Ana Pontón chama á participación masiva na manifestación da sanidade para acabar coas políticas de demolición de Rueda

Concentración en Teo

Anima a saír á rúa para reclamar medios e profesionais ante a un Goberno do PP que está recortando na pública en beneficio da privada

Exemplifica no deterioro da atención primaria en Teo as consecuencias do recortazo de 1.650 M€: “Por iso hai listas de espera nos centros de saúde”

A portavoz nacional, Ana Pontón, fixo un chamamento á cidadanía para que participe masivamente na manifestación que, baixo o lema ‘Mobilízate para defender o teu dereito a saúde’, convoca a plataforma SOS Sanidade Pública este domingo 1 de febreiro en Santiago en defensa do sistema sanitario público galego.

Pontón animou desde o concello de Teo á participación na mobilización “para defender que se cubran as baixas de persoal”, que se dote de “máis recursos” a atención primaria e que se trate “coa dignidade que necesitan as e os profesionais” do sistema sanitario. En definitiva, que “dunha vez por todas se poña fin á política de demolición que está levando adiante o Partido Popular” da sanidade pública do País.

Unha demolición, advertiu, que “non é só incompetencia”, senón que se trata tamén de “ideoloxía”, xa que o Goberno do PP “está deteriorando o sistema sanitario público para beneficiar á sanidade privada”.

Neste sentido, recordou que “cada vez se destinan máis recursos á privada” (concretamente 341 millóns de euros este ano) e que cada vez os galegos e as galegas “teñen que pagar máis cartos do seu peto” para poder cubrir as súas necesidades de saúde, como demostra o feito de que nos últimos seis anos se incrementaran un 166% os seguros privados.

“É dicir, que se está camiñando no deterioro da sanidade pública cara a unha privatización do noso sistema sanitario”, sintetizou nunha concentración ante o centro de saúde de Cacheiras, en Teo, precisamente para reclamar máis profesionais e servizos na atención primaria deste concello.

Diante da grave situación na que se atopa a sanidade pública, a líder nacionalista incidiu nas propostas do BNG para reverter os recortes e privatizacións do Executivo de Alfonso Rueda, a comezar por un plan de rescate da primaria que permita recuperar canto antes os 1.650 millóns de euros que se deixaron de investir durante estes 17 anos de Goberno do PP.

En segundo lugar, avogou por incrementar os recursos destinados á atención primaria até chegar ao 25% do orzamento total do Sergas, tal e como recomenda a Organización Mundial da Saúde (OMS).

Pontón tamén propuxo a incorporación de novas especialidades á primaria, especialmente a de psicoloxía clínica, tendo en conta que o 30% das consultas teñen que ver con problemas de saúde mental.

“E cremos que é fundamental que se mellore tamén o funcionamento e os recursos que hai no noso sistema hospitalario e que se actúe para atallar un dos principais problemas que temos, que son as listas de espera”, subliñou.

Con este obxectivo, defendeu que se contrate máis persoal e se poña a pleno rendemento o funcionamento dos hospitais, mañá, tarde e se fose preciso, fins de semana, para acabar cunhas listas de espera que o que están provocando é que moitas persoas vivan angustiadas porque non teñen a atención que precisan, no tempo que necesitan”. 

“En definitiva, desde o BNG imos seguir defendendo a sanidade pública nas institucións, pero tamén na rúa, man a man coa cidadanía deste País”, avanzou, ante “un Goberno do Partido Popular que leva 17 anos poñendo en marcha unha voadura controlada do sistema sanitario público, única e exclusivamente para defender os intereses da sanidade privada”.

A portavoz nacional exemplificou as consecuencias dos recortes e privatizacións do Executivo de Rueda na situación de deterioro na que se atopa a atención primaria de Teo, onde participou nunha concentración en Cacheiras para reclamar máis profesionais e máis medios xunto ao portavoz municipal, Eloi Devesa, e as deputadas Montserrat Prado, Iria Carreira e Saleta Chao.

Pontón denunciou que neste concello “falta persoal sanitario, faltan servizos e falta infraestruturas adecuadas” para poder atender ás persoas cando acoden ao seu centro de saúde, o que evidencia, afondou, “o deterioro que se está producindo nun elemento que tiña que ser vertebral no sistema sanitario como é toda a rede de atención primaria”.

Nesta liña, advertiu tamén da precariedade das instalacións dos centros de saúde, logo de recordar que os veciños e veciñas de Pontevea teñen que acudir a uns contedores para poder recibir atención sanitaria, unha medida que ía ser provisional pero que xa leva máis de catro anos sen que haxa “ningunha alternativa nin ningunha resposta por parte do Goberno do Partido Popular”.

“O que lle reclamamos á Xunta é que dote ao concello de Teo, onde hai case 20.000 persoas, que cubra as baixas dos profesionais, que se cubran todas as prazas que están vacantes e que se garante unha atención sanitaria de calidade”, reclamou ante uns sucesivos gobernos do PP que “non só non o fan, senón que están traballando na dirección contraria”.

Porque, afondou, o de Teo “non é un caso illado”, senón o que está pasando na inmensa maioría dos centros de saúde galegos, o que atribuíu á política sanitaria dun PP que recortou 1.650 millóns de euros en atención primaria. “Por iso vemos que hoxe hai lista de espera até para ir ao médico ou médica de cabeceira”, resumiu.

“Este é un gran logro do Partido Popular e nós o que lle reclamamos á Xunta é un xiro de 180 graos na súa política sanitaria”, concluíu.