Ana Pontón convencida de que Pedro Sánchez non se estreará cunha moción de censura ao BNG da man do PP

Ana Pontón co grupo municipal de Fene

A portavoz nacional do BNG expresa o seu orgullo polo goberno que lidera Trigo en Fene “aberto, transparente e que traballa por mellorar a vida da veciñanza”

Preguntada pola ameaza de moción de censura: “Teño o convencemento de que a carta de presentación de Pedro Sánchez en Galiza non vai ser quitar ao alcalde do BNG de Fene para poñer ao PP”

A portavoz nacional, Ana Pontón, realizou unha visita institucional ao concello de Fene onde mantivo un encontro co equipo de goberno local que encabeza Juventino Trigo a quen expresou o seu “orgullo” por un executivo municipal “aberto e transparente, que traballa para mellorar a vida da veciñanza”.

“Conseguiu que Fene sexa sinónimo de transparencia, de preocupación pola cidadanía e de iniciativas en positivo para dinamizar un concello que ten sufrido con crueza os efectos da reconversión industrial e da crise económica”, indicou tras a reunión co grupo de Goberno.

Pontón tamén salientou como sinais de identidade do executivo municipal “a defensa dos servizos públicos, o labor de promoción da cultura e da lingua galegas, a súa capacidade de xestión e de negociación con outras administracións e os proxectos de transformación como a recuperación do entorno do río”. A tamén deputada sumouse a demanda do concello para que ABANCA non peche ningunha oficina máis no municipio “que ten dereito a recibir un bo servizo bancario”.

Para dirixente do Bloque o balanzo do ecuador do mandato da equipa que lidera Trigo é “excepcional” porque puxo o concello a funcionar, “un concello aberto, transparente ao servizo dos e das veciñas, cun proxecto de futuro para Fene pensado para a maioría social que deixou atrás os anos escuros do PP”.

A preguntas dos medios sobre a ameaza dunha moción de censura, a portavoz nacional expresou o seu convencemento de que o PSOE non vai substituír un goberno do BNG que funciona para colocar ao PP.

“Teño o convencemento de que a carta de presentación de Pedro Sánchez en Galiza non vai ser quitar a un alcalde do BNG para poñer un do PP, imaxino que o non e non ao PP vale tanto para Madrid como en Fene”, argumentou.

Pontón salientou que Fene “ten un goberno aberto aos veciños e veciñas, cun gran alcalde que está facendo un traballo moi importante para mellorar a calidade de vida e a situación do municipio”.

Neste sentido, afondou, “o importante é que a cidadanía sabe que pode confiar no Goberno municipal, na súa capacidade e honestidade, no feito de que está aquí para servir aos veciños e veciñas e en que ten un proxecto de futuro para o concello que lles da unha esperanza de futuro. Ese é o mellor aval que podemos ter as forzas políticas fronte a un PP cuxo pasado goberno municipal foi censurado pola cidadanía nas urnas”.

Pola súa parte, o alcalde cualificou de “esperpento” a actuación da oposición nos últimos días, toda vez que o seu goberno ten claro “que non existe xustificación algunha para unha moción”. Trigo demandoulle ás forzas da oposición “responsabilidade”. “Que deixen traballar ao Goberno e que fagan unha oposición cando menos honrada, que non prexudique  á veciñanza, que muden a súa actitude e que deixen traballar como fixemos nós cando estivos na oposición”.