Ana Pontón anima a Galiza Nova a sumar máis mocidade ao BNG e a ser o motor do cambio que precisa o país
Lembra a súa experiencia nas mocidades do Bloque e pide á xuventude que non renuncia ao seus soños: “Todo é imposible até que se fai”
A portavoz nacional, Ana Pontón, animou aos mozos e mozas de Galiza Nova a sumar máis mocidade ao nacionalismo e a ser o motor do cambio que precisa este país, cambio que só será posible a través de forzas políticas que teñan a cabeza e o corazón aquí, e sen máis obediencia que ao pobo galego.
“Anímovos a ser o motor dun novo tempo político para Galiza que o BNG quere liderar, un tempo novo que nos permita conquistar dereitos, avanzar cara unha Galiza dona do seu futuro, con igualdade, con emprego digno, unha Galiza feminista e sen emigración”, instou Pontón. “É posíbel facelo”, recalcou, durante a súa intervención no acto de homenaxe a Rosalía e Castelao que as xuventudes do Bloque realizan desde fai trinta anos en véspera do Día da Patria.
“Estamos nun momento para ser optimista, para sumar máis mocidade por Galiza e sermos o catalizador do cambio que necesita este país. Un cambio que non vai vir das forzas estatais, nin das vellas, nin das novas, nin da esquerda nin da dereita, que demostran que non teñen un proxecto de futuro para Galiza, que non teñen nada que ofrecerlle a xente nova deste país”, argumentou a líder do Bloque.
Para conseguilo, “o reto máis importante que temos por diante é sumar e sumar máis mocidade o nacionalismo”, reiterou, ao tempo que convidou á xente de Galiza Nova a non renunciar a ningunha das súas ideas, “pero coa pedagoxía necesaria para avanzar”.