Ana Pontón defende unha comisión de investigación para sacar á luz todos os chanchullos do PP con Altri

Ana Pontón
“A macrocelulosa é o símbolo dun goberno de Rueda sen proxecto industrial que ademais é capaz de cometer irregularidades para favorecer intereses privados”, denuncia 

A portavoz nacional, Ana Pontón, defendeu no Parlamento a creación dunha comisión de investigación para sacar á luz todos os chanchullos do PP con Altri para a instalación da súa macrocelulosa, á que e referiu como “o maior exemplo da política industrial fracasada e errada do Partido Popular de Rueda”, pero tamén como “un exemplo de manual” de que o seu Executivo “goberna desde a mentira”.

Pontón recordou como esa “suposta biofábrica que en realidade era unha macrocelulosa que non quixeron en Portugal” constituíuse así nunha “fraude” e nunha “estafa” apadriñada por Núñez Feijóo e Rueda, “o dúo dinámico da política galega”, ironizou.

Un calote que a maioría do pobo galego conseguiu frear, pero sobre o que agora é preciso coñecer toda a verdade, a verdade sobre unha actuación do Goberno do PP “que está baixo sospeita, chea de irregularidades, ocultación e mentiras”. Con este obxectivo, o BNG solicita a creación dunha comisión de investigación, baseado en tres motivos principais.

O primeiro, alegou, a recente sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) que dá a razón a Adega e obriga á Xunta a volver a incluír na Estratexia de Infraestrutura Verde os terreos nos que se pretendía construír a macrocelulosa. Un fallo xudicial que cualificou de “auténtica sentenza de morte” do proxecto porque é incompatible con esa figura de protección.

“Por que se fixo, cando se fixo e en base a que informes técnicos se fixo esa modificación?” son algunhas das cuestións que a líder nacionalista considerou preciso aclarar na comisión de investigación.

Pontón lembrou neste punto que o documento de Infraestrutura Verde foi sometido a información pública en agosto de 2022 e incluía a zona de amortecemento ao sudoeste da Serra do Careón porque contía hábitats de interese prioritario, pero na súa versión definitiva, publicada no DOG o 10 de febreiro de 2025, inclúese un único cambio que, casualmente, ironizou, coincidía cos terreos onde se ía instalar a macrocelulosa de Altri.

“Isto significa que a Xunta do Partido Popular modificou de maneira consciente e premeditada un instrumento de protección ambiental para favorecer a Altri”, denunciou, para incidir a continuación en que o TSXG revela que non existen informes técnicos que avalen esta decisión. “Non os hai porque esta foi unha decisión política da Xunta do PP para favorecer a Altri en contra do interese xeral e da protección do medio ambiente”, recriminou.

“Isto é gravísimo e só por esta razón tería que haber ceses ou dimisións e a asunción de responsabilidades e, desde logo, só isto xustifica por si mesmo xa a creación desta comisión de investigación que, por certo, quen se opoña a creala é que ten moito que ocultar”, advertiu.

A segunda razón pola que o BNG solicita a creación da comisión é coñecer os acordos secretos asinados entre a Sociedade Impulsa e a pasteira portuguesa, dos que só se ten noticia por unha nota de prensa de outubro de 2021 -que ademais di que están suxeitos á verificación dun conxunto de condicións- e sobre os que o PP persiste en ocultar toda a documentación, polo que a organización nacionalista recorreu ao TSXG, que xa admitiu a trámite a súa solicitude.

Pontón criticou ao Executivo por escusarse en que eses documentos son confidenciais e que forman parte das relacións entre empresas privadas, cando o acordo foi asinado polo número dous do Goberno de Rueda e a Xunta ten directamente o 40% de Impulsa e outro 10% máis a través de Sogama.

Nesta liña, tamén recordou que o propio presidente da Xunta -“ausente vergoñentamente hoxe no Parlamento”, reprobou- recoñecía hai unhas semanas coñecer esa documentación e que o regulamento da Cámara obriga ao Goberno galego a entregar ao Parlamento os documentos que obren no seu poder.

Desclasificar o acordo secreto do PP coa pasteira

“Vostedes xa non teñen ningunha escusa para seguir ocultando ese acordo coa pasteira portuguesa e pedímoslles que fagan dunha vez por todas o que deberon facer hai moito tempo, que é desclasificar os papeis secretos de Altri”, reclamou. “Se non o fan, o único que nos demostrarán é que teñen moito que ocultar”, sintetizou.

O terceiro e último motivo que xustifica a creación da comisión de investigación, afondou, é “unha cuestión de hixiene democrática”, algo que, reprobou, “cada vez lle dá máis aversión ao Partido Popular”.

A líder nacionalista apelou neste punto a converter o Parlamento nun exemplo de participación e transparencia, para o que considerou necesario escoitar á sociedade dándolle a palabra, por exemplo, á Plataforma Ulloa Viva e á Plataforma en Defensa da Ría de Arousa.

Mais tamén a persoas expertas, desde as Universidades ao Consello da Cultura Galega, e, evidentemente, a Altri e ao Goberno galego, “que funcionaron como un tándem perfecto durante todo este procedemento”. “Que mellor lugar que o Parlamento de Galiza para escoitar todas as voces, coñecer a verdade e sacar leccións de futuro, é o mínimo que debemos facer para aclarar até as últimas consecuencias un asunto que tivo en vilo á sociedade galega nos últimos tempos”, argumentou.

Pontón considerou a macrocelulosa un proxecto fracasado e derrotado por unha enorme mobilización social que “conseguiu vencer a prepotencia, a ocultación e as mentiras de Rueda”, poñendo de manifesto ademais que a galega é unha sociedade que quere un desenvolvemento industrial xusto, sustentábel e baseado no coñecemento, “un modelo industrial que poña a riqueza e os recursos de Galiza ao servizo do País e da maioría social” e non en mans dunha presa de multinacionais.

“Altri é o símbolo dun goberno que non ten ningún proxecto de futuro, que o que ofrece é o pasado, mais tamén é o exemplo, é isto é moi grave, dunha Administración capaz de cometer todo tipo de irregularidades para favorecer intereses privados”, subliñou, logo de incidir en que o BNG quere coa comisión de investigación examinar cada unha das decisións e cada un dos documentos que oculta o Executivo do PP, “poñer luz e taquígrafos onde agora hai escuridade”.

“O Partido Popular ten que decidir se vai apoiar esta comisión de investigación ou se vai aplicar o seu rodillo absolutista e vetala e, se a veta, o que nos dirá é que ten moito que ocultar e que ten medo a que se coñeza a verdade”, advertiu antes de que os populares votaran en contra da súa creación.

A portavoz nacional criticou na súa quenda de réplica o veto do PP que explicou porque sabe que “Altri é unha gran mentira e unha gran trapallada de principio a fin”, un proxecto de macrocelulosa no que puxo “a Xunta ao servizo dunha empresa portuguesa” para instalar en Galiza “o que non querían en Portugal”.

“Este País ten dereito a saber por que o fixeron e chegaremos ao final, custe o que custe, para coñecer a verdade do que vostedes artellaron con Altri e en contra do pobo galego”, concluíu.