Ana Miranda: “Queremos galego tamén nas Escolas Europeas”
A eurodeputada do BNG dirixiuse ao Consello Directivo das escolas e reclama unha rectificación para evitar a discriminación da lingua galega
A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, dirixiuse ao Consello Directivo das Escolas Europeas para que o galego tamén sexa incluído nos plans de estudo destas escolas, que acaban de incluír o catalán como lingua nacional nese sistema a partir de setembro de 2026 a petición do Estado Español. “Queremos galego tamén nas Escolas Europeas”, subliña a eurodeputada galega.
“Solicitamos dende o BNG no Parlamento Europeo que o galego sexa recoñecido ao mesmo nivel que o catalán, xunto coas demais linguas oficiais da Unión Europea”, salienta Ana Miranda, quen explica que esta decisión significaría que o alumnado de primaria e de secundaria de orixe galega ou de outras orixes que queiran aprender galego e que asistan a esas escolas europeas, poida solicitar tamén clases de galego nos ciclos de infantil de primaria e de secundaria”.
A eurodeputada do Bloque sinala que posto que o Ministerio de Educación representa ao Estado non Consello Directivo das Escolas Europeas, tamén se dirixiu a el a través dunha carta para trasladar esta reclamación “diante das queixas de nais e pais que levan as súas crianzas as Escolas Europeas”.
Deste xeito, Ana Miranda dá traslado, novamente, a esta “demanda histórica” para que o galego sexa oficial na Unión Europea en todos os ámbitos e “para que rectifiquen e inclúan a lingua galega, que senón quedaría fora do sistema tamén a partires do ano 2026 e que poida estudarse galego tamén nas Escolas Europeas”.
Comisión de Peticións
Na carta remitida ao Ministerio de Educación, Miranda sinala que, como coordinadora do grupo Verdes/Alianza Libre Europea na Comisión de Peticións do Parlamento Europeo, “quero solicitar oficialmente, a inclusión do Galego como ONL no Sistema de Escolas Europeas, co mesmo status que o catalán e as demais linguas oficiais da UE”.
Neste sentido, a eurodeputada galega expresa que “senón estaríase facendo unha discriminación manifesta cara a nosa lingua que podería ser levada á Valedora Europea ou a outras instancias europeas como a propia Comisión de Peticións e polo tanto, creo que estamos nunha vía de negociación posible de que haxa unha rectificación de deixar á nosa lingua fóra deste sistema”.