Ana Pontón avanza que o BNG emendará os Orzamentos 2026 para que a Xunta dote recursos para financiar a EDAR de Soutomaior
A portavoz nacional, Ana Pontón, avanzou que o BNG vai utilizar o trámite de emendas aos Orzamentos da Xunta de 2026 para reclamar que o Goberno do PP dote os recursos necesarios para financiar a EDAR de Soutomaior, unha infraestrutura que considerou “fundamental para a conservación do medio ambiente”.
Así o anunciou xunto ao alcalde da localidade, Manuel Lourenzo, na visita institucional que realizou ao concello, para coñecer de primeira man os proxectos que está a levar a cabo o goberno local, no que exemplificou o modelo municipal de calidade do BNG que mellora a vida da veciñanza.
Pontón visitou xunto a Lourenzo e integrantes do equipo de goberno as obras de humanización do Camiño de Santiago ao seu paso por Arcade, que destacou como unha das actuacións que mellor evidencian unha transformación urbana que busca “máis calidade de vida para os veciños e as veciñas”.
Un modelo de xestión, remarcou, que “pon as persoas no centro”, xerando máis benestar para todos e todas e, ademais, xerando máis dinamismo económico, proporcionando entornos “onde poder desenvolver a vida”, pero tamén onde se poder desenvolver “unha maior actividade económica”, o que “é outro signo de identidade do BNG”, recordou.
A líder nacionalista apuntou como, logo de tan só dous anos de goberno, o concello xa nota “a capacidade de transformación” que teñen os gobernos municipais do Bloque que, no caso concreto de Soutomaior, conseguiu cifras históricas de investimento.
“Este concello liderado polo BNG está conseguindo inversións que históricas para Soutomaior e está demostrando esa capacidade que temos desde o Bloque de transformar en positivo concellos e de mellorar a vida das persoas”, recalcou.
Por iso, Pontón amosou o orgullo de ver como o municipio xa está sendo “un exemplo da capacidade de goberno e de transformación do BNG”, algo do que se mostrou convencida que “van a valorar os veciños e as veciñas” de Soutomaior.
Pola súa parte, Manuel Lourenzo agradeceu a visita da portavoz nacional, nun momento ademais no que “empeza a visibilizarse todo o traballo destes dous anos de mandato”, cunha “transformación absoluta do modelo urbano” e da que as obras en Arcade visitadas hoxe -que segundo avanzou poderían estar rematadas en dúas ou tres semanas- son “o primeiro dos pasos”, xa que irán acompañadas de actuacións en todas as rúas da contorna.
O obxectivo, concluíu, é deixar atrás “un modelo urbano obsoleto e anticuado” que “hipotecaba dalgunha maneira o futuro” do concello e transformalo nun “modelo urbano de referencia e pensado para as persoas”, convertendo o centro de Arcade nun exemplo máis do modelo de éxito BNG que se estende ao longo de todo o País.