Ana Miranda traslada á Defensora do Pobo Europeo o boicot na Comisión de Peticións á comparecencia dos colectivos contrarios a Altri
A eurodeputada do BNG, Ana Miranda trasladou á Defensora do Pobo Europeo, Teresa Anjinho, o continuo boicot na Comisión de Peticións da Eurocámara para impedir que se trate a denuncia da plataforma Ulloa Viva contra a instalación da macrocelulosa Altri en Galiza, así como as dificultades impostas pola Comisión Europea para acceder á documentación sobre temas que afectan directamente as galegas e aos galegos.
“Esa denuncia está sendo boicoteada sistematicamente polo grupo do Partido Popular e polos grupos de extrema dereita”, criticou a eurodeputada galega, quen considera que este boicot vulnera o dereito de acceso ás peticións e ás denuncias da cidadanía galega así como a posibilidade de que exerza o seu dereito a comparecer na Comisión de Peticións.
Así Ana Miranda, explicou que a solicitude presentada, -en nome do grupo Verdes/ALE-, para que este colectivo puidese comparecer mediante o procedemento de urxencia na reunión da Comisión o 30 de setembro de 2024, obtivo o voto favorábel. Mais, segundo sinalou Miranda, xusto despois desa decisión, o grupo PPE, aliándose cos grupos de extrema dereita contrarios á UE, silenciou a voz de miles de cidadáns galegos, de organizacións da sociedade civil, das universidades galegas, ao rexeitar o seguimento desta petición baixo o procedemento de urxencia.
Silenciar a voz
Esta petición foi tratada, entón, baixo o procedemento ordinario e, en nome do grupo, Ana Miranda voltou presentar a solicitude para de que esta petición fose debatida publicamente durante a reunión da Comisión de xaneiro ou febreiro de 2025. Porén, o cambio do sentido do voto a última hora de determinados grupos de extrema dereita impediu que a voz de miles de galegos e galegos fose escoitada nesta comisión do Parlamento Europeo, silenciando a súa voz.
No encontro mantido con Anjinho, -máxima representante dunha institución da Unión Europea, que investiga as queixas de mala administración por parte das institucións e órganos da UE- Miranda tamén lle explicou que a Comisión Europea está impedindo o acceso á documentación relacionados cos procedementos de infracción abertos pola ampliación da concesión da AP9, Ence e sobre proxectos estratéxicos como a mina de Doade, como aconteceu antes co accidente do Alvia. “Queremos saber as causas deses procedementos de infracción e non nos permiten o acceso aos documentos”, manifestou e eurodeputada do BNG.