Ana Pontón avanza que o BNG emendará os orzamentos para mellorar os investimentos en Monforte e na comarca

Visita Monforte
Visita Monforte

Critica o abandono do Goberno de Feixóo que no foi capaz de asentar nin unha soa empresa no Porto Seco nin foi capaz de materializar o enlace coa N-120

A Xunta leva anos consignando unha partida para esa conexión que non executa

Reclama a contratación de especialistas e a dotación dunha UCI para o Hospital de Monforte e pide axilidade na execución do de plan de mellora do centro

Aposta por mellorar servizos públicos e políticas activas a favor da economía e do emprego, como antídoto contra a despoboación

A portavoz nacional, Ana Pontón, avanzou na súa visita a Monforte e a Pobra do Brollón que o BNG vai presentar emendas ós orzamentos 2022 para mellorar os investimentos no concello e na comarca, facendo fincapé naquelas propostas que permitan reforzar os servizos públicos como a sanidade, apoiando os sectores produtivos e á instalación de empresas, claves para frear a perda de poboación nunha comarca que ten todo o potencial para recuperar vitalidade económica e social.

“Imos presentar unha batería de medidas que permitan mellorar o trato que Monforte recibe na contas públicas de 2022, e deixar atrás  o abandono desta comarca por parte do Goberno do PP, imos ser a voz de Monforte no Parlamento”, salientou a líder do Bloque, tras a súa visita ao centro do viño da denominación de orixe Ribeira Sacra.

“Unha contas públicas que son sobre todo un retrato de como seguen pendentes, ano tras ano, infraestruturas e servizos longamente esperados pola veciñanza de Monforte pero sen que se fagan realidade e iso ten un custe moi alto porque se perden oportunidades: oportunidades de asentar empresas, oportunidades de xerar emprego de calidade, oportunidades para revitalizar socialmente o concello, oportunidades para frear a sangría de xente moza que marcha e oportunidades que se perden para impulsar os sectores produtivos”, argumentou a portavoz nacional.

Pontón foi moi crítica cos incumprimentos con Monforte e comarca por parte do Executivo galego, en particular en infraestruturas como o Porto Seco, plataforma loxística de 54.000 metros cadrados, que sete anos despois da súa finalización aínda non conta con ningunha empresa instalada.

“Cero empresas instaladas, ese é o balance do Goberno do señor Feixóo principal responsable da política industrial do País, non foi capaz de captar unha soa empresa e ten esta plataforma inoperativa”, lamentou, tras un investimento de 20 millóns de euros. Un triste balance de quen non foi capaz de “facer os deberes” para converter o Porto Seco nun polo de atracción económica, entre outras cuestións porque nin tan sequera se teñen concluídas a conexión coa N-120.

“Un ano máis, a van xa cinco consecutivos,  o Goberno de Feixóo coloca nos orzamentos a mesma partida de 750.000 euros que até agora nunca se executou. Desde logo, no BNG seríamos os primeiros en alegrarnos se desta vez vai en serio e deixa de ser papel mollado”, indicou en relación á execución desa infraestrutura, que debería completarse tamén coa realización dun molle de carga.

As infraestruturas non son a única débeda que o Executivo de Feixóo ten pendente con Monforte, tamén hai importante cuestións pendentes en materia de servizos públicos, en particular na sanidade, cun plan de mellora do Hospital de Monforte anunciado en 2019 que prevía un investimento de 15 M€ até 2024, pero que apenas está dando os primeiros pasos, cunha execución do 10% da contía anunciada e tendo en conta que nos orzamentos de 2022 a partida consignada é de 700.000 €.

As melloras do hospital, 17 anos con actual ritmo de investimento

A este ritmo de investimento, a veciñanza de Monforte deberá esperar 17 anos máis para ver completado o plan de mellora do seu hospital comarcal, pois estaba previsto que rematase en 2024 e non se remataría até 2040, e iso despois dunha pandemia que demostrou a importancia de contar cun sanidade pública forte e libre de recortes”, recalcou Pontón, quen tamén avanzou que o BNG demandará na Cámara “a contratación de especialistas e a dotación dunha UCI para o centro hospitalario”.

No ámbito económico, a portavoz do Bloque destacou a puxanza do sector vitivinícola grazas á calidade dos caldos da denominada viticultura heroica, e tamén abordou a importancia para Monforte e comarca de promover un “turismo sustentable”, respectuoso co inmenso e valiosísimo patrimonio natural da Ribeira Sacra. Neste sentido,  o contundente informe de ICOMOS debe servir tamén como reflexión sobre o modelo turístico que se debe impulsar para que sexa sustentable e de calidade.

Frear a perda de poboación

En definitiva, a comarca precisa reforzar os servizos públicos e política activas de impulso industrial e económico como medio para xerar emprego, pois ambos son requisitos necesarios para atallar un problema que non deixa de medrar na Galiza interior: a perda de poboación, en particular de xente moza.

“Servizos de calidade e políticas que se traduzan en creación de emprego son as mellores ferramentas para frear a perda de poboación”, concluíu Pontón, unha visita á  comarca na que estivo acompañada pola responsable comarcal, Rosana Prieto, e outros responsables locais, así como a deputada Carme Aira, visita que finalizou na Pobra do Brollón onde mantivo un encontro co goberno local liderado polo rexedor Xosé Lois Maceda.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG