Ana Pontón acusa a Feixóo de triunfalismo cando Galiza necesita anticipación, liderado e estratexia para atallar a pandemia

Critica o empeño de Feixóo en  “enlamar” o debate parlamentario cando o que a sociedade pide é “política de altura que aporte solucións

A pandemia non está controlada: no último mes triplicouse a cifra de persoas hospitalizadas, os ingresos en UCIs medraron un 60% e duplicouse o número de contaxios activos. Neste escenario, Galiza non está para “triunfalismos” nin para anuncios, nin para improvisacións. Por contra, o que se require do Goberno de Feixóo é anticipación, estratexia, liderado e consensos.

“Esperábamos que non caera no triunfalismo inútil no medio dunha pandemia na que Galiza está lonxe de ter a situación controlada”, salientou a portavoz nacional, Ana Pontón, na comparecencia do xefe do Executivo a petición do BNG. “Esta crise require anticipación,  require estratexia e require consensos, pero non tivo anticipación, carece de estratexia e, até agora, non foi capaz de fraguar ningún consenso neste Parlamento. Non son tempos de triunfalismos, esta crise precisa un Goberno cun presidente que lidere”, recalcou.

Lonxe diso, Pontón denunciou que a falta de anticipación foi o sinal de identidade do Goberno do PP en todos os ámbitos nos que a pandemia impactou de cheo, empezando polo sanitario.

 “Anticiparse era reforzar á atención primaria, pero segue baixo mínimos cuns profesionais exhaustos que agora tamén son muro de contención contra a COVID”, denunciou, e a mesma falta de anticipación cos rastrexadores, de tal xeito que Galiza está á cola na localización de contaxios.  “Nin tan sequera foi capaz de organizar a campaña de vacinación da gripe no momento en que máis se necesitaba”, lamentou.

En relación aos centros da terceira idade, “volven ser a zona cero da pandemia” con días nos que a metade dos falecidos eran persoas usuarias dunha residencia, “e que presuma aquí de datos comparándose cunha media é imperdoable como tamén o é que só actúe ante un contaxio masivo, nun retrato perfecto da súa falta de anticipación”, denunciou. Pontón foi moi crítica coa inacción da Xunta ante a situación dramática da residencia de Salvaterra denunciada polas traballadoras.

En educación, -indicou-, faltan protocolos claros, non se reduciron as ratios por aula, nin se contratou persoal suficiente, nin se garante a escolarización en caso de contaxio. “A súa aportación: que os centros se busquen a vida e fagan o traballo que a súa consellería de Educación é incapaces de facer”.

Tamén se referiu á falta de anticipación no ámbito económico, de tal xeito que  mentres outras CCAA van pola segunda liña de axudas para o colectivo de autónomos e autónomas, aquí non recibiron un euro da Xunta. “Alemaña acompañou o peche da hostalería con axudas para compensar perdas, aquí pecha o sector un mes sen que haxa nada máis que un anuncio. E o mesmo se pode aplicar ao sector do comercio, do turismo ou da cultura”, criticou.

A líder nacionalista lamentou que Feixóo respondera con descualificacións e demagoxia á oferta de “man tendida e colaboración leal a favor de Galiza” do BNG, para sacar ao país adiante.

Política con maiúsculas vs demagoxia

“Non imos entrar no seu xogo da descualificación o do insulto persoal, na súa estratexia de embarrar o Parlamento, pois estamos nun momento no que a cidadanía nos pide, máis que nunca, política con maiúsculas: a política que se anticipa, a que da solucións, a que axuda a saír adiante, a que permita recobrar a confianza no futuro. Por iso, imos seguir sinalando os problemas e poñendo o acento nas medidas que consideramos necesarias”, recalcou Pontón.

E dentro desas propostas, formulou un decálogo de medidas urxentes, sen descartar a opción do confinamento compartida por moitos expertos: “Nun confinamento duro o custe de vidas é moito menor e a economía sofre a metade”, como recollen moitos expertos nun informe difundido tamén en Galiza pola prensa, destacou.

Decálogo de propostas

Entre as medidas: 200 millóns de euros adicionais para atención primaria; plan de continxencia que garanta a atención sanitaria máis aló da COVID; blindar as residencias cunha intervención pública; máis rastrexadores; incrementar o número de PCRs diarias, -que caeu un 45% nesta pasada fin de semana-. Igualmente, plan de rescate dos sectores económicos máis afectados compensando perdas e con redución dos alugueiros; máis recursos para garantir un ensino seguro e de calidade o que pasa por acabar coa fenda dixital e por ter un plan ante un escenario total ou parcial de teledocencia.

Finalmente, acordar unha estratexia de país para conseguir que Galiza reciba todo o que lle corresponde do fondo COVID19 europeo, cunha contía mínima de 12.600 millóns de euros, un 9% do total. E, por último, transparencia nos datos e na Cámara, cunha comparecencia quincenal do presidente da Xunta.

 “Vivimos nunha Galiza e nun mundo diferente. Nada é igual e, de momento, nada é mellor porque acumulamos perdas: a perda dun ser querido, da saúde, do emprego, das relacións sociais. Desde este Parlamento temos a obriga de facer todo o posible  para que os e as galegas recuperen a normalidade das súas vidas canto antes”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG