Ana Pontón anuncia que o BNG propón unha moratoria real e indefinida para frear o avance do eucalipto
Proporá tamén un plan de compensación de perdas os propietarios de plantacións de piñeiros afectados por pragas como a da banda marrón
Cualifica de "moratoria fake" a proposta polo goberno de Rueda e critica a súa intención de seguir eucaliptizando Galiza en beneficio de Ence, Altri ou Navigator, logo dos maiores incendios da historia
A portavoz nacional, Ana Pontón, avanzou desde Lugo que o BNG emendará a Lei de Acompañamento dos Orzamentos 2026 para propoñer unha moratoria real e indefinida que free a expansión do eucalipto fronte á “moratoriafake” dun Goberno de Alfonso Rueda que, na vez de defender Galiza fronte aos incendios, defende os intereses das pasteiras e as macrocelulosas como Ence, Navigator ou Altri.
Así o anunciou logo da reunión que mantivo coa dirección da Escola Politécnica Superior de Lugo, coa que analizou os cambios estruturais que cómpre implantar na ordenación, planificación e xestión do monte e do rural e coa que compartiu as propostas presentadas neste sentido polo BNG no seu plan de actuación ‘Da Cinza á Vida’.
Pontón incidiu na necesidade de aplicar unha moratoria indefinida do eucalipto, tendo en conta ademais que, na actualidade, Galiza xa ten case o dobre de eucaliptos dos que estaban previstos para o ano 2032. “É un sen sentido, en medio dun cambio climático que está facendo que os incendios sexan cada vez máis voraces, seguir incrementando a eucaliptización de Galiza única e exclusivamente porque o PP prefire defender os intereses das pasteiras antes que os intereses dos galegos e das galegas”, advertiu.
Neste sentido, avogou por deixar atrás a “política forestal fracasada do Partido Popular” que, logo dos maiores incendios da historia, persiste en eucaliptizar o País en contra do interese xeral da cidadanía. “Vemos como Rueda, en vez de defender o interese xeral de Galiza, o que está defendendo co incremento da eucaliptización do noso país é os intereses das pasteiras, desde Ence a Navigator ou Altri”, denunciou.
A líder nacionalista criticou que, na vez de tomar nota dos lumes deste verán, o Goberno do PP propoña unha “moratoriafake” que vai a ser “unha barra libre para a plantación do eucalipto”.
“En vez de tomar medidas sensatas que nos permitan protexer as persoas e protexer o territorio, o que está facendo o Goberno do Partido Popular é continuar nunha liña que constitúe un perigo para a vida das persoas e un perigo para o noso medio ambiente”, afondou, para recalcar a continuación que, para o BNG, “o interese de Galiza ten que estar por riba dos intereses das pasteiras”.
Por iso, fronte a esa “moratoriafake” de Rueda, defendeu a moratoria indefinida e real que propón o Bloque, logo de lembrar que dende a aprobación en 2021 da moratoria da Xunta, incrementáronse en máis de 10.000 hectáreas a superficie de eucalipto no País, o que evidencia que as medidas que en teoría está tomando o Executivo “non son eficaces”. “Galiza neste momento unha moratoriafake que o único que vai facer é seguir permitindo a súa eucaliptización”, incidiu.
Así pois, o BNG defenderá a aprobación dunha moratoria indefinida do eucalipto porque é “unha proposta de sentido común” e unha medida que supón tomar nota realmente da grave situación que hai en relación coa “expansión descontrolada desta especie”.
Pontón tamén avanzou a presentación dunha emenda aos Orzamentos da Xunta para poñer en marcha un plan de compensación, dotado con cinco millóns de euros, para os propietarios e propietarias de plantacións de piñeiros afectados por pragas, nomeadamente a da banda marrón que, subliñou, está danando unha parte moi importante da superficie forestal galega.
“Hai que compensar a estes propietarios e propietarias polas perdas, hai que incentivar que se fagan tratamentos preventivos e tratamentos que permitan erradicar esta praga e tamén investigar para concretar que especies son moi resistentes e que, polo tanto, eviten este problema”, explicou.
A portavoz nacional concluíu reiterando a necesidade de cambiar as políticas fracasadas do Goberno de Rueda, apostando por dinamizar o medio rural e por desenvolver un novo modelo forestal que permita frear os incendios forestais e “deixe rendas máis altas no territorio”, a través dun “monte ordenado e multifuncional”.