Ana Pontón: “21 millóns de euros non chegan para recuperar as zonas afectadas polo lume”
Pide destinar unha partida nos orzamentos para poñer en marcha un “plan integral de recuperación”, social, económico e ambiental, tras o “desastre” provocado polos incendios o 15 de outubro
Na súa visita á zona afectada pola vaga de lumes no monte Cepudo de Valadares na contorna de Vigo, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón afirmou que: “ o decreto de 21 millóns é insuficiente para facer fronte ao desastre ambiental, social e económico” producido polos incendios e pediu destinar “unha partida” específica nos orzamentos 2018 para un plan integral de recuperación das zonas afectadas.
Tras manter un encontro cos traballadores e traballadoras contra os incendios e representantes das comunidades de Montes, Pontón manifestou que é o momento de facer un balance e analizar as causas da situación de “emerxencia nacional” que vivimos o 15 de outubro e tomar todas as decisións políticas que sexan necesarias para rectificar para que “nunca máis” teñamos que volver a vivir esa situación.
Neste sentido, recalcou que o traballo de todas as persoas que se esforzaron en apagar os lumes impediu que a “traxedia fora maior” e denunciou a “precariedade” do servizo contra incendios.
A Xunta, dixo, non pode seguir sustentando a mentira “dunha trama incendiaria” como única causa dos lumes. O verdadeiro problema, é ter unha “política forestal pirómana” que abandona o rural. “Necesitamos un cambio de rumbo na política forestal”.
COLAPSO NA AP-9
As retencións provocan un “grave dano” na economía das persoas que deben ser compensadas polo que o BNG pedirá “sancións para AUDASA” e responsabilidades no Parlamento ante o que consideramos unha “tomadura de pelo a todas e todos os galegos”, por parte do goberno galego.
Hai que evitar que esta situación se converta “no día a día dos cidadáns” de Vigo, Morrazo e Pontevedra que ven como a principal arteria de comunicación sufre permanentes retencións manténdoos “secuestrados” durante horas.