Ana Pontón anuncia no Culturgal un Plan de 15 millóns de euros para apoiar e impulsar a cultura galega en 2026
A portavoz nacional do Bloque Nacionalista Galego, Ana Pontón, destacou durante a súa visita á feira das industrias culturais, Culturgal, o papel "imprescindible" deste evento para disfrutar do talento dos creadores e creadoras galegas, definíndoo como "un ecosistema cultural propio, rico, creativo e vivo".
Neste marco, Pontón anunciou a aposta nacionalista para dotar de medios ao sector cultural. "Desde o BNG propoñemos con cargo aos orzamentos de 2026 o Plan Cultura Avanza para impulsar os sectores culturais, dotado con 5 millóns de euros, e un plan de internacionalización coa creación do Instituto Rosalía de Castro con 10 millóns de euros", sinalou. O obxectivo, dixo, é "reforzar o apoio a unha cultura que, ademais de ser un ben social e un dereito da cidadanía, é un sector económico de primeiro nivel que aporta riqueza e xera postos de traballo".
Emerxencia patrimonial en Sargadelos
A portavoz nacional centrou parte da súa intervención na "seria" situación da empresa Sargadelos, á que se referiu como "un emblema cultural e artístico de Galiza" que hoxe "está na corda frouxa". Pontón recordou que Sargadelos garda "unha parte esencial do noso patrimonio material e inmaterial" e que as decisións da súa dirección "teñen consecuencias económicas pero, ademais, afectan a símbolos nacionais de Galiza".
Por iso, "desde o BNG pedimos ao goberno do PP que actúe para garantir tanto a continuidade económica de Sargadelos como a custodia do seu legado artístico e cultural", exixindo unha actuación inmediata da Xunta por dúas razóns fundamentais: "Hai que manter o emprego e protexer o patrimonio de Sargadelos porque forma parte do patrimonio colectivo deste País".
Apoio aos traballadores e traballadoras
Ana Pontón quixo transmitir "todo o apoio do BNG aos traballadores e ás traballadoras da planta de Sargadelos en Cervo". Deixou claro que "a propiedade ten que cumprir a lei en materia laboral, respectando a integridade e os dereitos dos traballadores e das traballadoras", incluída toda a normativa que garante a saúde laboral.