Xerais 2019 (10N)

Ana Pontón conversa nun bar de barrio con persoas en situación precaria: “son o retrato da Galiza real”

Pide concentrar no BNG o voto de país e progresista desencantado co espectáculo das forzas estatais. “Imos defender Galiza e unha axenda social”

Rego defenderá no Congreso a derrogación das contrarreformas laborais, subir as pensións mínimas até o SMI, e un plan retorna da mocidade

Un bar de barrio na compostelán rúa do Home Santo escenario para que persoas do común explicasen a súa situación de precariedade nunha café-conversa coa portavoz nacional, Ana Pontón, e co candidato ao Congreso pola Coruña, Nestor Rego.

Desde Lorena que encadea contratos en precario, ás baixas pensións de María e Manolo, xubilado do campo; mozos como Anxo que non atopa traballo relacionado coa súa formación ou os investigadores Adrián e Manuel que non ven máis saídas que emigrar ou renunciar á investigación.

“Quixemos conversar con todos eles porque son o retrato da Galiza real, esa que non está na axenda das forzas políticas estatais que nos demostran cada día que non teñen alternativa de futuro para este país ”, salientou a líder nacionalista.

Pontón avanzou que a representación do BNG no Congreso defenderá a derrogación das contrarreformas laborais que precarizan, -que as forzas de esquerda mantiveron  intactas-, e medidas que garantan unha rede de seguridade social como unha renda mínima vital, a equiparación das pensións mínimas ao SMI, baixar a idade de xubilación os 65 e computar para a prestación os 15 mellores anos da vida laboral.

A líder do Bloque salientou que o 10N non está en xogo o futuro dos candidatos das forzas estatais senón o dos galegos galegas de común, por iso pediu “unir todo o voto de país e progresista desencantado co espectáculo das forzas estatais apostando por facer algo diferente: poñer Galiza no mapa a través do BNG o que implicará tamén a defensa de Galiza e dunha axenda social e de dereitos”, salientou.

“Hai futuro se apostamos por darlle voz propia a Galiza e por defender unha axenda galega no Estado que coloque os dereitos sociais nun primeiro plano, como defender a derrogación das contrarreformas laborais que precarizan as condicións laborais e a vida das persoas, en particular da xente nova e das mulleres”, concluíu.

O candidato Nestor Rego denunciou “a situación preocupante” como consecuencia dun modelo que limita o crecemento económico do país e como consecuencia de todos os recortes sociais dos últimos anos: “cada vez temos máis temporalidade e precariedade e moita xente acaba marchando fora do país”.

Por iso, salientou, urxe poñer en marcha medidas que aporten solucións como un plan retorna de xente moza cos investimentos necesarios, “que permita traer de volta á mocidade emigrada con todo o seu talento, en particular na área de investigación”.

Tamén avogou por un plan contra a exclusión social e a pobreza e insistiu nas medidas do BNG como equiparar pensións mínimas co SMI, -Galiza ten as segundas pensións máis baixas do Estado-, é un incremento progresivo do salario mínimo interprofesional até acadar un 60% do salario medio. “Medidas que permitirían mellorar as condicións de vida das persoas que agora sofren coa precariedade”, concluíu.
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG