Parlamento Europeo

Ana Miranda: “Trasladarei á Comisión Europea o retraso do xuízo do Alvia e as informacións que comuniquen os técnicos sobre o borrado de datos do tren”

visita Alvia Comisión Europea
visita Alvia Comisión Europea
O BNG critica o novo retraso do xuízo e considera indispensable a comparecencia dos directivos da Axencia Ferroviaria Europea

A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, anunciou que dará traslado á Comisión Europea o novo retraso do xuízo do Alvia así como as novas informacións que poidan comunicar os empregados de Talgo citados a declarar o vindeiro 10 de xullo sobre o borrado de datos relacionados coas avarías do tren Alvia que sufriu o terrible accidente en Angrois o 24 de xullo de 2013. “É unha tomadura de pelo este novo retraso, despois de case sete anos do accidente”, salienta Ana Miranda.

Para Ana Miranda, “o borrado de datos sobre o estado do tren e as súas avarias é tan gran grave que tamén debe comparecer o director da Axencia Ferroviaria Europea”, Neste sentido lembra que o propio xefe do departamento de Seguridade da ERA, Chistopher Carr, xa compareceu na Comisión de Investigación do Congreso, en novembro de 2018, a proposta da portavoz do Bloque en Europa. Na súa intervención criticou que a CIAF (Comisión de Accidentes Ferroviarios) non realizara unha investigación independente como demandan as institucións europeas, incumprindo en concreto a Directiva Marco Europea de Seguridade Ferroviaria de 2004.

Máxima información

Miranda considera indispensable que a Comisión Europea conte coa “máxima información dispoñible” no obxectivo de que sexa incorporada ao procedemento de infracción aberto pola Comisión en xaneiro de 2019 contra o Estado español sobre o incumprimento da normativa europea de seguridade ferroviaria, que inclúe o accidente de Angrois. Este procedemento ten a súa orixe na denuncia presentada en xullo de 2017 contra o Estado, o Ministerio de Fomento, ADIF e RENFE por infracción do dereito comunitario en materia de seguridade ferroviaria e por non facer o control de riscos que esixe a norma no caso do accidente do Alvia.

A portavoz do BNG en Europa lembra que o procedemento de infracción insta ao Estado español a poñer en marcha medidas de seguridade segundo a normativa comunitaria mediante unha lei ou un decreto e critica que case ano e medio despois da súa apertura “nada disto está feito”, “Desde o Bloque seguiremos traballando para evitar que outro accidente como o de Angrois volva suceder”, subliña.

Neste sentido, Ana Miranda destaca que a única vía que se ten demostrado útil para coñecer a verdade do acontecido no accidente de Angrois é precisamente a vía europea, cuxos responsables teñen amosado a súa disposición de chegar até o final no coñecemento das causas do accidente así como unha total empatía coas vítimas.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG