Ana Pontón anuncia a total disposición dos concellos do BNG para colaborar coa Xunta ante a crise do coronavirus

Encontro municipal
Encontro municipal

Destaca a importancia da reunión entre todos @s líderes dos partidos ante esta situación excepcional e a súa afectación ao proceso electoral

“A prioridade é a saúde das persoas”, recalca, “pero hai moitas formas de facer campaña e de garantir a normalidade na xornada do cinco de abril”

A portavoz nacional, Ana Pontón, aproveitou un encontro cos alcaldes, alcaldesas e responsables de gobernos municipais, -no marco da cita electoral do 5A-, para volver trasladar a total disposición do BNG para colaborar co Goberno da Xunta en todo o necesario ante a situación de crise xerada polo coronavirus.

“Apoio total ao Goberno galego para arrimar o ombreiro en todo o que sexa necesario e man tendida”, subliñou, unha mensaxe de unidade e apoio que fixo extensiva aos gobernos municipais nacionalistas.

“Todos os concellos liderados polo BNG se poñen a disposición do Goberno da Xunta para colaborar e axudar en todas as cuestións que se requiran para minimizar os efectos do virus. En todo o que se considere necesario a colaboración dos concellos, aí estarán os nosos alcaldes e alcaldesas, na medida dos nosos medios e posibilidades, aí estaremos”, declarou arroupada por unha nutrida representación de rexedores e rexedoras e responsables municipais.

Pontón si pediu, en aras da eficacia, que o Executivo dispoña de “protocolos claros” para poder actuar ante calquera eventualidade: “que os concellos teñan claras as medidas a adoptar para poder actuar con rapidez e eficacia”, alegou.

A líder nacionalista insistiu na oportunidade de que o presidente da Xunta convoque  á maior brevidade unha reunión coas persoas responsables das forzas políticas para analizar a situación, para poñer en común propostas, e para ver cal é a liña de actuación tamén no ámbito político, tendo en conta a cita do 5A.

“Sería unha clara mensaxe de unidade á sociedade galega”, recalcou, “moi positiva para poder afrontar a crise, unha mensaxe de unidade e de fortaleza ante a sociedade que daría máis seguridade”, alegou Pontón. En todo caso, “toda a colaboración, ir da man para poñer en marcha calquera medida que se considera necesaria para superar con éxito a crise do coronavirus”.

En relación á posible incidencia en todo o proceso electoral, Pontón deixou claro que a prioridade para o BNG é a saúde pública e estará ás medidas que se determinen con criterio científico.

“O que máis nos preocupa é salvagardar a saúde e a vida das persoas, a Xunta ten a nosa leal colaboración”,  pero tamén precisamente para tomar decisións en relación ao 5A é necesaria a reunión de Feixóo cos lideres políticos, explicou.

Encontro municipalDúbidas de Feixóo ante o 5A

“Penso que as dúbidas que o presidente da Xunta avanzou sobre a cita electoral fan máis oportuna a reunión, porque o lóxico é que este tipo de decisións se tomen por consenso, desde a unidade e desde o diálogo entre todas as forzas políticas. Neste momento a incidencia en Galiza é baixa, non hai que alarmar, e penso que temos unha situación que nos permite tomar medidas preventivas para evitar a expansión do virus”, afondou.

“Hai que traballar desde a serenidade”, subliñou, tras destacar que “hai que garantir que o 5A os e as galegas se poidan expresar con normalidade: A nosa preocupación non é o aforo dos actos, senón afrontar a crise, hai moitas formas de facer campaña e de garantir que a xente poda votar con normalidade o cinco de abril”.

Importancia dunha sanidade pública forte

A líder nacionalista aproveitou para destacar a importancia de ter un sistema público de saúde forte, con recursos, con orzamentos e libre de recortes. “Unha situación así deixa claro ante os nosos ollo a importancia de manter unha sanidade pública con medios e cos mellores profesionais, é fundamental preservar os servizos públicos, contar cun sistema de saúde con medios, con recursos”, indicou.

Pontón trasladou o apoio e o agradecemento “a todo o persoal sanitario que está facendo un traballo extraordinario, e a todo o persoal que traballa cos colectivos de persoas máis vulnerables”. “Poucas cuestións retratan mellor a unha sociedade que a súa capacidade para garantir a saúde das persoas”, concluíu.
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG