Ana Pontón avoga por potenciar as relacións comerciais con China e abrir oportunidades ás empresas galegas neste mercado
Aposta por incrementar as exportacións ao país asiático e favorecer a atracción a Galiza de investimentos chineses “de vangarda e de futuro”
Mantén un encontro co embaixador da República China, Yao Jing, ao que tamén lle traslada a aposta do BNG por reforzar o intercambio cultural que axuda ao mutuo coñecemento e respecto
A portavoz nacional, Ana Pontón, avogou por potenciar as relacións comerciais con China e abrir novas oportunidades ás empresas galegas neste mercado, logo do encontro que mantivo en Santiago co embaixador da República Popular China, Yao Jing.
A líder nacionalista valorou de maneira “moi positiva” unha reunión na que trasladou a Jing a importancia “estratéxica” que teñen para o BNG as relacións entre China e Galiza, tendo en conta que o país asiático representa un “gran mercado” no que as empresas galegas “poden e deben ampliar as súas posibilidades de negocio”.
“Temos un tecido económico e empresarial que é moi competitivo, que está sendo un referente en moitos ámbitos e, polo tanto, sería importante que esta tamén sexa unha vía de colaboración coa República China”, defendeu.
Pontón recordou que Galiza mantén unha “evolución débil” nas exportacións ao país asiático, un “déficit importante na balanza comercial” que ademais aumentou nos últimos anos e que considerou preciso recortar. Cómpre lembrar neste sentido que en 2024 Galiza exportou por valor de 218 millóns de euros e importou por valor de 2.108 millóns, é dicir, que o País merca a China dez veces máis do que lle vende.
A portavoz nacional tamén lle trasladou desde o BNG ao embaixador chinés o interese de Galiza en acoller investimentos “de vangarda e de futuro”. “Somo un País que ofrece grandes oportunidades para acoller proxectos que sexan sustentables, que aporten riqueza e xeración de emprego, e que teñan nesa sustentabilidade e no desenvolvemento tecnolóxico un dos seus piares”, destacou.
Ante o papel fundamental que xoga na economía e na xeopolítica internacional, valorou moi especialmente o esforzo chinés por promover o diálogo e a colaboración e confiou en que “entre China e Galiza se poidan materializar novos proxectos en beneficio mutuo”.
Nesta liña, apostou por seguir profundizando nas relacións bilaterais tamén noutros ámbitos de actuación, como o académico, onde xa existen intercambios entre universidades galegas e chinesas nos que se pode incidir para beneficio de ámbolos dous países.
De igual xeito, apostou por promocionar o coñecemento da cultura e a lingua galegas no país asiático, xa que “aumentar o intercambio cultural entre ambas nacións enriquece a todos e a todas e é a mellor forma de derrubar prexuízos e construír relacións de igualdade, de amizade e de integración”, alegou.
Un intercambio que, subliñou, xa está desenvolvendo Galiza coa comunidade chinesa, nun exemplo de convivencia que demostra que ámbolos dous países teñen “moitos lazos e vínculos” sobre os que asentar as súas relacións.
Finalmente, a líder nacionalista tamén trasladou a Jing o compromiso do BNG para traballar “pola soberanía dos pobos, pola xustiza e pola paz”, apostando por unhas “relacións internacionais de igualdade entre os pobos” como a mellor maneira de construír “un mundo mellor para toda a humanidade”.