Ana Pontón advirte ao PP que non vai frear o ascenso do BNG con mocións de censura ‘bochornosas’ como a de Ribeira

Ana Pontón
Traslada todo o apoio do Bloque a Luís Pérez, ovacionado polos alcaldes e alcaldesas e outros cargos institucionais no foro sobre o litoral en Cangas

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, advertiu ao PP que non vai frear o ascenso do BNG con mocións de censura “bochornosas” como a anunciada en Ribeira “con nocturnidade” e na que “evidentemente hai intereses escuros”, denunciou. “O PP sabe que está nun ciclo descendente e está disposto a todo para intentar paralo, pero non vai frear ao Bloque”, sostivo.

Pontón aproveitou o encontro organizado polo BNG en Cangas para presentar a súa Axenda Galega do Litoral para amosar “todo o apoio e todo o cariño” das filas nacionalistas ao rexedor de Ribeira, Luís Pérez Barral, contra quen o PP vai presentar unha moción de censura porque “é un gran alcalde” que está gobernando “a favor da maioría” do Concello.

Pérez Barral, presente no acto, recibiu a ovación de todos os alcaldes e alcaldesas, así como cargos institucionais do BNG que asistiron a unha reunión na que, precisamente, a líder do BNG acusou o Goberno de Rueda de preparar un “auténtico pelotazo” no litoral  para favorecer as súas empresas amigas, antepoñéndoas aos intereses da maioría.

O Concello de Ribeira é un bo exemplo da “relevancia económica, social e ambiental” que ten o litoral, engadiu, para denunciar a “axenda oculta” que o Goberno de Rueda ten para a costa unha vez que a Xunta asumiu as competencias sobre o dominio público terrestre. Unha axenda oculta que implica, denunciou, blindar empresas contaminantes como Ence ou apostar pola eólica mariña que pon en risco a biodiversidade e a actividade pesqueira,

Fronte as políticas que promoven tamén o interese especulativo dos bens patrimoniais do litoral, a alternativa do BNG pasa, entre outras cuestións, por “blindar a función ecolóxica e produtiva das rías primando as actividades produtivas tradicionais, como o marisqueo, a pesca e a acuicultura extensiva, fronte a esas actividades contaminantes e agresivas, como a macrominería e as macrocelulosas”, subliñou Pontón. “Para o BNG, o sector pesqueiro e marisqueiro teñen que estar por diante da mina de Touro, de Altri ou de Ence”, resaltou.

O BNG aposta por unha xestión integrada en gobernanza compartida cos concellos costeiros e, entre outras medidas, por crear un organismo para a adquisición e xestión de terreos e bens no litoral e deseñar un plan director do patrimonio cultural.