Ana Pontón asume o compromiso de construír unha Galiza con futuro para unha mocidade “estafada” polo Goberno do PP

Mocidade Pontevedra

“Tendes razón cando pedides oportunidades para a xente moza ante un goberno que só vos ofrece precariedade, paro ou emigración”, alega

Propón un plan de emprego financiado con fondos europeos e vivenda accesible, pois traballo digno e vivenda son a clave para á mocidade

Aplaude a unha xuventude solidaria, preocupada polo planeta, inclusiva e implicada na defensa dos dereitos e as liberdades

A portavoz nacional, Ana Pontón, mantivo un encontro con xente nova ante a que se comprometeu a construír unha Galiza con oportunidades para a mocidade, fronte ao Goberno de Feixóo que en doce anos expulsou á emigración a 218.000 mozos e mozas menores de 34 anos.

“Tendes razón cando pedides ter futuro aquí, cando aspirades a un traballo cun salario digno, acceso a unha vivenda e poder desenvolver os vosos proxectos persoais e profesionais sen emigrar. En definitiva, tendes razón cando reclamades unha Galiza na que teñades sitio, e contades co BNG para conseguilo”, salientou no acto de Galiza Nova en Pontevedra, xunto a súa secretaria xeral, Marta Gómez.

Traballo digno e vivenda accesible son a clave, sintetizou, e iso require políticas públicas hoxe inexistentes. En materia de emprego, o BNG propón a posta en marcha dun plan de emprego xuvenil e un plan retorna para traer de volta á mocidade emigrada, financiados con fondos europeos de recuperación, Next Generation. “Que mellor maneira que investir eses recursos en darlle futuro á xente moza antes de que pasen as contas dunha presa de multinacionais, como prevé o Goberno de Feixóo”, indicou Pontón.

En canto ao acceso a unha vivenda, o BNG aposta por un banco galego de vivenda para xestionar e administrar vivendas baleiras e poñelas en alugueiro, -hai 330.000 baleiras a maioría en mans da banca-, así como aumentar as axudas ao alugueiro destinadas á xente moza. A mocidade galega ten a taxa de emancipación máis baixa do Estado, pero aínda así a política pública de vivenda do Goberno do PP é inexistente.

Pontón destacou que as novas xeracións teñen motivos para “sentirse estafadas” ante un Executivo de Feixóo que non lle da máis saída que “precariedade, paro ou emigración”. “Sodes a mocidade sacudida por dúas crises, a económica e a da pandemia”, indicou en relación a chamada xeración milenial e xeración Z, “e sodes a mocidade estafada e abandonada por un Goberno que non vós da unha oportunidade no propio País”.

A taxa de paro entre a mocidade é do 27%, catro veces máis que Alemaña; 3 de cada dez teñen un emprego temporal e con salarios até un 65% inferior á media. Por riba, criticou, a mocidade soporta estereotipos que a desprestixian e mesmo a criminalizan, -como fixo o Goberno de Feixóo durante a pandemia-.

“Cando é ao contrario, -recalcou-, tendes interese polo que afecta á sociedade, defendes os servizos públicos, interésavos o ecoloxismo e o futuro do planeta, preocúpavos a igualdade real, os dereitos e as liberdades”, recalcou. E pese a ter unha gran formación, por primeira vez a xente moza “ten peores expectativas de vida que os seus país e as súas nais”.

Mocidade solidaria, diversa e inclusiva

“Precisades un Goberno que acompañe con políticas de creación de emprego, de acceso á vivenda, que permita a implantación de dereitos e liberdades, que vós permita desenvolver todo o voso talento no persoal e no profesional. E, neste sentido, o BNG fai seu o Plan Galiza Nova para construír un futuro para a mocidade que hoxe presentades.

No encontro, a líder nacionalista tamén valorou a unha xuventude que defende o seu dereito a expresarse e a sentir, libre das normas dun modelo que impón o patriarcado.

“Non hai maneiras de amar correctas e incorrectas, todas son válidas, desde o respecto e desde a tolerancia”, recalcou Pontón, que aplaude a unha mocidade que lle planta cara a violencia machista ou a discurso transfóbico, para avanzar nunha sociedade máis diversa e máis inclusiva.

Precisamente para camiñar nesa dirección, o BNG defende unha lei a favor dos dereitos das persoa LGTBI e tipificar como delitos de odio ás agresións LGBTfóbicas, unha educación sexual de calidade e sen moralismos nos centros educativos, ademais dunha Lei galega de identidade de xénero, en coincidencia plena coas demandas de Galiza Nova.

Finalmente, no encontro tamén se abordou o dereito da mocidade a vivir en galego e poder usar a nosa lingua en todas as etapas educativas e en todos os ámbitos, como nas novas tecnoloxías ou no ocio. “Non deixedes que ninguén vós roube os vosos soños”, concluíu Pontón.

Botón do pánico na sede do PP

A preguntas dos medios sobre a proposta do PP de levar ao Parlamento unha iniciativa sobre a independencia, a líder nacionalista destacou o feito de que o “nerviosismo” do PP ante o avance do BNG está levando aos de Feixóo a unha estratexia a medio camiño entre o “delirio e o ridículo”. “Están moi nerviosos porque cada vez máis galegos e galegas ven no Bloque a alternativa para construír unha Galiza con futuro, e por iso alguén debeu pulsar o botón de pánico na sede do PP”, ironizou.

Pontón recomenda a Feixóo que, en lugar de facerlle oposición ao BNG goberne e, por exemplo, tome medidas para dar un futuro aos 200.000 mozos e mozas que tiveron que emigrar ou para darlle un emprego digno aos que están no País.