Homenaxe nacional a Castelao

Ana Pontón apela ao legado de Castelao e afirma que o nacionalismo é clave para o cambio político real en Galiza

Homenaxe Castelao 2
Homenaxe Castelao 2

Asegurou que a “axenda galega” está presente no goberno do Estado grazas “ao acordo de investidura  do BNG” e se  hai un cambio no trato a Galiza é porque o Bloque Nacionalista galego condicionou a política do estado.

O alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños destaca a vixdencia do amplo legado político e artístico do rianxeiro máis universal

Na homenaxe  nacional do BNG a Castelao na súa vila natal, Rianxo, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón afirmou que o insigne galeguista resulta unha figura incómoda para o poder porque “o nacionalismo é clave para o cambio político real en Galiza”.

Na súa intervención, Pontón lembrou á xeración que loitou por construír un proxecto nacionalista do que o BNG é herdeiro. As voces das mulleres silenciadas como: María Miramontes, Amparo López Jeán condenadas ao exilio, mulleres aldraxadas como Coralia e Maruxa Fandiño, e Virxinia Pereira Renda que loitou durante 20 anos por recuperar a obra de Castelao espoliada polo fascismo, tamén foron recordadas pola nacionalista no acto celebrado diante do busto de Castelao e ante numerosos militantes, simpatizantes e cargos institucionais e políticos do BNG.

Homenaxe Castelao 3Tras ler parte do discurso de Castelao en Bos Aires, Pontón asegurou que despois de 70 anos de seren pronunciadas esas  palabras, continua a ser unha figura incómoda que o poder tenta ocultar e manipular  porque “saben que o nacionalismo é a clave para  poñer en marcha o cambio que Galiza precisa, e isto molesta moito aqueles que queren que todo siga atado e ben atado”. Pero nós non nacemos para agradar aos poderosos, nacemos para defender os intereses de Galiza e das súas maiorías sociais. E iso é o que facemos cada día. Defender Galiza. “Defendemos Galiza cando denunciamos o espolio eléctrico e apostamos por unha tarifa eléctrica galega.  Defendemos Galiza cando plantamos cara  a ese modelo que nos impoñen desde Europa e nos condena  a non producir, como ben sabe  a xente que vive do mar. Defendemos Galiza cando dicimos NON á mina de Touro porque pon en risco o  medio ambiente, e un dos motores económicos , a ría de Arousa.”

Defendemos Galiza cando plantamos cara o franquismo, como fixeron os compañeiras e compañeiras que  tomaron simbolicamente o pazo de Meirás ou a Casa Cornide, e non esquecemos que hai máis de 25 persoas, compañeiras nacionalistas que van ser xulgadas por reclamar que nos devolvan os bens roubados pola familia franco.

Defendemos Galiza cando dicimos que a política forestal non pode seguir hipotecada polos intereses de Ence e que por moita empresa que sexa do IBEX 35, “non imos parar até que saia da ría de Pontevedra”.

A axenda galega presente no Goberno do Estado, grazas ao BNG

Ante a presentación do novo goberno do estado, Pontón lembrou que durante a campaña “dixemos que os votos do BNG servirían para defender os intereses dos galegos e galega e o resultado está á vista: un acordo de investidura que é a mellor noticia para Galiza nos últimos dez anos”.

Hoxe, afirmou a líder do BNG, Pedro Sánchez trasladaba que a axenda galega estaba presente no novo goberno. Pois ben, dixo Pontón, si está presente e “grazas ao acordo de investidura do BNG” porque no anterior goberno xa vimos o trato que lle deron a Galiza cos peores orzamentos dos últimos vinte anos. Si hai un cambio de trato a Galiza é porque “o Bloque Nacionalista galego puido condicionar a política do estado”.

Homenaxe Castelao 1Os gobernos, recalcou, “non hai que valoralos polas persoas,  hai que valoralos polos feitos e o feito é o compromiso real e efectivo do goberno coa axenda galega que o BNG incorporou no debate de investidura”. Desexamos que o goberno acerte e que sexa valente á hora de enfrontar o debate sobre o modelo de estado, atender as reclamacións das nacións sen estado como Galiza, derrogar todas as reformas laborais e as que poñen en risco a liberdade de expresión como a lei mordaza. “É bo que haxa un novo goberno pero os gobernos deben ser valorados polos feitos e dende Galiza reclamamos que se cumpran os compromisos do debate de investidura”.

