Ana Pontón defende a reforma o Estatuto para que as galegas e os galegos teñan “a chave dos seus cartos”

Ana Pontón

Pide a PP e PSOE que abandonen o seu centralismo financeiro e apoien a toma en consideración no Parlamento desta proposta do BNG

Advirte que o actual modelo de financiamento é discriminatorio e fai perder miles de millóns ao País, cun déficit de 13.975 M€ entre 2009 e 2021

“Galiza non pode ser a única nacionalidade histórica que non avance no control dos seus recursos e non teña un concerto”, alega

A portavoz nacional, Ana Pontón, defendeu en rolda de prensa a proposta que o BNG levará mañá ao Pleno do Parlamento para reformar o Estatuto co obxectivo de que os galegos e as galegas teñan “a chave dos seus cartos a través dun concerto económico”.

Trátase dunha “proposta ambiciosa” para “blindar” no Estatuto un concerto económico para que Galiza teña máis recursos que lle permitan “mellorar a sanidade, a educación, as políticas de vivenda ou a atención á dependencia”, afondou.

En definitiva, unha proposta para darlle ao País o control do 100% dos seus recursos, fronte a un modelo actual de financiamento que lle é “discriminatorio” e co que perde “miles de millóns de euros cada ano”.

Pontón recordou neste sentido o informe oficial do Consello de Contas que advirte que o actual sistema nin sequera aporta os recursos suficientes para financiar os servizos básicos e co que, é máis, “Galiza perde e perde moito”, nada menos que 13.975 millóns de euros de déficit entre 2009 e 2021.

Isto, incluíndo os fondos complementarios, porque se se teñen en conta única e exclusivamente as transferencias do actual sistema, o déficit elévase aos 18.240 millóns. “É dicir, temos un sistema de financiamento que nos deixa un burato de 1.535 millóns de euros cada ano desde 2009”, sintetizou.

A portavoz do BNG indicou que vendo a foto completa de cando recada o Estado no País e canto inviste, a diferenza aínda é maior, confirmando que “o Estado fai caixa con Galiza”, tal e como corroboran informes como o do Foro Económico de Galiza ou o realizado por economistas como Xosé Díaz. 

Tomando como referencia este último estudio, que analiza a liquidación do exercicio 2022, o Estado recadou en Galiza 15.385 millóns, mentres que só recibiu a través do sistema de financiamento 10.041 millóns, é dicir, un déficit de 5.344 millóns.

Aínda tendo en conta o funcionamento dun concerto económico -polo que habería que restarlle a esta cifra o cupo polos servizos que presta o Estado-, o saldo a favor do País “sería enorme”, alegou Pontón, quen recordou que Euskadi, o modelo de referencia operativo neste momento, pagou nese mesmo 2022 1.490 millóns de euros polo cupo. 

“Aínda que nós pagaramos un pouco máis que Euskadi, a cifra sería moito máis favorable ao noso País e teriamos en torno a 4.000 millóns de euros máis cada ano para poder mellorar a vida dos galegos e das galegas”, sintetizou.

“Se temos un sistema de financiamento que nos discrimina, o que entendemos desde o BNG é que non é unha opción simplemente poñerlle parches e remendos, hai que ir a por todas, a pola gobernanza do 100% dos nosos cartos, porque este é o momento en que Galiza pode ter un concerto económico”, argumentou.

Nesta liña, pediu a PP e a PSOE que abandonen o “centralismo financeiro” e apoien a toma en consideración da “proposta de País” do Bloque que ten como obxectivo incrementar o “autogoberno fiscal e financeiro” para “poder mellorar a vida dos galegos e das galegas”.

“Pídolle ao Partido Popular e ao Partido Socialista que poñan Galiza por diante dos intereses dos seus partidos en Madrid votando unanimemente a favor desta proposta para que evitar que Galiza poida quedar atrás tamén neste debate”, reclamou, para lembrar a continuación que Euskadi e Navarra xa teñen o seu concerto económico -defendido por certo por ámbalas dúas forzas estatais- e que Cataluña tamén está dando pasos para poder conseguilo.

“Galiza non pode quedar atrás, non pode ser a única das tres nacionalidades históricas recoñecidas no Estado español que non avance no control dos seus recursos, que non teña o seu concerto económico, porque iso significará unha nova discriminación, rebaixar o noso status, e tamén menos recursos para atender as necesidades dos galegos e das galegas”, advertiu.  

A líder nacionalista incidiu en que a opción non pode ser “conformarse con migallas”, senón apostar por que Galiza negocie bilateralmente co Estado un concerto propio que lle permita recadar aquí todos os impostos, “con capacidade de decisión en materia fiscal e cunha facenda galega con todas as funcións”, para conseguir que as empresas que teñen a súa actividade aquí, paguen os seus impostos aquí.

“Porque xa está ben de que as eléctricas, a banca ou as multinacionais que explotan os nosos recursos, despois paguen os seus impostos en Madrid; isto é un espolio ao que temos que poñer fin”, resumiu.

Polo tanto, o Bloque defenderá mañá no pleno parlamentario “sen complexos e desde a confianza en Galiza” esta alternativa de País, convencidas e convencidos de que ter un concerto económico vai beneficiar aos galegos e ás galegas fronte a esa idea errónea, advertiu, de que “Galiza é pobre e vive da solidariedade do Estado”.

“É xustamente ao contrario, é o Estado o que vive dos nosos recursos”, alegou nunha comparecencia ante os medios de comunicación que comezou amosando o total rexeitamento do BNG ante os bombardeos de Israel e de EEUU sobre Irán e cos que, alertou, ámbolos dous Estados “están pisando o acelerador dun conflito que pode ter escala mundial”.

O Estado español debe saír da OTAN

“Trátase dunha acción ilegal e inhumana que está en contra do dereito internacional e supón unha escalada belicista que pode ter consecuencias gravísimas non só para a zona, senón para o conxunto do planeta”, denunciou, polo que reclamou o cese inmediato dos ataques.

“O único que están facendo estes bombardeos é incendiar a zona e poñernos en perigo a todos e a todas polos intereses xeopolíticos de EEUU, que quere manter a súa hexemonía sen importarlle as consecuencias que isto pode ter”, criticou. “Están demostrando que Estados Unidos é un perigo para a paz, para os dereitos humanos e para o dereito internacional”, sintetizou.

Neste contexto, Pontón afirmou que negarse a incrementar o financiamento do Estado español á OTAN non chega neste momento, polo que reclamou a súa retirada da alianza.

“Continuar na OTAN é financiar as guerras de EEUU e de Trump, por iso non chega con negarse a incrementar o financiamento do Estado español, senón que o sensato, o razoable, o que di o sentido común é que, neste momento, hai que saír da OTAN, que é un aparato de guerra e de propaganda ao servizo de Estados Unidos e Trump e dos seus delirios belicistas”, concluíu.