Ana Miranda valora que a Eurocámara saia en defensa d@s emigrantes retornad@s acosados por Facenda
- Critica o abandono do Goberno central e da Xunta, que contrasta coa decisión de Bruxelas de elevar o caso ante a Comisión Europea
Santiago de Compostela, 22 de marzo , 2017. A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda valora que a Eurocámara saia na defensa dos emigrantes galegos retornados acosados por Facenda. No debate da denuncia de “acoso de Facenda ás persoas emigrantes galegas retornadas”,celebrado hoxe no Parlamento europeo, a portavoz do BNG en Bruxelas, Ana Miranda e a Plataforma de afectad@s demandaron da Comisión de Peticións europea esixir ao goberno español o cumprimento dos Convenios Bilaterais asinados cos Estados membros , eliminar os expedientes abertos e realizar un cambio da normativa tributaria que recoñeza o mesmo status para as pensións estranxeiras e españolas.
Ana Miranda lembra que este debate responde a unha petición mediada polo BNG tras o convite dun grupo de representantes das distintas coordinadoras a Bruxelas no ano 2016, solicitando a inclusión da denuncia de “acoso por parte de Facenda” na orde de traballos da Comisión de Peticións da Eurocámara ante a gravidade dunha situación que afecta a un gran número de persoas emigradas.
A portavoz do BNG explicou que Alexandre Lago, en nome da Coordinadora Nacional galega de Plataformas de Emigrantes Retornados, acadou coa súa intervención que a Eurocámara, “non pechara a denuncia de discriminación e acoso fiscal da Axencia Tributaria contra o colectivo de emigrantes retornados galegos”. Para Ana Miranda, a situación dos emigrantes retornados "é un problema europeo do que a Comisión Europea non pode desinhibirse argumentando que non ten competencias”, son cidadáns comunitarios e vítimas “do afan recadatorio” de Facenda.
Ana Miranda lamentou que o Partido popular na súa intervención defendera a preocupación do presidente da Xunta e do Goberno do Estado por un colectivo que mesmo levou as súas mobilizacións por toda Galiza e o Parlamento galego sen recibir, en ningún momento, unha resposta satisfactoria por parte do executivo galego e o seu titular.
Finalmente, a portavoz do BNG en Bruxelas, anunciou que o vindeiro venres 24, comparacerá ante os medios de comunicación xunto a representates da Coordinadora de emigrantes retornados na cidade de Vigo ás 11hs ante a Delgación de Facenda na rúa Lalín co fin de explicar e valorar o acontecido hoxe na comisión europea.