Municipais 2023

Ana Pontón augura un resultado histórico o 28M porque o BNG representa o empuxe e o optimismo que Galiza necesita

Destaca as claves do modelo municipal de éxito do BNG: confianza no País, proxecto de vangarda, eficacia na xestión e democracia participativa

“Cada vez son máis os galegos e as galegas que ven no BNG a alternativa para derrotar ao PP na Xunta e construír unha Galiza forte e de futuro”

Crítica que os que agora veñen de xira electoral son os mesmos que queren converter este País nunha colonia enerxética de Madrid

A portavoz nacional, Ana Pontón, destacou no encontro inteparlamentar con candidatos e candidatas en Santiago que o BNG vai ter un resultado “histórico” na cita electoral municipal porque, tras meses percorrendo concellos ao longo e ancho do País, percibe que a corrente de apoio ao Bloque non fai máis que medrar.

“Son días de moita intensidade,  traballo e ilusión, a mesma ilusión que o BNG esperta cada vez en máis galegos e galegas que ven en nós a alternativa para derrotar ao PP na Xunta e construír unha Galiza forte, e imos facelo concello a concello, vila a vila, cidade a cidade, porque hoxe o BNG representa o entusiasmo, a vitalidade, o empuxe e o optimismo que tanto necesita Galiza e a xente deste País. Imos ter un resultado histórico”, proclamou Pontón.

A líder do Bloque bota man do aval que supoñen os concellos gobernados polo Bloque en base a un modelo municipal de éxito, “que funciona e que se ten convertido nun referente dentro e fora de Galiza porque pensamos os nosos concellos en grande”, recalcou, modelo que sintetizou en catro claves: confianza no País, proxecto de vangarda, eficacia na xestión e democracia participativa da cidadanía.

“Os nosos gobernos municipais son un éxito porque teñen amor e confianza no País, a firme convicción de que se pode vivir mellor en todos e cada un dos concellos e transforman en positivo superando todas as barreiras e todos os obstáculos, sobre todo a barreira do pesimismo,  a barreira do marco mental da resignación que predican esas forzas estatais que non confían en Galiza e que sempre miran para Madrid”, destacou Pontón.

As mesmas forzas, PP e PSOE, cuxos xefes de filas chegan agora “de xira electoral, a facer mitins, que é basicamente cando se acordan deste País”, criticou, pero que se alternan na discriminación a Galiza. “Son os mesmos que queren converter Galiza nunha colonia enerxética de Madrid a través do espolio eólico do noso monte e do noso mar; os que nos discriminan na chegada do AVE, os mesmos partidos que boicotean unha AP9 galega e libre de peaxes, os mesmos que discriminan aos concellos galegos no financiamento por habitante e os que nos deixan fora dos fondos de recuperación económica”, denunciou.

En contraposición, o BNG “confía no enorme potencial deste País e da súa xente,  nas nosas propias forzas e esa confianza é unha das claves do éxito do modelo noso municipal”, destacou.  A segunda clave do modelo municipal do Bloque é ter un proxecto de vangarda que aplica aos grandes retos que hai sobre a mesa, como o cambio climático, a transición enerxética, a mobilidade sustentable a defensa de servizos públicos de calidade, a importancia de ciencia e do coñecemento.

Da decadencia a ser referentes

“Cantos concellos que estaban en decadencia pasaron a ser un referente da man dun goberno do BNG? Os concellos que gobernamos iniciaron un camiño de futuro, de ilusión, de avance e nese avance sumamos cada vez a máis amplas capas da sociedade, da veciñanza”, recalcou.

A terceira clave do éxito é a eficacia na xestión dos gobernos municipais “que xestionan con transparencia e con eficacia cada euro, transformando en positivo e mellorando a vida das persoas, conseguindo concellos que funcionan, con dinamismo no económico, no social e no cultural”. E como cuarta clave, a democracia participativa, con alcaldes e alcaldesas liderando corporacións que fomentan a participación da veciñanza nos asuntos públicos, “son profundamente democráticos, onde todas as persoas son tratadas por igual”.

“Estas catro claves: confianza no País; proxecto de vangarda, eficacia na xestión e democracia son as bases do modelo municipal de éxito do BNG, un modelo  propio e xenuíno que queremos estender por toda Galiza”, subliñou a líder nacionalista.

Gran salto adiante

Pontón tamén puxo en valor o capital humano cun recoñecemento expreso aos 4.500 homes e mulleres que compoñen as 265 listas presentadas, unha cifra record que lle vai permitir ao 98% dos galegos e das galegas ter unha candidatura do BNG na próxima cita coas urnas.

“Levo meses percorrendo Galiza en actos de presentacións de candidaturas e cada día que pasa, cada día que nos achega ao 28 de maio noto máis enerxía, más forza e mais ilusión co BNG, por iso estou convencida de que imos dar un grande salto adiante, multiplicando a representación, ampliando os gobernos, consolidando as bases dunha nova Galiza, porque estamos no mellor momento da nosa historia. Así que a por todas nesta campaña, sen poñernos límites e a gañar un futuro mellor para este País, concello a concello”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG