PARLAMENTO GALEGO

Ana Pontón apoia a loita das mulleres da limpeza por dignificar un traballo feminizado mellorando condicións laborais e salariais

Representantes limpeza
Representantes limpeza

Pide a implicación da Xunta na negociación por ser cliente principal das grandes empresas de limpeza: “Feixóo ten que aclarar de que lado está”

“As empresas fixeron o seu agosto coa pandemia e teñen a caradura de negarlle melloras salariais a quen fixo o traballo duro”, denuncia Pontón

Ademais de que as súas demandas son xustas, “temos unha débeda moral cunhas traballadoras que foron imprescindibles na pandemia”, alega

Ana Pontón apoia a loita das mulleres da limpeza por dignificar un traballo feminizado mellorando condicións laborais e salariais

A portavoz nacional, Ana Pontón, mantivo un encontro coas traballadoras da limpeza da provincia da Coruña, -un colectivo de 10.000 persoas case todas mulleres-, mobilizadas por un novo convenio colectivo que permita mellor as súas condicións laborais e salariais.

Pontón trasladou todo o apoio do BNG e destacou que ese apoio ten unha dobre xustificación: a xustiza das súas demandas ao que se suma, dixo, a débeda moral cun colectivo que foi imprescindible nos momento máis duros da pandemia.

“No peor da crise as traballadoras da limpeza foron imprescindibles para saír adiante e deron o mellor de si para manternos a salvo cando a limpeza de espazos públicos e privados era o mellor antídoto contra o virus”, indicou a líder nacionalista, “se antes da pandemia tiñan razón para reclamar mellores condicións laborais e salariais hoxe, ademais, temos como sociedade unha débeda moral con este colectivo maioritariamente integrado por mulleres”, explicou.

A portavoz do Bloque indicou que a Xunta é cliente principal das grandes empresas que prestan servizo de limpeza, -de feito os orzamentos de 2021 destinan 77 M€ para subcontratar este servizo-, e por tanto pide a implicación directa do Executivo galego na negociación.

“O Goberno de Feixóo debe deixar a retórica para implicarse de verdade nas políticas de igualdade. Por iso, desde o BNG pedimos que a Xunta xogue un papel activo na negociación do convenio colectivo das traballadoras da limpeza, porque moitas prestan servizo en edificios, sedes ou oficinas da Administración pública, colexios, centros de saúde, etc, a través de contratos con grandes empresas que pagamos con fondos públicos”, argumentou.

Neste sentido, Pontón destacou que as empresa obtiveron enormes beneficios por este servizo durante a pandemia. “Non pode ser que as grandes empresas da limpeza se forrasen durante a crise,  pero que as traballadoras que fixeron o traballo duro, moi duro, non reciban ningunha compensación”, alegou, tendo en conta que, segundo explicaron as traballadoras, unha da súas reclamacións é unha subida retroactiva do 1% do salario en 2020, pero a patronal contesta que nada.

“No pode ser que multinacionais como EULEN, ACS, ACCIONA ou FERROVIAL multiplicaran beneficios na pandemia e teñan a caradura de ofrecer cero euros de subida salarial en 2020 as súas traballadoras da limpeza. E iso que falamos de salarios que na maior parte dos casos cobran menos de mil euros”, recalcou Pontón.

A líder do Bloque denuncia ademais que esa situación de abuso da patronal dáse cunhas traballadoras que foron sometidas a un sobreesforzo “tanto físico como emocional” durante a pandemia. E faise, ademais, coa complicidade da Xunta, permitíndose desde a Administración que se teña a miles de mulleres na precariedade e nos baixos salarios tras asinar contratos millonarios con multinacionais.

“Feixóo ten que dicir de que lado está, se do lado das traballadoras da limpeza, ou do lado das grandes empresas que fixeron o seu agosto durante a crise sanitaria a costa do esforzo de miles de mulleres mal pagadas, precarizadas, pero que deron o mellor de si para coidarnos”, salientou. Pontón apelou ao xefe do Executivo para lembrarlle que  que o compromiso coa igualdade “non é poñerse lazos lila nas solapas nin facer declaracións retóricas, senón implicarse para mellorar a situación laboral das mulleres no cada día, e esta é unha oportunidade para pasar das palabras aos feitos”.

Finalmente, Pontón fixo un recoñecemento a este colectivo de traballadoras que decidiron mobilizarse e facer folga en defensa dos seus dereitos, tendo en conta cales son as condicións de precariedade de moitas delas: “é un xesto de dignidade e de valentía que admiro e apoio e dicirlles que van contar con todo o apoio do BNG, en todas as frontes”, concluíu.

 

Ana Pontón apoia a loita das mulleres da limpeza por dignificar un traballo feminizado mellorando condicións laborais e salariais