Ana Pontón: “O BNG é a única forza que pon Galiza na axenda do Estado e a que defende os seus intereses, goberne quen goberne”
Destaca os descontos históricos na AP-9 ou a rexeneración das rías como algúns dos logros da “negociación intelixente e coas mans libres” do Bloque
Néstor Rego e Carme da Silva destacan o papel do BNG no impulso de políticas de esquerda e transformadoras para favorecer ás clases populares
A portavoz nacional, Ana Pontón, reivindicou en Pontevedra ao BNG como a “única forza política que pon Galiza na axenda do Estado” e a que “garante a defensa dos intereses do País, sexa quen sexa o inquilino da Moncloa”.
“É máis útil para Galiza un deputado e unha senadora coas mans libres para defender os nosos intereses que o resto de representación, que na vez de dar a cara polos galegos e as galegas van recibir ordes e facer os que lles mandan as direccións dos seus partidos en Madrid”, asegurou en referencia a populares e socialistas, aos que acusou de “alternarse na discriminación do noso País”.
Así o afirmou en Pontevedra nun acto xunto aos representantes do Bloque no Congreso e no Senado, Néstor Rego e Carme da Silva, respectivamente, enmarcado na campaña ‘Co BNG, Galiza Gaña’ posta en marcha para difundir os logros do traballo da organización nacionalista en Madrid en defensa do País. Canda eles, participou tamén o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores.
A portavoz nacional subliñou que o traballo feito ao longo destes anos demostra que o BNG é a única representación “coas mans libres” para defender nas Cortes os intereses de Galiza, fronte ás forzas estatais que “cando están na oposición din unha cousa e cando gobernan fan a contraria”.
Pontón puxo a AP-9 como caso paradigmático, criticando neste punto que o PSOE, que defendía a transferencia e a gratuidade da AP-9 cando estaba na oposición, “agora di que o rescate é inviable”. Na mesma liña, cualificou de “tomadura de pelo” a posición do PP, “que foi quen vendeu a prezo de saldo a autoestrada, quen ampliou 25 anos máis a súa concesión e quen fixo que hoxe teñamos que seguir pagando unhas peaxes que son unha auténtica estafa legalizada”.
Un PP que, ademais, vetou en numerosas ocasións o debate sobre a transferencia no Congreso e que “agora se rasga as vestiduras” falando da AP-9. “Esquece que mentres estiveron no Goberno o único que fixeron foi privatizar a autoestrada e subir as peaxes ano tras ano”, engadiu, para salientar que se os galegos e as galegas desfrutan agora de “descontos históricos” tanto na AP-9 como na AP-53 é grazas ao acordo de investidura asinado polo BNG.
“Os datos avalan que a negociación intelixente e coas mans libres do BNG é a que mellor defende os intereses do noso País”, asegurou, referíndose neste punto tamén aos avances na rexeneración das rías ou á negociación da quita de 4.000 millóns de euros na débeda da Xunta.
Grazas ao traballo do nacionalismo galego nas Cortes, “está máis cerca que nunca que Galiza poida ter un tren de proximidade do que tamén se beneficiará a cidade de Pontevedra”, recalcou, para deixar claro que, malia os logros acadados, o BNG “non se conforma” porque “aínda hai moitas cuestións pendentes”.
É por iso que, segundo dixo, o Bloque vai seguir traballando nesta lexislatura en defensa dos intereses dos galegos e as galegas, sendo “esixentes” e “subindo o listón”, conscientes ademais de que “en contextos sen maiorías absolutas, cada voto é decisivo”.
Unha forza útil tamén para conter a ultradeira
Alén dos acordos de investidura conseguidos polo BNG que colocaron na mesa a Axenda Galega, Néstor Rego destacou o papel da organización nacionalista á hora de conseguir impulso a políticas de esquerda e verdadeiramente transformadoras. “As bonificacións nas autoestradas, a implantación de xulgados de violencia de xénero, o aumento das pensións mínimas e non contributivas por riba do IPC, o aumento das semanas dos permisos monomarentais, a quita dun terzo da débeda da Galiza, actuacións en infraestruturas estratéxicas para o noso País”, enumerou Rego.
“Ningún deputado ou deputada doutra formación política puxo sobre a mesa a Axenda Galega para condicionar o seu voto en calquera das investiduras que houbo. Só o BNG” recordou o deputado nacionalista.
Do mesmo xeito, lembrou Rego, o BNG foi o único que trasladou xa ao Goberno un paquete con 20 medidas para protexer a sociedade galega, as clases populares e os sectores económicos da Galiza fronte a esta nova crise.
“Somos unha forza eficaz á hora de defender os intereses da Galiza e unha forza útil para conter a dereita e a ultradereita. Se cun deputado e cunha senadora somos capaces de conseguir todo isto, que non seríamos capaces de conseguir con máis representación nas Cortes do Estado para poder condicionar máis aínda as políticas que leva a cabo o Goberno e poder mellorar aínda máis a calidade de vida das maiorías sociais e de todos os galegos e galegas”, reflexionou.
Avances para o tren de proximidade
Pola súa parte, a senadora do BNG Carme da Silva destacou que a organización nacionalista foi a única en impulsar o tren de proximidade na Galiza para a súa implantación. “Así está comprometido no Acordo de Investidura e así temos o compromiso que, neste ano, se poña en marcha” engade.
“Grazas ao traballo do BNG no Congreso conseguimos, alén do Acordo de Investidura, que se incluíse na Lei de Mobilidade Sustentábel unha disposición onde, no prazo de seis meses, se instaurase o servizo de proximidade ferroviaria na Galiza”, afirmou. “Que fixo o PP no Senado? Tachar Galiza. Intencionadamente tachaban algo que para os galegos e galegas é fundamental: rematar cunha discriminación histórica”, recriminou Carme da Silva.
Cuestións importantes a nivel local, destacou a senadora nacionalista, que só o BNG foi capaz de impulsar: “O nó de bombeiros e o paseo a Marín. Imos seguir traballando para que se desbloqueen os traballos e conseguir que esa obra imprescindíbel se faga”.