Ana Pontón defende en Bruxelas a descentralización dos fondos, que cheguen ás PEMES e compensar a Galiza na transición enerxética

Xuntanza de Ana Pontón e Ana Miranda coa comisaria Ferreira, na sede da CE. Foto: Delmi Álvarez
Xuntanza de Ana Pontón e Ana Miranda coa comisaria Ferreira, na sede da CE. Foto: Delmi Álvarez

Destaca a importancia da interlocución directa coa Comisión Europea a favor de Galiza, tras o encontro coa comisaria de Cohesión, a lusa Elisa Ferreira. Coincidencia en potenciar a Eurorrexión Galiza-Norte de Portugal

O BNG demanda unha saída xusta da crise “porque sería un erro monumental vincular os fondos a recortes sociais ou de dereitos”, alegou

A portavoz nacional, Ana Pontón, mantivo un encontro coa comisaria europea de Cohesión, a portuguesa Elisa Ferreira, a quen trasladou as necesidades de Galiza e as prioridades que deben terse en conta á hora de distribuír, xestionar e aplicar os fondos de recuperación económica, incluídos os Next Generation.

Na reunión, tamén coa portavoz en Bruxelas, Ana Miranda, Pontón defendeu ante a comisaria catro cuestións que o Bloque considera claves para o País: xestión descentralizada dos fondos, que cheguen ao tecido produtivo real coas PEMES e autónomos e autónomas, trato preferente para Galiza nas partidas de transición enerxética para minimizar o impacto da descarbonización e reforzar servizos públicos e sociais. E todo isto baixo unha premisa: que os fondos non se vinculen a ningún tipo de recorte.

“Estamos nun momento de transformacións profundas e é importante que Galiza reciba un trato xusto para enfrontar con garantías os desafíos de futuro”, indicou Pontón, e ese é o obxectivo das propostas trasladadas á comisaria de Cohesión.

En relación á descentralización, “é prioritario que as decisións sobre eses fondos non se tomen desde Madrid senón desde Galiza e que contemos cos recursos necesarios para saír da crise”, indicou, de feito Bruxelas xa apostou por esa vía ao decidir a xestión desde os Estados. Hai que dar un paso máis e que sexan os gobernos das comunidades os que decidan en que  investir.

Xuntanza de Ana Pontón e Ana Miranda coa comisaria Ferreira, na sede da CE. Foto: Delmi ÁlvarezPontón tamén trasladou á comisaria de Cohesión o temor a que os fondos queden en mans dun puñado de multinacionais ignorando ao tecido produtivo de base, “cando desde o Bloque defendemos todo o contrario, que non sexan acaparados polas multinacionais que cotizan en bolsa senón pola economía real, integrada polos sectores produtivos e as PEMES”, cuestión sobre a viu tamén receptividade.

“Defendemos unha saída xusta da crise e sería un erro descomunal e unha irresponsabilidade que para ter acceso a estes fondos se poñan sobre a mesa  novos recortes sociais ou recortes de dereitos”, indicou, advertindo contra o risco de repetir os erros de 2009.  

Conseguir un trato preferente no proceso de transición enerxética ocupou tamén un lugar destacado no encontro e, neste sentido, Pontón explicou que Galiza debe ser compensada polo impacto na economía e no emprego que ten a descarbonización, como por exemplo no caso das Pontes co peche de ENDESA cunha perda de 1.200 postos de traballo directos.

Visión compartida entre a comisaria lusa e a portavoz do BNG

Pontón valorou positivamente o encontro porque permitiu unha interlocución directa a coa Comisión Europea a favor do País, ao tempo que traslada a satisfacción por compartir coa comisaria Ferreira a importancia das relacións entre Galiza e Portugal.

“É gratificante comprobar a visión compartida sobre a importancia das relacións entre Galiza e Portugal, un eixo estratéxico de futuro e nese sentido, o feito de ser portuguesa a comisaria explica a especial sensibilidade, -indicou Pontón-, e dentro das liñas de futuro apostamos por fortalecer a eurorrexión Galiza-Norte de Portugal tanto nas infraestruturas como nos vínculos económicos, culturais e sociais que compartimos e os intereses en comúns para un polo de sete millóns de persoas”, indicou Pontón.

A reunión tamén permitiu trasladarlle á comisaria europea as propostas do BNG para Galiza con cargo aos fondos de recuperación, “un proxecto para erguer  Galiza da crise que aposte por un novo modelo económico sustentable, baseado na innovación e na ciencia, polos sectores produtivos e que permita darlle futuro á xente nova. Non podemos permitirnos o luxo de que outra xeración teña que emigrar, por iso os fondos deben servir para xerar emprego, oportunidades e para fortalecer os servizos públicos”.

 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG