Ana Pontón: “Con Abraldes á fronte, Barro é un exemplo de éxito do modelo municipal do BNG”

Ana Pontón no Concello de Barro

Ana Pontón participou no décimo aniversario do BNG á fronte da Alcaldía e augurou que Xosé Manuel Fernández Abraldes continuará como rexedor polo seu gran traballo

A portavoz nacional do BNG puxo en valor a transformación do concello: máis poboación, menor media de idade, débeda cero e un goberno transparente e participativo

 

A portavoz nacional do Bloque Nacionalista Galego, Ana Pontón, participou este sábado na celebración do décimo aniversario do BNG á fronte da alcaldía de Barro xunto a Xosé Manuel Fernández Abraldes, a quen cualificou como “o mellor alcalde da historia do concello”. Pontón asegurou que “Abraldes é a mellor aposta para Barro” porque, segundo subliñou, cando a veciñanza coñece como goberna o BNG, “reforza a súa confianza no noso modelo municipal de éxito, capaz de mellorar a vida da xente e de transformar en positivo os concellos”.

A líder nacionalista destacou a profunda transformación que viviu Barro nos últimos anos. Así, mentres os concellos da contorna perden habitantes, Barro gaña poboación (+30 entre 2020 e 2025) e rexistra unha media de idade máis baixa (45 anos) que Portas, Moraña ou Cuntis. Ademais, pasou dunha débeda de 1,1 millóns de euros no 2015 —equivalente a 312 euros por veciño— a ter débeda cero desde o 2020.

“Tras anos de estancamento, Barro é hoxe un concello luminoso, participativo, con débeda cero, con máis poboación, cun goberno transparente e profundamente democrático”, afirmou Pontón.

A portavoz do Bloque puxo en valor tamén os principios que guían a acción do executivo local: transparencia —coa rendición anual de contas a cada fogar e coas asembleas parroquiais—, respecto institucional á lingua galega e programas de promoción como Dándolle á lingua, e un estilo de gobernar baseado no respecto a todas as persoas, independentemente da súa cor política.

Pola súa banda, o alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, fixo un balance “moi positivo” destes dez anos de goberno municipal, que cualificou como “un gran avance para o concello”. “Hoxe Barro é un lugar mellor no que vivir, un concello que medra tanto en poboación como en servizos”, afirmou.

Abraldes destacou que este 2025 tamén é un ano de resultados palpables do traballo feito, coa próxima construción do centro de saúde e da nova depuradora, infraestruturas que, segundo indicou, “serán un salto adiante na mellora da calidade de vida da veciñanza e na modernización do concello”.

“Barro é un gran exemplo do que significa un concello do BNG: un goberno que abre as portas ao mundo, que sitúa ás persoas no centro e que defende a nosa lingua e a nosa cultura con orgullo”, concluíu Pontón, convencida de que a veciñanza de Barro “terá un goberno nacionalista outra década máis”.