Ana Pontón defende a moratoria do eucalipto até 2030 para evitar que Galiza sexa un eucaliptal ao servizo das macrocelulosas
A portavoz nacional, Ana Pontón, defendeu a aplicación da moratoria do eucalipto como mínimo até 2030, tal e como fixo Portugal, para evitar que Galiza se converta nun eucaliptal ao servizo de macrocelulosas contaminantes como Ence, Altri ou Navigator.
“O Goberno do PP deixa que os intereses privados das macrocelulosas decidan que se planta, onde se planta e que se corta e cando se corta e, por iso, o control dos nosos montes está en mas de empresas como Ence ou como as portuguesas Altri e Navigator”, denunciou, para defender a continuación “un xiro de 180 graos” que permita “parar en seco” a eucaliptización de Galiza “antes de que sexa demasiado tarde”. “Nin un só eucalipto máis nos nosos montes durante os próximos cinco anos; Galiza por diante das macrocelulosas contaminantes”, sintetizou.
O goberno alternativo do BNG propón a moratoria co obxectivo de preservar o territorio, contribuír a poñer en valor a cadea forestal galega e rematar cun modelo, o do PP, que xera “graves desequilibrios” e deixa “moito que desexar” en termos de xeración de riqueza e creación de emprego, advertiu Pontón logo do encontro que mantivo cunha representación da Fundación Arume, encabezada polo seu presidente, Xosé Mera.
Xunto a esta medida que considerou “imprescindible” para frear a destrución do territorio, combater o cambio climático e evitar que os montes galegos sexan un “polvorín”, a portavoz nacional sinalou algunhas outras propostas do Bloque, como a recuperación gradual das terras agrarias ilegalmente forestadas, moitas delas con eucalipto, unha recuperación que debe estenderse tamén a espazos naturais, de protección de augas, patrimonio cultural, así como de infraestruturas e zonas de protección de costas.
En segundo termo, a líder nacionalista avogou por desenvolver un monte funcional desde unha perspectiva ecolóxica, social e produtiva, con especies arbóreas autóctonas e madeiras de calidade e, en terceiro lugar, considerou preciso apostar pola ciencia e a innovación, tanto para xerar produtos de maior valor engadido, como para solucionar unha parte dos problemas de sanidade vexetal que sofre neste momento o País.
Por último, propuxo pechar o ciclo produtivo da madeira, con segundas e terceiras transformacións e apostando por produtos de alto valor engadido que permitan que toda a riqueza forestal galega quede en Galiza, xere moito máis emprego e contribúa a fixar poboación. Medidas todas elas que teñen como obxectivo, resumiu, “que toda a produción de madeiras sexa realmente un proxecto tractor da nosa economía”.
Pontón confrontou as propostas do goberno alternativo do BNG coas políticas dun Goberno do PP que converteu Galiza nun eucaliptal “ao servizo das macrocelulosas” e que son desastrosas tanto dende o punto de vista ambiental, como social e económico.
“Un desastre social porque desertiza o noso rural; un desastre ambiental porque está convertendo o noso monte nun polvorín, co risco que isto supón para o medio ambiente, para o territorio e para a propia seguridade das persoas; e un desastre económico porque eucaliptizar Galiza só favorece a macrocelulosas contaminantes e non xera valor engadido como si fai a cadea xerada arredor do piñeiro”, enumerou.
Por iso, fronte a esa “eucaliptización incontrolada que fomenta o Goberno do Partido Popular”, a portavoz do Bloque defendeu a urxencia de poñer en marcha “cambios estruturais” como os propostos pola formación nacionalista. “É clave pechar ciclos produtivos no País, non se trata simplemente de cortar madeira para facer pasta de celulosa, senón que hai que apostar por madeiras de calidade e pola aplicación da investigación para lograr produtos de maior valor engadido”, incidiu.
Neste sentido, recordou que Galiza representa neste momento o 50% de todas as cortas de madeira do Estado, mentres que tan só o 13% da facturación e do emprego, datos que, recalcou, “indican que o Goberno do Partido Popular está fallando á hora de facer unha xestión eficaz e eficiente do monte”.
“A realidade é que hoxe quen decide a política forestal galega son Ence e dúas pasteiras portuguesas, Navigator e Altri”, advertiu Pontón, quen recordou que estas multinacionais desprazaron os seus intereses a Galiza despois da moratoria lusa do eucalipto en 2017 para garantirse que se provían dos eucaliptos que xa non lles deixaban plantar en Portugal”.
As políticas eucaliptizadoras do PP traen como resultado que, a día de hoxe, a superficie de eucalipto está totalmente descontrolada, con 420.000 hectáreas forestadas que representan o 14% do territorio galego, segundo os últimos datos publicados, unha superficie alarmante, máis tendo en conta que no actual plan forestal fixábase un máximo de 245.000 hectáreas para o ano 2032. É dicir, a cifra real de eucalipto que ten Galiza hoxe en día case duplica á que estaba prevista para 2032.
“O Partido Popular converteu Galiza nun gran eucaliptal e Altri suporía máis eucaliptos nos nosos montes”, advertiu Pontón, quen apuntou que este é un “momento decisivo” no que hai que aplicar esa moratoria do eucalipto, como mínimo, até 2030 para condicionar a política forestal e até o propio territorio, co obxectivo de que o monte sexa un elemento central de desenvolvemento sostible, sobre todo no medio rural.