Parlamento Europeo

Ana Miranda trasládalle a Von der Leyen a rotunda oposición do BNG ao plan de rearme da UE

Ana Miranda
A eurodeputada do BNG denuncia que “á señora da guerra non lle importa que o gasto militar o paguen os pobos”

Na sesión plenaria na que a presidenta da Comisión Europea, Ursula Von der Leyen, presentou o seu proxecto “Rearm EU”, a eurodeputada Ana Miranda expresou a rotunda oposición do Bloque Nacionalista Galego ao plan de rearme da Unión Europea e á escalada bélica.

“Presidenta Von der Leyen, diante da escalada militarista e bélica, trasládolle como eurodeputada dunha organización pacifista, a nosa máis rotunda oposición a este rearmamento europeo”, subliñou Ana Miranda na súa intervención no debate plenario, ao tempo que criticou que “a señora da guerra non lle importa que o gasto militar o paguen os pobos, non lle importa que a factura da guerra a pague a cidadanía”.

A eurodeputada do Bloque criticou que prefiran apoiar o belicismo que o gasto social, que prefiran “máis gasto militar e menos servizos públicos como vivenda, sanidade ou as pensións”. Fronte esta estratexia de aumento do gasto militar, Miranda defendeu que é preciso “volver á paz, á resolución pacífica de conflitos, á diplomacia, á defensa dos dereitos humanos; hai que volver á democracia, e non estar supeditados nin a OTAN nin a Estados Unidos”.

Risco de pobreza

Ao respecto é preciso lembrar que mentres na Unión Europea hai máis de 90 millóns de persoas en risco de pobreza e exclusión social, a Comisión Europea pretende desviar os fondos da cohesión social, económica e territorial a gasto militar mediante a aplicación da cláusula de escape do Pacto de Estabilidade, como xa adiantou a presidenta da Comisión Europea o pasado 4 de marzo.

Esta cláusula supón a suspensión temporal do teito de déficit público do 1,5% para permitir aos Estados Membros un aumento de débeda co fin de incrementar o gasto militar en defensa.

“Como organización política pacifista non imos consentir que se aproben orzamentos que vaian condicionar as políticas sociais e polo tanto opómonos rotundamente a este rearme militarista”, subliñou a eurodeputada do Bloque tras o debate plenario.