Ana Pontón defende a política industrial baseada na innovación fronte ao trinomio do PP de Altri, espolio eólico e megaminería

Visita SETGA Pontevedra
Exemplifica na empresa SETGA a capacidade do tecido produtivo galego para xerar produtos de calidade cunha aposta innovadora e tecnolóxica

A portavoz nacional, Ana Pontón, defendeu en Pontevedra a política industrial baseada na innovación pola que aposta o BNG, fronte ao trinomio do PP baseado no espolio eólico, a megaminería ou proxectos contaminantes como o de Altri.

“Galiza non pode ser un espazo que única e exclusivamente se pense para o espolio éolico, para a migaminería ou para proxectos contaminantes como Altri, senón que hai outra política industrial posible que aposta pola innovación, pola tecnoloxía e por xerar empresas punteiras desde o País”, recalcou en referencia á empresa SETGA, que visitou xunto ao alcalde Miguel Anxo Fernández Lores, e á que sinalou como “unha referencia para construír unha política industrial diferente”.

Visita SETGA Pontevedra

Logo de agradecer á dirección da compañía a visita, na que tamén participaron a senadora Carme da Silva, o deputado Luís Bará e os concelleiros, Alberto Oubiña e Eva Vilaverde, Pontón destacou a aposta de SETGA por producir desde Galiza e por facelo “desde a innovación e apostando pola tecnoloxía”, cuestións que considerou fundamentais. “Necesitamos un País que teña un tecido empresarial produtivo máis amplo”, indicou.

Neste sentido, puxo en valor o labor desenvolvido por esta empresa no ámbito da iluminación exterior, incidindo sobre un aspecto que ten moito que ver coa calidade de vida de vilas e cidades, creando contornos máis seguros e favorecendo mesmo a seguridade peonil.

“É un orgullo poder ter empresas que están sendo punteiras, de vangarda e que están apostando por facer as cousas ben, tanto desde o punto de vista social, como desde o punto de vista ambiental”, destacou sobre unha compañía que considerou un referente da capacidade produtiva galega.

“Este tipo de empresas son a forma na que nós pensamos que se pode construír unha Galiza mellor, con empresas que están apostando pola innovación, por poñer en marcha novos produtos no mercado, por facelo desde a calidade e desde aquí, e cremos que este é o modelo industrial polo que hai que apostar”, concluíu.

“En Galiza está o BNG, non hai que resignarse á corrupción do bipartidismo”

A preguntas dos medios sobre os casos de corrupción, a portavoz nacional reivindicou ao BNG como a forza política solvente e sólida que en Galiza traballa polo ben común, fronte a un bipartidismo de PP e PSOE no que aflora unha corrupción sistémica.

“En Galiza o que hai é unha forza política solvente, unida e que traballa polo ben común; non temos que conformarnos con ese bipartidismo que vemos que está atravesado dunha forma moi clara pola corrupción e por unha forma de facer política que non compartimos”, afondou.

A líder nacionalista recordou que o BNG leva 40 anos en política “xestionando institucións moi importantes e xestionando recursos públicos” sen ter nin unha soa persoa condenada por corrupción. “Non é certo que todos sexamos iguais”, recalcou, para advertir que a corrupción é “un problema para a democracia”, dado que “está xerando un caldo para a antipolítica”.

Pontón reivindicou a “outra forma de facer política” que practica o Bloque fronte a ese bipartidismo atravesado pola corrupción –“non estamos neses líos nos que está a política estatal”, subliñou– e reiterou a posición moi clara da formación nacionalista neste sentido. “Tolerancia cero e que a xustiza actúe e dirima todas as responsabilidades que sexan imputables a uns feitos que nos repugnan”, incidiu a preguntas dos xornalistas sobre o caso desvelado pola UCO.

Neste sentido, considerou urxente “actuar con contundencia” e volveu a reclamar a Pedro Sánchez “explicacións que aínda non se produciron en sede parlamentaria” e medidas. “Sobre todo, hai que tomar medidas para evitar que este tipo de circunstancias que nos repugnan e que van en contra da nosa democracia se poidan volver a repetir”, recalcou, para lamentar a continuación que “a resposta ofrecida até o de agora é unha resposta moi superficial” e incidir na necesidade de “ir máis ao fondo” para “loitar contra esa corrupción e contra quen corrompe”.

En vésperas do congreso do PP, e tamén a preguntas dos medios, a portavoz do BNG ve nos últimos movementos e nomeamentos dos populares a confirmación da súa deriva ultra. “O que está pasando no PP é que se confirma que estamos ante un Partido Popular cada vez máis ultra que quere ir da man da extrema dereita”, sintetizou.

Nesta liña, apuntou que, fronte a esa suposta moderación de Alberto Núñez Feijóo –“que aquí xa nos daba un pouco a risa”, ironizou–, o que están descubrindo no Estado é que se está producindo “un xiro cara a un Partido Popular cada vez máis ultra e máis próximo a unha extrema dereita que, por certo, se por algo se ten caracterizado é por ser antigalega”, remarcou.

A deriva antidemocrática do Goberno do PP tamén na sanidade

A portavoz do BNG tamén se referiu a preguntas dos xornalistas á prohibición da Xunta de colocar carteis en centros de saúde, o que considerou “gravísimo” e un novo exemplo da “deriva antidemocrática” dun Goberno do PP que “non só manipular os medios públicos, senón que quere elevar ese control ideolóxico a outros espazos”.

“Vímolo hai poucas semanas co control ideolóxico nos centros de ensino e agora vemos como a censura tamén quere chegar aos centros de saúde e o que non pode ser é que o PP queira tapar os graves problemas que ten a nosa sanidade con censura”, denunciou. Por iso, emprazou ao Executivo de Alfonso Rueda a retirar este tipo de instrucións. “Se pensan que con censura van a acabar con toda a mobilización social que hai en defensa da sanidade pública, creo que están moi equivocados”, advertiu. 

Neste sentido, instou ao Goberno do PP a abandonar as súas actitudes antidemocráticas e tomar as medidas necesarias para solucionar os problemas da sanidade pública, a comezar por dotala das e dos profesionais que precisa. “O que ten que facer o PP non é censurar voces críticas, senón tomar as decisións correctas en materia sanitaria para que non teñamos a desfeita que temos neste momento”, incidiu.

“O que deben facer non é censurar, senón darlle as condición aos profesionais da sanidade, contratar todos os recursos que sexan necesarios e acabar con 16 anos de recortes de privatizacións na sanidade pública”, concluíu.