municipais 2023

Ana Pontón: “Arroxo será o próximo alcalde de Lugo porque o BNG foi o seu verdadeiro motor de transformación”

Visita Lugo
Visita Lugo

O barrio da Tinería é un exemplo de como o PP dinamitou a política de vivenda protexida e un exemplo de discriminación coa cidade

Rubén Arroxo: “Como alcalde de Lugo pedirei unha xuntanza con Rueda e, se non aporta solucións, xa o fará a próxima presidenta”

A portavoz nacional, Ana Pontón, visitou o barrio da Tinería, en pleno corazón de Lugo, acompañada polo candidato do BNG á alcaldía da cidade, Rubén Arroxo.

Nun contexto no que a crise de prezos é unha das principais preocupacións da cidadanía e cando o prezo do aluguer nas cidades subiu de media un 30% nos últimos anos, “atopámonos cun Goberno do PP dinamitou a política de vivenda protexida, e que en catorce anos non moveu un dedo para seguir co proceso de rehabilitación e recuperación por exemplo neste barrio da Tinería”, denunciou Pontón.

A líder do Bloque explicou que, de estar rehabilitadas, esas vivendas poderían terse posto a disposición da xente moza e das familias con menos recursos en réxime de aluguer a prezos asumibles para as rendas medidas e baixas. “Iso foi exactamente o que fixo o BNG cando tivo responsabilidades de goberno”, lembrou, indicando que “o goberno do PP leva anos dándolle as costas a Lugo, ignorando a recuperación dun barrio que é fundamental para esta cidade”.

A portavoz nacional manifestou tamén a súa desconformidade con que “por puro partidismo, o Goberno do PP teña non máis absoluto abandono ao barrio da Tinería, a rehabilitación das vivendas e a recuperación do espazo público” á vez que declarou que “o Executivo do señor Rueda non está discriminando e abandonando ao BNG, senón a todos os veciños e as veciñas de Lugo, moi en particular aos que viven nesta parte da cidade”.

Outro Lugo é posible co BNG

Pontón amosouse convencida de que “como resposta a este agravio e a esta discriminación, a cidadanía vai dar unha resposta contundente nas urnas o vindeiro 28 de maio, apostando polo BNG e por Rubén Arroxo como alcalde para facer que Lugo progrese e avance”.

Arroxo, pola súa banda, lembrou que “A Tinería é un dos barrios máis antigos de Lugo, e un dos poucos do mundo que ten tres patrimonios da humanidade”. Explicou como, anos atrás, se fixo un investimento moi importante na Tinería entre os que se atopaba a recuperación de restos arqueolóxicos ou a rehabilitación do Pazo de Dona Urraca, con máis de mil anos de antigüidade.  “Pese a todo ese traballo, coa chegada do PP á Xunta, chegou tamén a parálise que impediu que este barrio estea hoxe en día rehabilitado”, lamentou.

“Se a partir do 28 de maio son o alcalde de Lugo, unha das miñas primeiras actuacións será pedir unha xuntanza con Rueda para solicitarlle que remate os proxectos pendentes e, se non, xa o fará a próxima presidenta”, declarou Arroxo. “A Tinería ten que ser un dos principais motores do casco histórico, subliñou.

Pontón recolleu a luva de Arroxo tendéndolle a man e confirmándolle que terá nela a unha presidenta de Galiza que apoiará incondicionalmente Lugo e que “máis pronto que tarde, a rehabilitación da Tinería será unha realidade, como tantos outros investimentos que precisa a cidade”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG