Ana Pontón demanda o recoñecemento plurinacional do Estado e o dereito de Galiza a decidir desde un novo status de nación

Conmemoración plebiscito Estatuto 1936

Avanza que o BNG porá enriba da mesa antes de final de ano a proposta para darlle ao País ferramentas máis potentes para mellorar a vida da xente

Reclama 50 competencias pendentes no Estatuto fronte á inacción dun PP que está convertendo Galiza nunha nacionalidade histórica de segunda

O Bloque conmemora o aniversario do plebiscito do Estatuto de 1936

A portavoz nacional, Ana Pontón, avanzou desde Pontevedra que o BNG porá enriba da mesa antes de finalizar este ano unha proposta de novo status político para Galiza que recoñeza a plurinacionalidade do Estado e a condición de nación do País para darlle “ferramentas máis potentes” que lle permitan mellorar a vida da xente.

“Un novo status para Galiza que di ‘Si’ a que os galegos e galegas teñamos na nosa man a posibilidade de tomar aquelas decisións que nos afectan no noso día a día sen interferencias centralistas, que di ‘Si’ a ter a chave dos nosos cartos aquí e non en Madrid e, en definitiva, que di ‘Si’ a Galiza, igual que este pobo dixo ‘Si’ hai 90 anos a un novo marco político que abría a porte a gobernar nós a nosa terra” remarcou no acto co que o Bloque conmemorou o aniversario do plebiscito do Estatuto de 1936.

A líder nacionalista denunciou que o actual Estatuto -que o BNG ve como “un traxe estreito” para Galiza- nin sequera se cumpre, o que atribuíu a unhas forzas estatais centralistas que non confían no País. Neste sentido, recordou que, pese a que no plano formal a Constitución considera a Galiza, Euskadi e Cataluña como nacionalidades históricas, nas últimas décadas vascos e cataláns aumentaron o seu autogoberno mentres os galegos e as galegas van quedando atrás.  

“O Partido Popular, coa súa subordinación a Madrid, está convertendo a Galiza nunha nacionalidade histórica de segunda”, criticou, para advertir a continuación que mentres nos últimos anos Euskadi e Cataluña conseguían 31 e 16 novas competencias, respectivamente, os gobernos de Feijóo e Rueda sumaron tan só unha -e non completa- en 17 anos. 

Conmemoración plebiscito Estatuto 1936

E isto acontece, explicou, porque o PP nin cre no autogoberno, nin quere competencias dado que prefire que Madrid decida “por e en contra” dos galegos e as galegas, o que exemplificou no debate sobre a AP-9, no que, despois das sucesivas campañas dos populares dicindo que se lle negaba esta transferencia a Galiza, unha vez que o BNG a consigue, votaron en contra porque, recriminou, non queren o traspaso e “estiveron enganando aos galegos e ás galegas durante todos estes anos”.  “Unha indecencia política que retrata a un Rueda que é o presidente do ‘Non’ ao autogoberno e a Galiza”, afeou. 

Pontón apuntou neste contexto que será o BNG a forza política que impulse unha axenda institucional e social para incrementar o peso político do País e a súa capacidade de decisión con dúas liñas claras de actuación.

Por unha banda, reclamando o cumprimento do actual Estatuto coa transferencia das máis de 50 novas competencias que están xa recollidas nel pero que non se aplican, mais tamén as que xa exercen outras comunidades ou as que existe acordo do Parlamento galego para o seu traspaso.

Competencias que afectan ao día a día da cidadanía en materias como o ferrocarril, as autoestradas, os portos de interese xeral, os aeroportos, o tráfico, a meteoroloxía, a inspección de traballo, o salvamento marítimo e a loita contra a contaminación mariña, ISM, o ingreso mínimo vital, a inmigración ou a enerxía, afondou. .

Por outra parte, e consciente de que a asunción destas novas competencias non solucionarían todos os problemas de Galiza porque moitos deles son estruturais debido á súa dependencia política e económica, o BNG porá enriba da mesa a proposta de novo status político para Galiza que Pontón anunciou para antes de final de ano.

Nun acto no que o BNG fixo tamén un exercicio de memoria, a portavoz nacional lembrou na súa intervención que aquel 28 de xuño de 1936, miles de galegas e galegos acudiron ás urnas no plebiscito do primeiro Estatuto político para dicir ‘Si’ a Galiza e ao autogoberno, un País esperanzado que foi arrasado polo fascismo español e que aniquilou a mellor xeración da historia.

Nomes tan coñecidos como Castelao, Alexandre Bóveda e tantos outros, pero tamén moitas mulleres relegadas ao anonimato polo relato patriarcal e ás que dedicou unha lembranza especial pronunciando os seus nomes para reivindicar o seu papel nesa gran mobilización desde a política, as aulas a ciencia, o deporte ou o asociacionismo cultural e feminista. Mulleres como Amparo López Jean, María Miramontes, Elvira Bao, Micaela Chao, Antonia Pardo, Virxinia Pereira, Mari Luz Morales, Amalia Álvarez, Olimpia Valencia, Ernestina Otero, Emilia Docet, María Antonia Sanjurjo, María Elvira Fernández ou Carmen Parga. 

Pontón indicou que o proxecto daquela Galiza mantívose vivo no exilio grazas sobre todo ao liderado de Castelao que puxo en marcha iniciativas fundamentais como a celebración do Día dos Mártires Galegos para honrar a todas as vítimas do terror fascista, escollendo o 17 agosto para simbolizar en Alexandre Bóveda a todos os galegos e galegas asasinados. Do deber de manter o legado de Bóveda que Castelao asumiu como propio, naceu a estampa ‘A derradeira lección do mestre’, primeiro, e o cadro do mesmo título que estes días volveu a Galiza, ao Museo de Pontevedra.

A líder nacionalista denunciou neste punto “a hipocrisía do PP de Rueda”, que aparenta celebrar a Castelao e Bóveda cando en realidade lles nega o recoñecemento que merecen. Fíxoo, afondou, o ano pasado con Castelao, negándolle a condición de primeiro presidente de Galiza como fundador e presidente do Consello de Galiza no exilio e acaba de facelo con Bóveda, votando en contra da oficialización do Día da Galiza Mártir.

De igual xeito, recriminou ao PP as súas mentiras e infamias sobre Moncho Reboiras, asasinado en agosto de 1975 polo Franquismo por loitar contra a ditadura e que en 2009 foi recoñecido oficialmente polo Estado como vítima da represión franquista.

A portavoz nacional mostrou o seu convencemento de que corresponde ás xeracións presentes avanzar de maneira decidida na tarefa comezada décadas atrás e darlle pleno sentido a todo o compromiso e todas as loitas que as precederon. “Afortunadamente sabemos que queda moito país polo que traballar, e que hai unha alternativa sólida, capaz de facelo e de defender os intereses dos galegos e das galegas: o BNG é hoxe a esperanza dunha Galiza mellor”, concluíu.