Municipais 2027

Ana Pontón de cara ás municipais: O obxectivo é abrir un tempo novo en Ferrol con Mon Fernández como alcalde

Presentación Ferrol

“Hai unha demanda social de cambio e o BNG é a alternativa para ilusionar e mobilizar a todas as persoas que queren ese cambio real”, alega

Mon Fernández: “A nosa alternativa é facer unha cidade coas persoas no centro”


 

A portavoz nacional, Ana Pontón, participou na presentación de Ramón “Mon” Fernández como candidato do BNG á Alcaldía de Ferrol nas eleccións municipais de 2027, para as que fixou como obxectivo abrir un tempo novo na cidade con Fernández como alcalde.

Para conseguilo, Pontón afirmou que o Bloque presenta unha combinación gañadora: o seu modelo municipal de éxito e o liderado solvente de Mon Fernández, ao que se referiu como “unha persoa dialogante” e que “leva Ferrol na cabeza e no corazón”. “Con esta combinación gañadora imos a por todas, a liderar o próximo goberno municipal de Ferrol, man a man con toda a veciñanza”, sintetizou.

A portavoz nacional afirmou que hai “unha maioría que quere cambio” na cidade, unha maioría que quere abrir un tempo novo en Ferrol. “O BNG con Mon Fernández á cabeza é a alternativa para mobilizar e ilusionar a todas as persoas que queren un cambio real na cidade, a alternativa desa maioría que pensa que outro Ferrol é posible e que mira cara ao BNG con esperanza”, alegou.

“Non os imos defraudar, imos estar á súa altura para construír ese Ferrol que quere e que merece a veciñanza”, subliñou Pontón, quen tamén agradeceu a Iván Rivas todo o traballo realizado ao longo dos últimos anos, nos que non só foi a voz do Bloque no Concello, senón “a voz de todos os veciños e veciñas que queren construír un Ferrol con máis futuro”.  

A líder nacionalista subliñou que o proxecto do BNG está concibido para construír “un Ferrol en grande”, o que significa construír unha cidade con mellores servizos públicos, con calidade de vida, con máis cohesión social, cun urbanismo de calidade e na que se promova o comercio local. En definitiva, “significa inclusión e benestar social, significa dinamismo económico e cultura e significa a defensa da nosa lingua”, resumiu.  

Ese Ferrol en grande, afondou, é o que quere poñer en marcha co apoio e coa forza da cidadanía Mon Fernández, do que salientou que dá o paso como candidato á Alcaldía desde un profundo coñecemento da realidade ferrolá, tal e como demostrou ao longo dos últimos anos como deputado nos que lle deu voz a Ferrol no Parlamento galego, onde trasladou todos os asuntos importantes para a cidade, denunciando os problemas pero, sobre todo, aportando alternativas e solucións.

“Ferrol é unha cidade que merece máis e Mon é un candidato que coñece os barrios, que coñece as dificultades e os retos que Ferrol ten sobre a mesa e que, sobre todo, confía no potencial que ten esta cidade”, indicou, para remarcar a continuación que a proposta do BNG nace precisamente “desde a confianza, o optimismo e a esperanza” para “poñer en marcha un Ferrol vizoso, alegre, inclusivo e orgulloso”, en definitiva, “un Ferrol con futuro”.

Neste sentido, destacou o enorme potencial dunha cidade que conta con capacidade industrial e infraestruturas enerxéticas, traballadores e traballadoras que demostraron o seu bo facer, unha ría que só espera a súa recuperación integral para ser unha das máis produtivas de Galiza e un patrimonio arquitectónico e natural único que precisa dunha maior protección.  

“Con todos estes elementos, nós dicimos que nos sobran os motivos para a confianza e o optimismo”, afirmou, para recalcar que o optimismo é precisamente o que define “a candidatura e o proxecto do BNG” para abrir “un tempo novo nesta cidade da man de Mon Fernández como próximo alcalde de Ferrol”.

Para iso, a portavoz nacional apuntou a toda a experiencia acumulada de xestión municipal do Bloque, un modelo de calidade que, como exemplifican a alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, a de Moeche, Beatriz Bascoy, ou o de San Sadurniño, Secundino García -presentes no acto-, demostra a capacidade do BNG para transformar en positivo a vida das persoas, xerando máis dinamismo económico e social, con concellos transparentes e democráticos onde todos os veciños e veciñas son tratadas por igual.   

“Ese modelo municipal de éxito é o que queremos trasladar a Ferrol”, afondou Pontón, quen subliñou o obxectivo de “dar un gran salto adiante” nas eleccións municipais de 2027. “Imos a por todas e sei que o noso candidato vai dar o mellor de si, como fai sempre”, concluíu. 

Pola súa parte, Mon Fernández destacou o espírito combativo, loitador e reivindicativo dunha cidade á que ofreceu a candidatura ganadora do BNG para construír unha urbe que sexa referencia en Galiza.

“A nosa alternativa e o noso obxectivo é facer unha cidade coas persoas no centro, con servizos de calidade e espazos de confort para as familias, para as crianzas, para as mulleres, para as persoas maiores, para as persoas con discapacidade, para toda a diversidade de persoas que facemos o día a día o noso Ferrol”, explicou.

Fernández destacou que Ferrol “é moito máis que un concello” dado que é cabeceira de comarca, polo que reivindicou o seu liderado para, en diálogo permanente con todos os concellos da comarca, ter unha única e potente voz naqueles asuntos que son estratéxicos.

“No BNG temos moi claro que temos moito a gañar apostando por reforzar o enfoque comarcal, en termos de desenvolvemento económico, de emprego, de servizos públicos, de mobilidade, de protección do patrimonio natural, histórico e cultural ou da ría”, explicou para concluír que, como cabeceira de comarca e xunto cos outros concellos, é preciso “poñer Ferrol no mapa”.