Parlamento Europeo

Ana Miranda: “A Unión Europea, coa súa inacción, é cómplice do xenocidio do Pobo Palestino”

Acción Gaza no Parlamento Europeo

A eurodeputada do BNG defendeu a suspensión do acordo comercial entre a Unión Europea e Israel e o embargo de armas

“Onde está hoxe a presidenta da Comisión, está do lado do silencio e do goberno fascista de Israel. Por iso sinto vergonza porque a Unión Europea coa súa inacción, é cómplice deste xenocidio. Chega tarde”, manifestou hoxe a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, no debate do pleno da Eurocámara “Resposta da Unión ao plan do Goberno israelí, de ocupar a Franxa de Gaza, que garanta unha axuda humanitaria eficaz e a liberación dos reféns”.

Ana Miranda

A eurodeputada galega denunciou que 15.000 nenos e nenas foron asasinados até o día de hoxe en Gaza e máis de 60.000 persoas asasinadas por Israel “e non houbo nin unha condena deste Parlamento”. “Nin sequera un minuto de silencio”, engadiu Miranda na súa intervención.

“Dicía Pepe Mujica que se es neutral en situacións de inxustiza, elixiches o lado do opresor. Nós nunca estaremos aí, estamos do lado dos 14.000 nenos e nenas que van morrer se non entra xa a axuda humanitaria. Morrerán de fame”, denunciou Ana Miranda. No pleno da Eurocámara a Eurocámara, a eurodeputada do BNG defendeu, unha vez máis, a cancelación do acordo comercial entre a Unión Europea e Israel e o embargo de armas. “Non hai tempo e xa teñen as mans manchadas de sangue”, manifestou.

Previamente ao debate na sesión plenaria, Ana Miranda participou nunha acción nas inmediacións do Parlamento Europeo de Bruxelas para denunciar o xenocidio do Pobo Palestino, no que participaron asemade eurodeputadas e eurodeputados de diferentes partidos políticos. Neste sentido, a eurodeputada galega reclama desde hai meses que a Unión Europea reaccione para frear o xenocidio que o Estado de Israel está cometendo en Gaza.

Defensa dos dereitos do Pobo Palestino

Estas denuncias súmanse á longa traxectoria de Ana Miranda na defensa dos dereitos do Pobo Palestino, entre a que destaca a coorganización dunha conferencia no Parlamento Europeo no mes de abril que contou cunha ampla representación de expertos en dereito internacional, xornalistas, activistas e doutores, así como dunha delegación galega de representantes de Galiza por Palestina. Igualmente, no mes de xaneiro participou na reunión inaugural da acción diplomática internacional denominado “Grupo da Haia”, como convidada especial polo seu papel relevante na defensa do dereito do Pobo Palestino e na denuncia do xenocidio en Gaza.

Ademais, xa en febreiro de 2024 viaxou a Rafah, na fronteira entre Exipto e Gaza, para denunciar a obstrución do exército palestino a entrada da axuda humanitaria e o bloqueo de alimentos de comida e medicamentos.