Neste último mes, o BNG demostrou a diferencia  entre “ser un país con representación propia no estado, ou sen ela. Co BNG no Congreso, Galiza volve a existir politicamente e volve ser un país co que hai que negociar, acordar e respectar”.

Para Pontón, “ter voz propia no estado é sinónimo de BNG” porque imos coas mans libres para defender os intereses de Galiza como comprobamos coas espléndidas negociacións encabezadas polo deputado Néstor Rego. Pontón tamén  lembrou o traballo realizado pola ex-deputada en Cortes, Rosana Pérez, presente na homenaxe a Castelao,  da que dixo “deu a cara por este país e defendeu esta comarca”.

O acordo do BNG deixou espido a Feixóo

a portavoz do BNG tamén tivo palabras para o presidente da Xunta, “está emperrenchado, enfadado” e demostra ser o único galego que se enfada  cando se conseguen avances para Galiza. Feixóo non merece seguir ni un minuto máis ao fronte da Xunta. “Mantén unha postura vitimista e como alma en pena e laiase  continuamente. Feixóo esta a converterse no “Calimero” da política galega.

Galiza precisa dun cambio político e o BNG vai liderar ese cambio. É necesario un proxecto pensado dende Galiza, autocentrado e inclusivo, sen complexos e confiando en todo o potencial e capacidade para defender os  sectores produtivos, empresas,  servizos públicos e a clase traballadora porque podemos conquistar un futuro mellor sen pedir permiso a ninguén, recalcou.

Sabemos que hai unha maioría social que quere ese cambio e miran para o BNG. No 2020 temos que dirixirnos a todas esas persoas que non se resignan porque saben que hai outra Galiza posible. Neste sentido, afirmou que neste proxecto “caben todos e todas aquelas persoas que desexen traballar nesta dirección e o BNG mantén as súas mans tendidas a todas elas”.

Pontón concluíu a súa intervención parafraseando a Castelao, “o verdadeiro heroísmo consiste en transformar os anceios en feitos, as ideas en realidades” e dende o BNG traballaremos nese reto para mudar a realidade.

Castelao, o rianxeiro máis universal

Pola súa parte, o alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños lembrou que tras 70 anos do pasamento de Castelao no exilio o seu legado político e artístico continúa vixente e  considerado  o “rianxeiro máis universal”.

O rexedor de Rianxo tamén se referiu  a que son 70 da  conmemoración en Bos Aires dunha homenaxe a Castelao organizado polas persoas emigradas exiliadas de Rianxo   onde sonou o tema “Ondiñas da nosa ría”, posteriormente chamado Rianxeira, e xa  “o segundo himno do noso país”.

Cómprense tamén 70 anos da revista Nós na que Castelao deixou unha importante pegada nos contidos e parte gráfica. Pola tanto, hoxe é un día no que tamén conmemoramos a “semente e o futuro de Castelao” como expresa o Sempre en Galiza.

O alcalde de Rianxo lembrou que  recentemente  cun volume do Sempre en Galiza tomou posesión no Congreso o deputado do BNG Néstor Rego que sigue a estela dos “Castelao, de Suárez Picallo, Otero Pedrayo ou Vilar Ponte, primeiros deputados na república e aos que  debemos os primeiros pasos para outro goberno”.

Muíños recordou o roteiro previo ás intervencións políticas ante o busto de Castelo do que destacou a súa defensa e compromiso ético con  Galiza e noso idioma:  “Si  somos galegos é por obra e gracia do idioma”, afirmaba

Para o alcalde de Rianxo, o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego terá unha tarefa primordial, poñer en riba da mesa a “axenda galega petada” despois de anos de silencio de deputados e deputadas que exerceron de “procesión dos caladiños”.

Como alcalde de Rianxo, rematou Muíños, só lle pido a Rego que presente os nosos problemas no hemiciclo para mudar a relación produtiva co mar, “non é esmola, non pedimos subvención, só queremos traballar e pescar”. E non quero esquecer que cada galego recibe 50 euros por habitante menos que calquera outro concello do resto do estado, un desfase de 500 mil euros de desfase que debe ser corrixido.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG