Ana Pontón defende o concerto económico fronte a un modelo de financiamento inxusto co que Galiza perde miles de millóns
O País aportou 14.920 M€ ao Estado que devolveu polo actual sistema só 10.041 M€: “Temos que ter a chave dos nosos cartos”, conclúe
Recrimina a posición de PP e PSOE: “Unha vez máis, o bipartidismo repetindo a milonga de que Galiza é pobre e vive da solidariedade estatal”
A portavoz nacional, Ana Pontón, defendeu no Pleno parlamentario a proposición de lei do BNG de reforma do Estatuto para blindar o concerto económico co obxectivo de darlle a Galiza “a chave dos seus cartos” e superar un modelo de financiamento “inxusto e discriminatorio” que fai perder ao País “miles de millóns de euros cada ano”.
A proposta do Bloque pasa por establecer unha nova relación co Estado que “deixe atrás o centralismo financeiro” para que Galiza decida sobre o 100% dos seus recursos, explicou a líder nacionalista, quen defendeu o concerto como “a mellor alternativa” para acadar un financiamento xusto que contribúa a mellorar a vida dos galegos e das galegas para, con “eses recursos que hoxe se quedan en Madrid”, financiar os servizos públicos, potenciar os sectores produtivos ou darlle futuro á xente moza, exemplificou.
Co debate do financiamento sobre a mesa, Pontón apostou por negociar de xeito bilateral co Estado un sistema que lle permita ao País recadar todos os seus impostos, con plena capacidade de decisión en materia fiscal, cunha Facenda galega con todas as funcións, e para que as empresas que explotan os recursos naturais de Galiza, paguen aquí os seus tributos.
“E isto vale para as eléctricas, para a banca e tamén para as multinacionais que espolian os nosos recursos e pagan os seus impostos en Madrid; hai que poñer fin a este espolio fiscal”, recalcou.
Así pois, no concerto económico que propón o BNG será Galiza quen faga as contas co Estado, asumindo a recadación dos seus impostos e transferíndolle a Madrid o pago dos servizos que presta no País, e non ao revés, que é o que acontece co modelo actual, no que dun xeito case absurdo, é o Estado quen recada e despois decide o que lle toca a Galiza, cando é esta quen ten as competencias dos servizos públicos esenciais, as que supoñen máis gasto.
A evidencia das cifras: o Estado fai caixa con Galiza
Por iso, Pontón considerou obrigado “pasar a páxina dun modelo centralista que actúa como un lastre” dado que o Estado, non só “fai caixa con Galiza”, senón que, ademais, “nin tan sequera garante a suficiencia financeira” das súas competencias, destes servizos básicos.
Algo que, afondou, certifican distintos informes, a comezar polo do Consello de Contas que conclúe que o País “perde e perde moito” co modelo actual, acumulando un déficit de nada menos que 13.975 millóns de euros entre 2009 e 2021. Isto incluíndo outros fondos complementarios porque tendo en conta o sistema de financiamento “puro e duro”, o déficit sube a 18.420 millóns, a razón de 1.535 millóns cada ano.
“Imaxinan todo o que poderiamos facer con 1.535 millóns de euros adicionais cada ano? Cantas médicas ou profesores poderiamos contratar? Cantas residencias, centros de saúde ou vivenda pública poderiamos construír? Como poderiamos mellorar o coidado das persoas maiores, a atención á saúde mental, as pensións máis baixas?”, interpelou á Cámara, para recriminar a continuación ao Goberno do PP que “nin sequera fora capaz de poñer esta cifra sobre a mesa” á hora de enfrontar a negociación sobre un novo modelo de financiamento.
“En lugar de pelexar por un financiamento xusto, o Partido Popular dedicouse a recortar os servizos públicos a cosa de empeorar a vida das persoas ou pensan que recortar 2.000 millóns de euros en atención primaria non está empeorando a vida da xente?”, recriminou.
A portavoz do BNG alegou que contar cun concerto económico é “unha cuestión de xustiza e de equidade”, a mellor maneira de acabar cun sistema que discrimina a Galiza, realidade na que tamén coinciden, con pequenas diferenzas, o informe do Foro Económico de Galiza e os estudos do economista Xosé Díaz.
O primeiro, salientou, recolle que, no ano analizado, “Galiza aportoulle ao Estado 14.920 millóns de euros e o Estado devolveulle polo sistema de financiamento 10.041 millóns”. “Como que o Estado nos está financiando a nós cando recibimos menos do que nós estamos aportando con impostos que pagan os galegos e as galegas?”, cuestionou.
Segundo o informe de Díaz, en 2022 -último exercicio liquidado-, o Estado recadou 5.344 millóns máis dos que aportou, polo que aínda restando o pago polos servizos que presta, o saldo a favor do País sería enorme. Neste sentido, empregou como referencia Euskadi, que abonou 1.490 millóns polo cupo, o que permite concluír que, aínda pagando un pouco máis, xa que ten algunhas competencias menos, Galiza podería dispoñer de case 4.000 millóns máis cada ano.
“A realidade é que fronte a esa mentira da Galiza pobre que depende da solidariedade de Madrid é o Estado o que fai caixa con Galiza”, denunciou, para defender a continuación o concerto económico como ferramenta para mellorar o autogoberno, reducir a burocracia, desenvolver unha mellor planificación orzamentaria e ter máis ferramentas para responder aos retos do País, entre os que citou o envellecemento poboacional, a modernización dos sectores produtivos ou a mellora do estado galego de benestar.
Pontón incidiu en que o diferencial actual entre o que aporta e recibe Galiza supera os 5.000 millóns, unha cifra que pediu reter na memoria para cando “os apóstolos do centralismo” falen de romper coa solidariedade. “Que solidariedade? A dun sistema que nos fai perder miles de millóns de euros cada ano? A dun modelo cuxa ineficacia e inxustiza nos mantén cun PIB máis baixo que a media e que está lastrando o noso desenvolvemento e o noso potencial?”, cuestionou.
Críticas a PP e PSOE por negarlle a Galiza o que apoian noutros territorios
Neste contexto, recordou que Euskadi e Navarra levan décadas desfrutando dun concerto económico sen que ninguén o cuestione. “Por que as forzas centralistas que aquí cuestionan o concerto deféndeno alí? Por que para Galiza non? Por que vostedes queren que Galiza sexa a única nación que non teña o control do seus recursos?”, interpelou tanto ao PP como ao PSOE.
Logo de recordar que Cataluña vai camiño de conseguir tamén o seu concerto, advertiu que Galiza “non pode ser a única nación no Estado que quede atrás simplemente pola miopía e polo servilismo a Madrid de quen está empeñado en deixarnos unha Galiza bonsai”, incidiu, para confrontar co bipartidismo a “Galiza en grande” que si defende o BNG.
A líder nacionalista remarcou que, cun concerto económico, Galiza non pide máis que ninguén, senón o que é xusto e lle corresponde, que o Estado deixe de facer caixa cos seus recursos e ter a chave dos seus cartos. “Hai que quitarlle a chave dos nosos cartos a Madrid para darlla aos galegos e ás galegas”, sintetizou.
Neste sentido, apelou a “non conformarse coas migallas” nin tampouco con retoques cosméticos, “cambiar algo para que todo siga igual”, e non tocar o esencial dun traxe que “fai moito tempo que a Galiza lle queda pequeno e estreito” porque é “o traxe feito a medida do egoísmo centralista”. “Hai que rachar dunha vez con ese traxe e facer un novo á medida do que precisan os galegos e as galegas”, resumiu.
A portavoz nacional lamentou a negativa de PP e PSOE a apoiar a proposta “ambiciosa e con confianza no potencial do País”. “Unha vez máis vemos ao bipartidismo nesta Cámara repetindo a milonga de que Galiza é pobre e vive da solidariedade do Estado”, reprochou, para evidenciar a súa posición servilista “cando se trata realmente de defender os intereses de Galiza sen pedir permiso a Madrid”.
“Son como dúas gotas de auga, porque poñen a súa ideoloxía centralista por diante dos intereses dos galegos e das galegas, facéndonos perder miles de millóns de euros cada ano”, afondou Pontón, quen recalcou que uns e outros din do concerto vasco que “é unha ferramenta para mellorar o seu benestar”, a mesma ferramenta que lle negan aos galegos e ás galegas para que, ironizou, tamén poidan mellorar o seu benestar.
Por iso, emprazou tanto ao PP como ao PSOE a explicar por que prefiren que eses recursos queden en Madrid, na vez de que Galiza poida utilizalos para investir en vivenda, en sanidade, en educación ou en atención á dependencia.
“Lamento que pola súa ideoloxía voten en contra de Galiza, que vaian permitir que, mentres Euskadi xa ten o seu concerto e Cataluña camiña cara a el, Galiza xa é a única nación que se queda atrás”, concluíu.