Ana Pontón: “A bochornosa moción de censura en Ribeira demostra o nerviosismo do PP cara a un BNG que sobe e goberna mellor”

Ana Pontón
Augura que a veciñanza tomará nota e Luís Pérez volverá á alcaldía en 2027

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, considerou que a vergoñenta moción de censura presentada en Ribeira reflicte a preocupación do PP pola tendencia a alza dun BNG que goberna para a maioría e que cada vez é máis valorado polos veciños e as veciñas. “Esta moción demostra o nerviosismo cara un BNG que sobe, que mellora o seu apoio e, sobre todo, que demostra que goberna mellor os concellos que o PP”, sostivo.

Pontón criticou que, tal e como transcendeu nos últimos días, a moción de censura se acadase con “presións e manobras escuras”, o que pon de manifesto que o PP “quere facerse co poder sen ter en conta a máis mínima ética e, desde logo, sen preocuparse polo ben dos veciños e das veciñas” deste concello da Barbanza.

En resposta ás preguntas dos xornalistas, a líder do BNG amosouse convencida de que tras o “bochornoso” triunfo da moción de censura debatida hoxe, a xente de Ribeira tomará nota e “poñerá no seu lugar” a cada un dos seus protagonistas na próxima cita coas urnas. “Estou convencida de que Luís Pérez Barral volverá  ser alcalde tras as eleccións de 2027”, subliñou.