores que o BNG xa aplicamos nos concellos con goberno municipais feministas”.

E para seguir avanzando nesa dirección o Bloque formula medidas concretas a aplicar desde o ámbito municipal, como Plans de igualdade cos medios necesarios, facilitar a conciliación ás mulleres con servizos específicos para conseguilo; favorecer ás empresas que teñan políticas de igualdade na contratación pública; aplicar a perspectiva de xénero en todos os programas e actuacións dos gobernos municipais, abordar a loita contra a violencia de xénero de xeito integral e reforzar os Centros de Información ás Mulleres con servizos de atención psicolóxica e legal.

O acto rematou cun intenso aplauso de recoñecemento á veterana Xermana Lima por parte das mulleres que integran as candidaturas do BNG nos concellos do Morrazo, incluída a de Cangas que pecha simbolicamente a propia Xermana, quen tamén foi obxecto dunha emotiva intervención de agradecemento da candidata, “e futura alcaldesa”, Araceli Gestido.