Parlamento Europeo

Ana Miranda: “As políticas transformadoras do BNG nos gobernos locais son exemplo de boas prácticas en Europa”

Montserrat Casacuberta, Araceli Gestido, Leticia Santos e Ana Miranda
A eurodeputada do BNG amosa á concelleira da UDB en Rennes, Montserrat Casacuberta, as iniciativas desenvolvidas no Baixo Miño e o Morrazo

Mediante un percorrido polo Baixo Miño e O Morrazo, a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, amosou á concelleira da Unión Democrática Bretoa en Rennes, Montserrat Casacuberta, as diferentes políticas desenvolvidas polos gobernos do Bloque en Tomiño, O Rosal, Moaña e Cangas, centradas entre outras prioridades, na mellora da calidade de vida das persoas e a sostibilidade, consideradas como exemplos de boas prácticas en Europa.

“As políticas transformadoras do BNG nos gobernos locais son exemplo en Europa de boas prácticas e por iso temos a unha concelleira de Rennes interesada en coñecer as iniciativas desenvolvidas”, subliña Ana Miranda. Neste sentido, nos encontros mantidos coas alcaldesas de Tomiño, O Rosal, Moaña e Cangas -Sandra González, Anxela Fernández, Leticia Santos e Aracelo Gestido, respectivamente- foron analizados as diferentes iniciativas postas en marcha tanto respecto das intervencións no espazo público como da protección do medio ambiente, tendo en conta sempre a participación cidadá.

Ánxela Fernández, Montserrat Casacuberta, Sandra González e Ana Miranda

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González destacou, por un lado, os cambios levados a cabo ao longo dos mandatos na transformación do espazo público mediante a creación dunha nova praza como espazo de convivencia; e por outro, os cambios que se están desenvolvendo actualmente no modelo de recollida de residuos, no que a compostaxe xoga un papel moi importante. “Non só se trata de repartir os composteiros, senón tamén de dar formación e explicar in situ e en persoa o seu funcionamento”, destacou, ao tempo que salientou a importancia do tratamento das árbores “con cariño”.

Orzamentos participativos

A alcaldesa do Rosal, Anxela Fernández, explicou o compromiso do seu goberno coa sostibilidade ambiental, a conservación do medio ambiente e o aforro enerxético, incrementando a compostaxe e potenciando os espazos seguros que unen os distintos núcleos de poboación. “A través dos fondos Next Generation transformamos o 90% do alumeado público”, explicou.

Pola súa banda, Leticia Santos e Araceli Gestido, a respecto da súa respectiva acción de goberno salientaron a importancia de fomentar a participación veciñal e desenvolver uns “orzamentos participativos”, nos que as veciñas e os veciños poidan facer as súas consideracións nos proxectos que se desenvolven nas vilas. Neste sentido destacaron a necesidade de contar cos colectivos veciñais e os movementos sociais nas diferentes accións de goberno.

Ademais, no encontro mantido con Ana Miranda e Monserrat Casacuberta fixeron fincapé nas iniciativas desenvolvidas en materia de vivenda e saneamento, prioridades nos gobernos do Bloque.

A concelleira en Reims, pola súa banda, agradeceu poder visitar Galiza e comprobar os cambios experimentados nas localidades gobernadas polo BNG. En concreto, visitou as instalacións do mercado municipal para coñecer a remodelación realizada e a futura biblioteca municipal, actualmente en obras. “É moi grato poder coñecer en persoa as políticas transformadoras que desenvolven os gobernos do BNG e poder trasladar ideas a Bretaña”, subliñou Montserrat Casacuberta.